terça-feira, 30 de junho de 2009

Xa empezaron as rebaixas

Inda non rematou xuño, non sendo no tempo diste vrau case eterno que se nos implantou na casa coma ise parente que veu pasar un finde e quedou pra sempre, e velaí veñen as rebaixas do Corte Galego. Da corte galega, coma se dixeramos, e eu discutindo que se o eñe é máis galego ca o ene agá. Os amigos reintegras non me cren, pero son moi teimudo.
Xa empezaron as rebaixas e o fenómeno Reixa vai á feira cos cartos na mau. E non é o único que se pranta no mercado nise plan, que veño de cruzarme por onda os cochos cunha destacada figura do nacionalismo visible, e alá diante vexo a outra. A lingua tornouse en moeda de troco e os seus 'defensores' saen á palestra cos calzós baixados.
Ignoro que costumes se levan no trato en tan outas latitudes, pero por equí abaixo o que vende pide máis e o que compra ofrece menos, ata que chegan ó acordo. Se no caso da lingua, os 'defensores', e insisto nas apóstrofes, xa parten de considerar imposible que o galego se convirta na lingua hexemónica do país, pois apaga a lús, marilús, que marchamos. Se nunha negociación, que é do que se trata, unha banda parte de que lle está impoñendo algo a outra, polo menos que isa banda sexa a que impón. Que tanta pixada e tanta correución política está empezando a poñerme dos nervos.
Polo demais, de momento, o mono da nicotina levoo ben.

segunda-feira, 29 de junho de 2009

Eu quero tren. Metei polo cú a galiña

Seguimos a voltas co AVE galego -que non, carallo, que xa vos teño dito que é un Tren de Velocidade Alta, ou sexa un ave de vó baixo- e veña alá con prazos e con que se Blanco e Feijoo están en boas relacións. Que se biquen! Que se biquen! Agora o Feijoo é un supercampióndelamuerte porque conseguíu unha data fixa prá finalización da puta galiña dos collós. Entrando na movida -que iste imbécil alá lle foi patear e pasar calor a Lubión, maldito o día, autotraición chámase iso-, o 2015, que non poño eu nin as unllas no lume por ela, é unha data de merda. A iste paso, a pixada do país e os políticos, van ter que estar indo a Madrid en avión perante unha xeración máis, cando menos.
Pero esta conachada (chuminada din os casteláns), ó final, a qué nos leva? Porque que catro mangantes de toda a vida, fillos, netos e tataranetos de mangantes, que ostentan o capital do país, e outros catro palanganeiros -chámeselle políticos- que van ir da moca, porque pagamos todos, poidan viaxar á capital do mamoneo por vía terrestre en menos tempo, a nós, ós paduanos, ós paganos, os cidadáns e rurais de a pé, QUÉ NOS SOLUCIONA?
Eu, e coma mín milleiros, e ata me atrevería a apostar que centos de milleiros, o que quero é unha comunicación fácil e rápida coa cidade, a vila e a aldea máis próxima, cousa que hoxe converteuse nunha entelequia maior ca irse de chiquiteo á lúa. Non vai e non vai. Cada día péchanse máis e máis apeadoiros. Non se abren a penas vías dobles. O parque móbil ferroviario galego está envellecido, e o que é inda máis penoso, aliméntase do que xa non queren en Madrid.
E, quitante ó Iago Tabarés, non lle escoitei a ninguén das nosas fileiras defender o tren de verdade, o de toda a vida, aquil no que os avós ían á feira ou no que o tío volveu do servicio. Non existe.
Falan compañeiros e compañeiras de desconexión coa sociedade. Qué máis desconexión coa sociedade queredes, pixos de merda, que estarmos loitando polo tren dos ricos.
E non vou aceptar críticas. Se algunha hai, paramos de falar e arranxámolo estilo celta.