segunda-feira, 30 de junho de 2025

O convite de Hades

 - Mamá!, Mamá! Mamá! Por que estou aquí? Isto non é a miña cama. Onde estás, mamá? Teño medo, mamá! Dóeme a barriga, mamá, e o peito. Por que doe tanto?  Non dou aberto os ollos. Sinto vergoña porque chorei tanto que as bágoas fixéronse de cristal e pecháronme os ollos. Pero teño que ser grande, teño que ser forte, xa teño dez anos, ese é un número redondo, un número de dez. Agora non teño escusa para non ser o mellor neno, o mellor home, un estudante de dez, un defensor da familia de dez. Nunca máis rifarei coa Anisa e protexereina como ti fas e como papá fai, porque teño catro anos máis ca ela, case catro.

- Pero doe, mamá. Sabes, doe de carallo. Non me rifes, por favor, escapóuseme. Parece que podo abrir un pouco os ollos e ver algo. Que raro! Que fai a antena dos veciños diante miña cama. A antena dos veciños non tiña que estar no meu cuarto. Porque estou no meu cuarto. Sinto resoar ao papá. Resoa moi forte un par de veces e despois acalma. Estouno vendo, aínda que sei que é algo raro, como nun soño, como se os muros se volvesen transparentes e o vise a través da parede do meu cuarto e da do cuarto da Anisa. Pero a ti non te vexo, mamá. Quizais quedaches a durmir na casa dos amos dhimmis, pero non, porque hai xa anos que non te chaman. Lembro que estivestes tristes uns días ti e papá, e a Anisa e máis eu ao vervos, pero despois foi marabilloso terte sempre aí para nós e non ter que consolar á Anisa, a min non, porque son un home e son forte, aínda que doia, que doe de carallo. Perdón, outra vez.
O papá dorme tranquilo a uns metros de min, non fai ruído ningún. Agora consigo abrir outro pouco os ollos. Xiro a cabeza. Que fai a antena dos veciños no meu cuarto, ou no voso, pode que sexa o voso, ou o da Anisa. Está aí, aí está a Anisa. Ten a mirada de medo das noites de bombardeo, xa vou Anisa, miña irmanciña querida. Xa vou, pero non avanzo, como nun soño, as pernas non me responden. Tranquila, Ani, tranquila. Enseguida estou contigo. Non chores. E non me mires así de fixo. Ani! Ani! Atende. Dime algo. Dime onde están a túa barriga e as túas pernas. Non, non mo digas. Estounas vendo. Están ao alcance da túa man. Cólleas! Ho, Señor, cólleas e ponas, Ani, miña irmanciña querida! Papá, por favor, mira a Ani, xa está facendo o parvo outra vez! Mamá, onde estás? Acúdenos. Dille que chore, polo menos, que diga algo, que me chame parvo, doulle permiso.
-Mamá! Mamá! Ai, que dor, que dor na barriga e tamén no peito. Nas pernas non, polo menos as pernas non doen. Dille á Ani que me perdoe, que non quixen turrarlle do pelo, que era broma, mamá. Senón non llo digas, vou ir eu.
Xa está. Conseguín erguerme. Xa case non me doe nada. O papá abriu os ollos, viume e está tan orgulloso de min, do seu home de dez, que vai onda a Ani e espértaa, consegue convencela de que poña as pernas e, nada máis poñelas ela lánzase cara a min, ceibando un ledo Bulbul!, Bulbul!!! tan forte que a antena do veciño desfáise en anacos. Veñen correndo na miña procura. Despois iremos todos buscarte.
Canta luz, mamá.


 

quarta-feira, 26 de setembro de 2018

Infectados


Se preguntas a calquera dos superviventes, dirache que ó principio non nos decatamos de que estaban aquí. Mentres houbo poucos infectados, case ninguén falaba deles, como se non existisen. Pero non era así. O certo é que estabamos mirando para outro lado. Entretidos cunha política que cada día era máis espectáculo e cun espectáculo a cada momento máis folletinesco, o progreso da praga pasounos desapercibido ata que foi demasiado tarde.
Pensabamos, probablemente, que aquel mal pasaría, como o ébola ou a gripe A, afastado das nosas vidas, pois ese tipo de desastres sempre sucedían a miles de quilómetros de nós. E quizais fora así de non ser pola conmoción. Como un corpo afectado de estrés que sucumbe a unha enfermidade, a sociedade abriuse á infección e esta espallouse como a onda dunha explosión. Da noite para a mañá, o mundo transformouse.
Durante semanas agardei acontecementos pechado na casa, ata que as provisións empezaron a esgotarse e o desacougo a invadirme. Había que tomar unha decisión. Con tódalas precaucións, saín na procura de alimentos non perecedoiros e auga embotellada. Tiven sorte e repetín a operación varias veces sen un mal encontro. Máis tarde, souben que acostuman gorecerse da intemperie en cafeterías, grandes superficies ou centros comerciais, con preferencia ás tendas e pequenos supermercados. Quizais conservan un atavismo social que os fai ir en rabaño ós mesmos sitios que visitaban antes de os alcanzar a epidemia.

Pasaran máis de tres meses da conmoción e as miñas expedicións na procura de bastimentos empezaban a facerse rutineiras, cando tiven o primeiro susto. Un zombi de idade e bastante estragado estivo a piques de comerme o cerebro cando amoreaba latas de xoubas –Sardinillas en aceite de oliva, dicía a etiqueta- no carro, moi feliz de atopar alimento tan saboroso esquecido do primeiro pánico. Desfíxenme del como puiden e lisquei do sitio abandonando o meu botín.
Pecheime na casa e asegurei aínda máis todas as posibles entradas. Durante días volvín vivir como ó principio da crise. Pero ía ter que saír outra vez nun momento ou outro, e tería que ser pronto; estábase acabando o papel.
Foi cando decidín ampliar as rutas e, ademais das incursións de avituallamento, realizar exploracións. Espiaría ós infectados, o seu número, os seus costumes, todo aquilo que me axudase a sobrevivir. Dei cos lugares onde se xuntan en maior número, os que máis me conviña evitar. Tamén coñecín os seus horarios, pois a pesar da súa falla de axilidade mental, son nómades e desprázanse en manda a distintos puntos da cidade segundo a hora do día.
Agora sei que carecen case completamente de olfacto, quizais como unha forma de autodefensa, e a súa vista tampouco é moi boa, non sendo para detectar o movemento. O que si teñen é un oído agudo, co que detectan ós seus conxéneres e ás posibles presas. E teñen unha linguaxe rudimentaria, cousa que resultou unha beizón, pois coñecela permitiume máis adiante camuflarme entre eles.
Despois do que podería chamar período de proba, son un ser humano con posibilidades de sobrevivir neste mundo post-apocalíptico. Se bato con algún infectado, incluso con varios, basta que repita algunha das súas combinacións de sons para que me tomen por un deles e me deixen tranquilo.
Cun “eu non me complico a vida”, “nos imponen el gallego”, “non son de esquerdas nin de dereitas”, “todos os políticos son iguais”, “tratan mellor ós inmigrantes”, ou cousa polo estilo, ningún sospeita que non estou infectado, e podo desenvolver tranquilamente a actividade do día. Se isto non funciona, sempre me queda a opción de retirarme discretamente e morra o conto.
Posdata: Hai veces que necesitamos comportarnos como seres humanos e xuntámonos os superviventes. Somos poucos. Sospeitamos que hai moitos máis, só que son moi bos imitando ós zombis.

segunda-feira, 20 de março de 2017

O revólver

–O momento de marchar as moscas é cando ven o rabo.
–Ei, qué? – Custábame saír do sopor.
–Hai que marchar.
–Os lagartos?
–Si. Non veñen por nós, tranquilo. Tamén se veñen ocupar, pero temos que liscar. Colle a roupa e as armas. Xa te vestirás na calexa.
Xa estaba poñendo as botas. A Minia espertaba coa axitación.
–Mmm... pasa?
–Marcho, que teño que marchar.
–Tomé?.
–Qué?
–Dime que non teño as pernas gordas.
–Non tes as pernas gordas.
Xa estaba na porta. É mentira. A Herminia ten as pernas gordas, si, pero ben feitas. Ademais ten outras virtudes. Ningunha outra se houbera botado a min sen antes bañar a sucidade de un mes no monte, lavándome como os gatos cando se podía.
–Daquela, o día da feira.
–Si. Na feira do seis. Cómpralle roupa de abrigo ós rapaces, e víveres. Levades unhas cestas, como se fosedes comer de campo, e tirades ata o Souto. Alí xa vos saio eu. Quédanche duascentas pesetas debaixo da almofía.

O Sindo esperaba no corredor, medio en coiro, nunha man a roupa e o macuto e a pistola na outra. Saltamos por unha fiestra á calexa que comunica a rúa e a ribeira. Fedía a mexo. Buscamos un lugar seco e agochado onde acabarnos de vestir.
–Qué era iso da feira?
–Voume con ela. Ímonos a América, a México. Xa teño pasaxes nun barco que sae de Lisboa o quince.
­–Pero, coa Minia? Se é unha puta.
–Xa. E quen non é unha puta nestes días?
–Só digo, xa sabes, que a cabra tira ó monte.
–Mira, Sindo, – respirei profundamente – a Minia perdeu ós pais o primeiro ano da guerra. El estivo nas gardas roxas que se formaron, con armas confiscadas, para manter a orde. Cando se disolveron ó saberse que o exército controlaba a situación en Ourense, foise a casa. En setembro, viñérono buscar e nunca máis se soubo.
“A nai perdeu a cabeza. Din, pero seguramente non son máis que rumores, que lle contara todo en confesión ó cura que lle denunciou ó home. E a Minia, que era a maior, tivo que ocuparse dos tres irmáns. Despois foi cando raparon ás mulleres dos fuxidos e dos mortos, déronlles aceite de rícino e paseáronas arriba e abaixo pola vila. Tocoulle á Minia, porque a nai xa parecía un peixe. Puido ser ó ver á filla chegar rapada e sucia da súa propia merda, pero a nai, que xa non reaccionaba, colgouse dunha trabe da corte. A Minia tivo que buscarse a vida para manter ós irmáns.
“Aí tes á túa puta.
–Retiro o que dixen. Teño algúns cartos, se queres.
–Gracias. Teño todo arranxado. Pídoche só que non o comentes.
–Eu non sei nada.

Gastamos o día nun salgueiral pé do río, fóra da vista tanto da poboación como da outra beira. As horas pasaron lentamente sen poder nin fumar para non delatar a nosa presenza. Chegou a noite. Polo camiño máis longo, contornando a vila, achegámonos á casa rectoral desde o norte. Deixamos os macutos ben ocultos entre unhas matogueiras. Chamamos á porta, uns golpes tímidos, contidos, como se fósemos suplicar os últimos sacramentos para un defunto.
“Se son máis bocalán, cólleme un chanco”, ía pensando. Non se me quitaba da cabeza. O Tomé ía diante, cara contrita e gorra entre as mans. O revólver oculto no pantalón. O revólver que eu mesmo anotara a nome de Belarmino Rubiana, sacerdote, cando tomaba nota da incautación. O cura recibiunos coa escopeta na man. Había que ter coidado e andar áxiles.
–Don Belarmino...
Non lle deu tempo a máis. O cura coñeceume, a pesar de ter a gorra baixada e buscar as sombras.
–Sindo. Roxo do demo, qué fas eiquí?
O Tomé foi sacar o revólver e chegou a telo na man. O cura disparoulle os dous canos no peito. Os nervios. Mentres o Tomé caía, disparei ó cura. Caeu batendo cunha arca e acabou sentado contra a parede. Non estaba malferido, pero a súa actitude cambiara completamente:
–Non me mates, Sindo. Sindiño, non me mates. Xa sabes que fun eu quen te bautizou.
Apañei do chan o revólver do Tomé. Non había moito tempo. Con tanto tiro, seguro que xa alguén corría dar a alarma ó cuartel.
–Sindiño, ten piedade. Sindiño...
Apuntei o revólver coidadosamente.
–Don Belarmino, só lle devolvo o que é seu.
O 38 bateulle no medio do peito e por fin calou.

O Sindo desembarcou en Veracruz, xunto con Minia e as dúas irmás pequenas –Ramiro, o segundo, non quixera acompañalos.  A súa intención era seguir ata Newark, onde tiña familia, en canto reunise algo de diñeiro. Acabou retomando o seu antigo oficio de taberneiro, casou coa Minia e criaron fillos jarochos. Á Minia levouna unha embolia en 1983. O Sindo volveu o Val, pero non encontrou acougo. Visitou cada sábado a Minia no Cementerio Particular de Veracruz, ata que en 1997 decidiu quedar con ela.

sábado, 31 de dezembro de 2016

Uvas de aninovo, un costume madrileño

Esta noite toca papar unha ducia de uvas, si ou si. É tradición, igual que torturar un boi ata a morte ou rirse dos parvos. No estado español non callará a tradición de regalar libros, pero calquera estupidez arraiga enseguida.
Parece ser que a finais do século XIX, en Madrid, ante un edicto represivo do alcalde, algúns cidadáns decidiron representar na rúa as ceas da alta burguesía con esa retranca madrileña que os caracteriza. Esta cea incluía uvas, un produto moi exclusivo porque non era época delas, así que os simpáticos foron á Puerta del Sol papar un bago con cada badalada. O chiste transformouse en tradición como se estendeu a peste ou a tuna, por osmose entre iguais, como GH ou OT –MYHYV queda como caso aparte para monguers premium. Para acabala de rematar, en 1909 houbo unha colleita enorme de uva en Alicante e a campaña para vendela viña ó pelo para tapar os excesos gobernamentais dese ano. Estaba servido o escenario para que cen anos máis tarde haxa que esganarse co froito da vide mentres escoitas estupideces e badaladas ata nas teles autonómicas.

Pola miña parte, este ano non. Que o ano sexa bo e punto. A ver se os cataláns van abrindo o camiño da independencia e boa parte do meu pobo abre os ollos.
Feliz 2017 e a Madrid deséxolle que pronto xa só sexamos veciños.

sexta-feira, 9 de dezembro de 2016

Só unha presa de bits

En 2003, o profesor de filosofía británico Nick Bostrom suscitou a posibilidade de que o universo observable sexa unha simulación informática. En 2012, dous físicos da Universidade de Washington en Seattle e un da Universidade de Bonn publicaron un traballo conxunto no que establecían as bases teóricas desa hipótese. Como din eles, “en principio, sempre queda a posibilidade de que os simulados descubran ós simuladores”.


Deume por xogar un pouco a Matrix no segundo conto para a revista Terra deOutes. Trátase de ciencia ficción, como demostra o feito de que a nova do xornal estea escrita en galego. Como soe dicirse nestes casos, calquera parecido coa realidade é mera coincidencia.

Símbolo



Cando saín do aseo, quedei unha fracción de segundo prendido no smiley con pingas de sangue debuxado no interior da porta. O artista ata se molestara deseñando as gotas noutra cor.


O Anxo seguía remexendo no café coa mente aparentemente concentrada na lectura do xornal.

Encontrado morto o catedrático e investigador Xosé Anxo Camalo
O corpo do científico apareceu desangrado, cos pulsos abertos e sen outro signo de violencia, na bañeira da vivenda unifamiliar que habitaba na Rúa de San Lázaro desta cidade. Á espera dos resultados da autopsia, todo apunta a un suicidio.
O científico desenvolvía a súa actividade docente e investigadora nas Facultades de Física e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. No seu despacho desta última, recibiunos amablemente a semana pasada. Para este xornal, comentou entre outras cousas o seu uso presuntamente abusivo das instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia CESGA, relacionado co caso de prevaricación que investiga a xuíza Arqueta, no que estarían implicados altos cargos da Consellería de Industria e incluso o propio conselleiro.



Senteime sen que se decatara e dixen o primeiro que se me ocorreu para chamar a súa atención:
- Xa estará o azucre disolto, ou?
Levantou a vista, aínda coa mirada un pouco perdida.
- Non te sentira. Fíxate que artigo máis ruín. Xa condenaron ó conselleiro e a min mesmo. É certo que estou usando moito tempo do Finisterrae, pero grazas a iso temos avanzado nuns meses máis que en todos os anos que levamos de investigación.

Deixei que se estendera un pouco, porque semellaba facerlle ben, e despois pregunteille polo que xa medio me explicara por teléfono.

- É a penas a punta dun fío da trama, pero é o principio de todo o demais. Temos a linguaxe que describe o Universo e xa só nos falta desenvolvela para que o abarque todo. Vas ser dos primeiros en velo.

O sábado estabamos os dous nunha sala grande do CESGA, rodeados dun rumor electrónico. Díxome de sentar nunha cadeira cómoda mentres el sentaba enfronte diante dun monitor e un teclado. Despois levantouse, alongoume un aparello e axudoume a colocalo na cabeza.
- Parecen unha gafas de realidade virtual.
- Si. A forma é a mesma, pero o principio é un chisco diferente- dixo, con ese ton retranqueiro que di moito máis do que contan as palabras.
Así que puxen aquel casco.


Souben da morte do Anxo de forma un tanto brusca. Recibín unha chamada desde o seu número pero quen se puxo ó teléfono resultou ser un inspector de policía. Sempre pensei que os policías non son especialmente educados nin amables e este non fixo por quitarme esa idea. Nin gardei na memoria o seu apelido. Informoume a un tempo de que o meu figuraba na guía do profesor como teléfono de emerxencia, do seu presunto suicidio e de que se me requiría inmediatamente, e insistiu no de inmediatamente, para aclarar as posibles causas e descartar un homicidio. Naquel momento, non desbotaba eu esta posibilidade. No noso último encontro, só uns días antes, amosárase entusiasmado polos últimos avances no que el chamaba o traballo de unha vida. Estaba, dixera, moi preto de rematar unha sección do deseño, e iso sería como chegar ó elevador que conduce á cima despois de anos de escalada, e ter o dedo no botón.

Esquecía contarche que o traballo do profesor –parecerache disparatado- consistía na procura do símbolo perfecto, o que definiría a totalidade do Universo. Empregando unha mestura de fractais, iconografía, metalinguaxe, que sei eu, e unha morea de coñecementos, levaba dúas décadas dedicado a profundar no que chamaba, retranqueiro porque era profundamente ateo, a escritura de Deus. Dicía que avanzara máis no último ano que en todos os anteriores. Por fin conseguira tempo no Centro de Supercomputación de Galicia para acelerar os cálculos das súas ecuacións, que implicaban unha infinidade de factores, por non falar da propia representación do símbolo. 
Naturalmente, non contei nada de todo isto á policía. Limiteime a explicarlles o estado de ánimo no que o vira por última vez. Despois dunhas horas, a maioría de espera en asentos dun frío corredor, deixáronme marchar co meu baleiro. Sempre é lamentable a morte, máis cando é a dunha boa persoa, un erudito e, sobre todo, un bo amigo. Cando por fin estaba fóra da vista da comisaría, nun recuncho da Alameda, permitín que se me encollera o corazón e embazaran os ollos.


Ó día seguinte tiña unha carta súa na caixa de correo, a carón das facturas. Símbolos. Facendo un esforzo, conseguín subir ata o andar, abrir a porta con man trémula e sentarme no salón antes de abrila. Era concisa, como fóra o autor:

Benquerido Xaime, o símbolo xa está escrito, e non somos nin o til. Bostrom non ía desencamiñado. Isto é unha caixa de Pandora e xa apareceron forzas que non dubidarían en cometer calquera atrocidade con tal de que non se coñeza a verdade. Só ti e máis eu sabemos que estás no secreto. Recoméndoche que destrúas esta carta en canto a leas, esquezas o asunto e ata que algún día me coñeciches. Supoño que é un adeus.

Unha inmensa aperta do teu amigo
Anxo.



Estaba metido en algún líquido morno e custábame respirar. Tentaba bracear na procura de luz e ar, pero nin brazos nin pernas me obedecían. Sentín que alguén turraba da miña cabeza e cando abrín os ollos alí estaba o Anxo, coa súa bata de laboratorio engurrada e cara de preocupación. O zunido aumentara varios decibelios na gran sala, así que case tivemos que berrar para oírnos.
- Estás ben?  Podémolo deixar para outro día.

- Si. Será mellor deixalo, meu.

domingo, 16 de outubro de 2016

Un recanto de paz


O mundo era de pedra e madeira, ferro e tela. Terra, auga, lume e aire do pobo. Mulleres de pedra baixaban coa tina de roupa á cabeza camiño do regueiro. Había un lavadoiro ben preparado e cómodo pé da estrada que viña da capital, pero algunhas por quedarlles lonxe e as máis por buscar o fresco, no verán preferían aquela alternativa, nun recanto da canle protexido a nacente e poñente por senllos muros dun casarío e unha viña.
O regato baixaba ledo nas pendentes, melancólico nas chairas, desmedrado porque era o estío. As mulleres ían buscar a sombra dos amieiros onde usaban de lavadoiro unha poza pouco profunda que elas mesmas prepararan e na que cada unha arranxara a súa pedra cunha cara máis ou menos lisa para poder refregar a roupa. De xeonllos na herba ou nunha peza de roupa que quedaba para o final, mergullaban, degrumaban, batían e refregaban varias veces antes de enxaboar con xabón Lagarto ou, as máis das veces, cun caseiro elaborado a base de sosa e graxa animal, o que lle daba un aspecto comestible. Despois repetían a operación de bater e refregar antes de escorrer e devolver a roupa xa lavada á tina. Laretaban de todo o humano, criticaban ós veciños e rían moito. Pobre da que ese día non estivese no corro.
Despois, rematado o traballo case simultaneamente con independencia da cantidade que levase cada unha, recollida a roupa nas tinas de latón e, axudándose unhas ás outras a erguer, cargábanas sobre a cabeza en equilibrio, amortecida a presión por unha rodilla de pano. Marchaba entón cada unha tendela na casa, na horta ou onde mellor lle parecese.
Quedaba aquel curruncho tranquilo do mundo só para os seus outros habitantes. Inda ben non se silenciaran na distancia os pasos das lavandeiras, tomaban a charca os zapateiros, tan leve fóra a agresión, e pelexaban por un anaco do territorio. As rás, pequeniñas como saltóns, eran máis tímidas e dúas ou tres aparecían pasado un tempo. Cabaliños do demo azul metálico despegaban entón dos seus pousadoiros para disputarlles os bocados voadores.
Chegaba a hora da sesta e unha figura pequena e delgada aparecía polo sendeiro. Seguramente xa traía na man unha vara acabada de cortar cun coitelo collido emprestado do comedor. As mellores eran as de vimbio, coas que rozaba limpamente a herba que nacía pé dos muros.
Nun mundo sosegado, do que era amo e señor, navegaba barcos de papel cando o había, e senón de cortiza de piñeiro ou simples follas secas dos propios amieiros. Pousaba os navíos corrente arriba e íaos esperar na poza, disputáballa con eles ós zapateiros en guerras cruentas só na imaxinación do pequeno. Arrincaba a semente da avea e bombardeaba con ela amplas zonas da charca, provocando o pánico dos seus habitantes. Cazaba os cabaliños chegando silandeiro desde atrás e apreixándolles as ás con dous dedos, para ceibalos inmediatamente despois de miralos un intre ás mil facetas, polo puro pracer de demostrarlles quen mandaba naquel tramo do río.
Cada vez máis, a medida que pasaba o tempo, conformábase con sentarse nunha pedra, nun tronco inclinado ou nunha póla baixa, e disfrutar daquela paz inabarcable que, por algunha razón, non era quen de levar consigo.
Pasaron os anos. O neno fíxose mozo e un día, antes de marchar lonxe, escribiu na cortiza dun dos amieiros aquela frase atribuída ó xefe Seattle, que resultaría tristemente profética:
“Cando se corte a última árbore, cando se envelene o último río, cando se mate o último animal, o home decatarase de que o diñeiro non se come”

Pasaron os anos. O mozo fíxose home e soubo que o novo propietario da viña cortara os amieiros porque lle facían sombra ás cepas. O novo propietario da viña pronto morreu de vello. Pouco lle aproveitou a cobiza e ruindade.
Pasaron os anos. O home volveu ó seu curruncho tranquilo. As pedras de lavar estaban movidas. Non había amieiros. Non había zapateiros, nin rás, nin cabaliños do demo. Aquel recanto de paz inabarcable xa non estaba máis que na súa memoria.


E o neno chorou.

Espreguizándose

Espreguizarse, despois dunha sesta de anos, como Ero de Armenteira pero sen visións do Paraíso, e porse en marcha outra vez; velaí o que lle toca ó vello Vinte arrobas. E qué mellor que cun contiño que andaba hai tempo dando voltas e non acababa de tomar forma.
Acaba de publicarse na revista Terra de Outes, co pseudónimo de Henrique Figueiredo.



quinta-feira, 28 de fevereiro de 2013

Amador das palabras

Ando na procura dunha palabra que me sona de terlle escoitado ós maiores. Sónanvos as 'crezas' referido a vexetais? Como acabo de escoitarllo a un gomeiro -un da Gomera- falando dunha parte que aproveitan das faias, entroume outra vez o proído de andar á caza da orixe das palabras. Curiosas, moi curiosas certas simetrías entre o noso pobo e o canario. Sabiades que a billarda é alá un deporte nacional? E as palabras, que, van ou veñen?
Esta dende logo está aí, pero non a contempla nin o diccionario da RAE, nin o da RAG, nin o Estraviz. É unha palabra alegal.
Canto traballo queda por fagher pra salvar todo o que poidamos da nosa Lingua e que poucas ansias teñen algúns. As facultades de filoloxía -filologia, escreben iles- do País, que as pechen! Pr'o que serven. Convertéronse en atallistas e embaixadores de Lisboa. E mentres, a Lingua extínguese palabra a palabra por morte de usuarios.
"Eu non sei falar o galego", di a miña nai. E quere significar que a súa linguaxe está contaminada de uns poucos castelanismos, pero sobre todo, moi sobre todo, que no seu vocabulario non entran os cultismos, como fulcral, por poñer un exemplo. Non se decata dos centos de palabras da terra e do viño que ela si coñece e o sabio non, e que na súa vida interesarán a un filólogo de facultade. Porque neste País, e non en exclusiva, salvamos o que podemos a golpe de aficionado. De amador, din os do dialecto portugués, e aí ves, aí si que lles dou a razón.

quarta-feira, 17 de agosto de 2011

Por qué mandei á merda a U2?

Eran mediados os 80’s e os iutú crebaban esquemas, ata o punto de podelos considerar os Udeus do pop-rock internacional. Ata tal ponto eran bos, que facían cambalear os meus principios básicos na música. Daquela os meus referentes eran os Barós, AC/DC, Motorhead,… Xa tiña o gosto moi definido e un gosto moi bo, pero os irlandeses pegaban forte. De repente, fixeron un filme que se publicitou amplamente na radio e a televisión, e incidía na miña retina cada semana, cando ía ó cine o día do espectador.
Chegou o día da estrea e formei dilixente e pacientemente na fileira para conseguir a entrada. Despois daba tempo sobro a ir tomar un café e ler o xornal antes de que empezara a seguinte proxección. Pero era tal a ansiedade que me presentei na entrada do cine case media hora antes de abriren as portas. Esperei. Cando marchaban os espectadores da sesión anterior, non me daban acabado de saír. Entrei e senteime. Aguante dez minutos de luces cendidas e outros dez de distel, e empezou o filme. Por fin.
Qué decepción! Aquilo era unha colección de videoclips, nin xiquera currados, sen mensaxe nin guión. Unha especie de recopilación de restos dos seus últimos concertos en Europa e América. Un puto documental barato. Para min, que acababa de ver The Wall de Pink Floyd había nada, porque na súa estrea era demasiado novo para poder decidir, foi como se me pasasen o cueiro suxo polos morros. Agora tíña o filme dos ingleses fresquiño de todo para comparar. E non había comparación. O filme dos Pink tiña guión, tiña mensaxe, entrega, estética e estaba currado a tope. Grazas, Bono, tarado de merda, por facerme heavy para sempre. Debera darvos vergoña deturpar así as vosas raíces celtas. En fin, de onde non hai non se pode sacar.
Long live hard rock!

terça-feira, 2 de agosto de 2011

sexta-feira, 17 de junho de 2011

De indignación e convivencia

Seguen os indignados nas nosas prazas, argallando cataplasmas mornas para solucionar todos os problemas da sociedade cun só toque de variña máxica. Increpan aos políticos sen distinción, ou non? A verdade é que o fan con máis pracer e saña con aqueles que levan décadas loitando por unha sociedade máis xusta, mentres bican as lousas por onde pasan aqueles outros que os encirraron inicialmente e que só esperan o esnaquizamento dos últimos anacos da sociedade do benestar para facerse co poder, co poder absoluto. Descobren que a policía, os supostos defensores da lei, non actúa con ética tampouco contra eles. Non eran quen de crelo cando os que recibían porrazos e pelotazos non eran eles. Eran nais e pais de familia que defendían o seu posto de traballo ou os seus dereitos, pero que endexamais morrían en cumprimento do deber nin deixaban desconsolados fillos como os uniformados. O fillo dun obreiro non ten capacidade para estar desconsolado e se chora, ben pode aproveitar para lavar a cara. As vítimas desa banda sempre “algo farían”.
Preocúpanlles os ‘privilexios’ dos políticos e dos funcionarios. Se por eles fóra, un enfermeiro iría traballar de balde e cunha bola de ferro encadeada a un nocello. Para eles, o cumio da revolución é retirar 150 euros do caixeiro, todo o mundo ó mesmo tempo. Non pensan que para iso primeiro haberá que telos.
E mentres, a sociedade non está enferma polos salarios dos funcionarios, nin polas xubilacións dos deputados. A enfermidade social está nos millóns de apalermados que sofren durante toda a semana debaixo da bota do amo e o domingo vanlle lamber o cú no estadio porque resulta ser o presidente do equipo dos seus amores. A enfermidade está nas rúas das cidades, onde impera a lei do máis chulo e a dictadura do tempo.
Inda me contaba onte unha amiga que sufríu un deses accidentes estúpidos pasando por unhas galerías comerciais. Caeu e escordou un pé. Contoume que botou un bo anaco tirada no chan, pasando xente a carón dela, sobre todo xuventude, e só ó cabo de varios minutos un señor axudouna a erguerse. Esa é a mesma sociedade que se aleda de que a un funcionario lle rebaixen o 5% do seu salario.
Esa é a mesma sociedade que non se indigna por aparcar nun paso de peóns -e as cadeiras de rodas, os carros de neno e os da compra que pasen polo ar-, que non se indigna por levar estirada ó máximo a correa do can ou por deixar as beirarrúas sementadas de esterco, que non se indigna por saturar as urxencias dos hospitais públicos por nimiedades, que non se indigna por ter que ir coa tarxeta sanitaria na boca retirar unha receita médica da farmacia, ou por ter que levar sempre o DI do reino de españa para non ser detido e identificado, que non se indigna por ter que pagar para entrar en Expourense cando xa lle cobran aos expositores e quen ben se pode permitir pagar, vai convidado.
A mesma sociedade desta cidade hipócrita, capital da provincia máis empobrecida do reino de españa, que vai ter que axustarse ás novas demandas da vaca alemana e, porén, vai seguir sendo a primeira importadora de coches teutóns. A cidade de Fíos, si, dos deseñadores máis innovadores no corte e máis fachas no social e no igualitario. Malditos Verino e Domínguez. Císcome nas vosas teas, nos vosos viños e na vosa suficiencia. E císcome nos talleres de costura en baixos que apenas dan pra aparcar dous coches, sen unha miga de luz natural nin máis aireación que a que veña de subir un chisco a persiana metálica. E isto non tiveron que contarmo. Isto vino eu. Así se xustifica o parque móbil do cancro das Burgas.
Indignadiños, queredes que me indigne e vos acompañe nas prazas? A qué? A insultar ós políticos probos mentres lle facemos festas ós feixistas? A ceibar consignas sen comprometerse? A mudarlle o nome á Praza Maior por Plaza del 15 de Mayo, eh madrileñiños meus? Pois non vai ser, porque xa levo toda a vida indignado e non me sae do escroto descobrir estas alturas a pólvora mollada.

terça-feira, 22 de março de 2011

Un biquiño prá democracia

Viñeron onte á noite por nós, por Orang e por min. A mamá quixo meterse no medio, cuspíu ó soldado que me quería levar preso e bateulle na cara ó que termaba para levar ó Nadim, o fillo maior dos veciños. Custounos horrores que non a levaran connosco. Razoei un anaco cos das metralletas e conseguín que deixaran a Orang na casa. Estou convencido de que sairei ben desta. Semellan xente razoable. O Nadim dubida e tento animalo.
Batéronos nada máis chegar ó cuartel. De feito, xa nos cuspiron e tiraron pedras e vasos segundo entrabamos no campo militar. Cústame animar a Nadim e ós demais, porque teño unha brecha na cella dereita que sanga sen parar. Os soldados borrachos que asediaban o camión non me certaron, pero o sarxento que goberna o pelotón si que me atinou coa pistola. Xa non me parecen tan razoables, pero tento tranquilizar ós compañeiros.
Un rapaz que vai connosco e que se chama Nallam, empeza a berrar. Temos que calmalo como podemos, porque o sarxento, que non cheira para nada a alcohol pero debe tomar algunha outra substancia, manda parar, abre a porta e asoma a pistola cada vez. De feito, Karim, o tipo que está ó lado de Nadim, ten un tiro nunha perna dun rebote. Todos rezamos a Alá para que o sarxento non dispare, e para que deixe de tomar o que sexa que se está a meter.
Acabo de ver, cando o sarxento abre a porta, pouco antes de abrirme a outra cella, que estamos chegando ó monte da Muller Deitada. Pensei que estabamos máis lonxe da casa e empezo a ter esperanzas. Ó mellor ceibannos eiquí e podemos estar na aldea en menos dunha hora, coa lección aprendida.
Mándannos sair do camión. Apartan e levan con eles a Karim. Lévano con moita delicadeza, supoño que a unha ambulancia da cruz vermella que vimos pola regaña da porta antes de pararen o camión. Para min que están a punto de mandarnos á casa. Non sei por que, pero de súpeto lémbrome do arrecendo das filloas de millo miudo. O sarxento está levando unha boa por partirme as cellas. Acabo de ver a un tenente ou algo así mandarlle unha bofetada que case o chimpa. O tenente mira para min e sorrí amistoso.
Trabuqueime. O tenente acaba de darlle unha puñada fortísima no peito ó Nadim, que non pode evitar caer. Xa no chan, mándalle dúas patadas nas costelas antes de berrar algo en americano. Un soldado moreno traduce: “Íspete. Saca os pantalóns. Queremos ver que non levas unha bomba atada ó corpo”. Nadim, o meu amigo que me levou espiar a poza na que se bañan as mulleres, xa é maior. Ten quince anos. Baixa os pantalóns e mira para nós cun medio sorriso. Chíscolle o ollo sen que nos vexa. O chiste é que os soldados teñen o rifle grande pero a pirola pequena.
Non nos da tempo a saborear a camaradeiría. Nunha sucesión de ordes, obrigan ó Nadim a quitar tamén os calzóns e refucir a camisola. Estou medio asustado, porque se me fan baixar a min os pantalóns van descubrir que non teño para calzóns. Un soldado moi noviño saca unha cámara dixital e empeza a tirarlle fotos ó Nadim. É curioso, pero inda nantronte estabamos falando de aforrar entre toda a tropa para mercar esa cámara. Pídolle que nos fotografe ós que estamos esperando, e mándanos unha ducia de flashes. Nunha delas, achégase a nós e plántame a compacta no narís. O que me faltaba. Xa non sei por que parte da cara non sango. O soldado americano ri.
De súpeto, todo se transforma. O Nadim está refucindo a camisola, cos pantalóns e os zapatos baixados, e pon cara di rir do noso chiste. Oense tiros. Vexo a cabeza do Nadim, da que só queda a cara. E vexo unha pistola cun burato coma un túnel, e vexo lume.

terça-feira, 15 de março de 2011

Imposición

Saio da casa e camiño case dous quilómetros ata o meu posto de traballo. Camiñar é bo, mais afortunadamente non estou obsesionado pola miña lingua, porque deixando a parte unha "Perruquería" unisex, e dous bares, tódolos establecementos están rotulados en castellano. Curiosamente, unha porcentaxe abrumadora de quen os atende usa o galego como lingua habitual. Pensa en galego, inda que por veces ou todo o tempo sinta complexo de inferioridade e salte a un castellano abaneante pra agasallar ó cliente castrapeiro ou quedar ben diante do provedor vigués. No limiar do choio hai un anuncio en octavilla amarela "Se compra oro", que xa non é o primeiro nestes tempos de crise, e un aviso do Servizo de Limpeza do Concello de Ourense. É o único en galego. O miolo do texto está en correcto castellano. Recollo a publicidade, deixando a máis nova. Toda, agás a dun supermercado propiedade dun concelleiro nacionalista dunha vila cercana, está en castellano.
A media mañá, chamo á sede de Vigo da empresa que se ocupa das caldeiras de gas natural, por facerlle un favor a unha veciña anciá. A miña interlocutora dime co seu peculiar acento atlántico que non me entende. Baixo o nivel ata o de pailana de cidade e chórolle un pouco coa idade e o estado físico da miña protexida. Accede por fin a mandarlle un técnico.
Segundo chego á casa, despoixa de facer ó revés o mesmo percorrido, chámanme de movistar. Agora o que non entende moito son eu, porén ser o meu castellano mellor que o de moitos académicos da súa lingua. Un individuo co deixe e nugalla lingual transatlántico pretende colarme un novo servizo da empresa telefónica. Recurro a non ser galegamente amable e pasarme ó castellano. Ó cabo de só un minuto, o pobre asalariado desiste.
Teño un intre para abrir o correo. Hai unha notificación da Consellería de Política Territorial, que tamén remata aí o seu galego. Todo o resto ven en castellano, incluído un impreso para rechear cos meus datos. Gárdoa coas demais, que chegaron cando o PsóE era quen levaba esa consellaría, cos mesmos impresos en castellano.
Prendo un anaco a tele. Teño as canles de pago de R. O pago actualízase cada ano, pero as canles de pago cada vez meten máis anuncios. Isto non ten ren a ver co tema da lingua, pero tamén me fode un anaco bo. Teño a elixir, entre unhas e outras, unhas cen canles. Só dúas, a Telegaita e a Telegaita TDT, maltratan a lingua galega. Todas as demais, a que maltratan é a lingua castellana.
Podo seguir así ata a noite, ó longo da semana, do mes, do ano. Claro que coa familia e os amigos falas en galego, pero case só é o que hai.
Cre alguén que houbo ou hai imposición do galego? Si. Tamén hai unha boa porción de xente que cre nun amigo imaxinario e non pasa nada.
Qué orelladas!

segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

Sachando no Tarrío



Cando eu era pequeno, o sistema que che había era a EGB: Educación General Básica. Que o de General debía ser por un gordiño -ata que se puxo flaquiño e uns cantos ilusos ilusionáronse-, pequeno e con bigote que seica mandaba en todo. Se mandaría, que ata tiñan que facer as monedas coa súa cara. Mira que non habería por aí algún rei que fose máis guapo. Digo eu que sería por iso o de General, porque polo que che aprendían non sería, que todo era moi concreto. Había unha matería que lle chamaban relixión, pero en realidade era relixión católica. Había outra que lle chamaban historia, pero en realidade era o que o General contaba, e todo o demais estaba tan amputado como a parte de Rei de Galiza da porta de Afonso VIII en Viveiro. Inda había outra que lle dicían lenguaje, que cando chegou o 'gallego' pasou a chamarse lengua española, para distinguila. En lenguaje explicávanche cousas como os sintagmas nominales, esí a pau seco, sen salsa nin nada. A ver se che ían facilitar a aprendizaxe contándoche o que era un sintagma e que, por exemplo, fora unha unidade do exército ateniense -de 256 homes, un cuarto de Kb. Pois non. Tiñas que aprendelo porque si e o pé da letra. Todo ó pé da letra, que inda me lembro dunha boa labazada que mamei por dicir que os debuxos da cerámica grega eran de dous tipos: figuras negras sobre fondo vermello ou figuras vermellas sobre fondo negro, cando, burro de min, era ó revés: figuras vermellas sobre fondo negro, ou figuras negras sobre fondo vermello. Claro que o repartidor era esí, e converteuse pra min nunha representación palpable de que a transformación de dictadura en democracia era nada máis que un conto para inxenuos. Aquel ser patético, ignorante, brutal, machista, fascista, aproveitado, torturador, mal pai, covarde, túzaro e todos os adxectivos negativos que se che ocorran, que a nengún fallaba, aquel ser prosperou en democracia e de mestre de primaria inútil, acabou sendo un señor catedrático de pedagoxía inútil, pero con ducias de libros inútiles publicados e unha autoridade lamentábel (como se reflicte polas coleccións de plaxios e tópicos fascistas que son os 'seus' traballos) a quen reverenciar pola forza. Non outra cousa podía saír desta casa de putas, ou dictadura de mestriños que é cidade de Ourense, e a provincia se me apurades. Todo presuntamente, é claro.
E alá que me fun polas puntas dos follatos. Volveremos entrar en materia.

As contas do coengo



O feito é que os españois deben ser iguais diante da lei, independentemente, entre outras cousas, da relixión. O feito é que a sacrosanta -cando convén- Constitución Española sinala claramente que ningunha confesión terá carácter estatal, inda que no mesmo parágrafo abra a fiestra da cooperación. O certo é que a Constitución Española de 1931 resultaba abrumadoramente máis avanzada que iste texto de consenso ou de baixada de pantalóns diante do feixismo inda no poder.
700.000 euros, que se di pronto, da Consellería de Sanidade prós curas dos hospitais. Son 54, a 13.000 e pico euros por ano. En realidade, non me sorprende. Sorprendíame, polo minguado, a cantidade de 187 millóns de euros que, pretendendo asustar, anunciaba hai pouco certo medio que lle palmaba Facenda á igrexa católica en razón dos idiotas (léase en versión etimológica e inclúaseme, pero non pola escolla) que sinalan cun aspa a cadrícula correspondente. Isto tamén contravén a sacrosanta constitución, pero qué se lle vai facer. Como diría dela o eterno Aznar, “Tranquila, te violaré pero no te reformaré”.
Digo minguado porque os 187 millóns non contan coas subvencións a colexios privados concertados, que son no 90% de un ou outro clube católico, léase xesuitas, franciscanas, maristas, salesianos, xosefinas,… e xesuitos, franciscanos, maristos, salesianas, xosefinos,… Esta subvención, só na Galiza, supera os 400 millóns de euros. Fágase a conta. E de paso, considérese que por cada 10 euros que se invisten nun alumno público, invístense 7 nun alumno concertado. E certamente, ós pais do alumno concertado non lle cobran só os 3 restantes.
Engadamos as residencias de vellos, os balnearios, todas as fundacións de unha e outra actividade, e ducias de cousas máis. Unha mina mellor que toda a prata do Potosí e o ouro de México.
Dicía o artigo dos 187 millóns que se non for por esa ‘aportación’ do estado á igrexa, poderiamos xubilarnos ós 61 anos. Creo que teñen razón, pero a conta non sae se non se teñen en conta todas as demais derramas a favor dos do amigo imaginario. Probablemente, botando todas as contas, poidésemos xubilarnos antes dos 60. Pois ben, a miña proposta é que o fagamos. E senón, polo menos, que nos deamos de baixa do clube para que xa non teñan escusas. No de ser españois, xa falaremos.

sexta-feira, 18 de fevereiro de 2011

Discurso inaugural

Non me resisto a publicar eiquí o que ía ser o discurso inaugural do local social da Asociación Nacionalistas do Ribeiro. Abríanse as actividades cunha exposición sobre o Himno galego e contabamos coa presenza do entón Director Xeral de Relacións Institucionais, Xosé Antón Pérez Lema. Por cortesía, e por deixarlle campo ó poñente, o discurso foi parar á gaveta. Lamentablemente, unha gastroenterite impedíu a asistencia de Xosé Antón, e ninguén tiña copia algunha en papel do texto orixinal. Aí vai agora, simplemente porque me peta:

Bos días, benvidas e benvidos. "Eu sei dun himno xigante e estraño, que anuncia na noite da alma unha aurora..." Así se expresaba Becquer no inicio das súas Rimas.
A exposición que tedes diante dos vosos ollos está baseada no himno composto hai 120 anos polo bardo de Ponteceso, Eduardo Pondal, e estreado hai un século na Habana. Cabe chamarlle druída, porque precisamente unha das categorías dos sacerdotes celtas, e a que máis perdurou ó longo do tempo, foi a de cantor e gardador da historia da tribo. Sen querer entrar na polémica celtas si-celtas non que cada lustro inclina a balanza cara unha banda -e mellor é dicir galegos e punto-, teño que pregoar o valor simbólico e identitario dos versos extraídos do poema Os Pinos. Os tempos de Pondal non podemos xulgalos dende o prisma actual. Eran tempos heroicos para a lingua, para a identidade e para o propio pobo. Sen ir máis lonxe, a globalización de aqueles días acababa de agasallarnos co oidium, chegado no ano 1852, que deixou na ruína e na fame a miles de familias ribeirás.
A música do himno, lonxe das marchas militares polas que optaron outras nacións, é a dun canto coral, unha alborada, un “cantar miudiño, miudiño” que sae da propia terra e saúda ó novo día, polas gargantas das súas fillas e fillos.
A letra, que sirve de base ás láminas desta exposición, é o canto lírico da busca das raíces nos anos do romanticismo e o Rexurdimento. Pódeselle chamar invención, como xa teñen feito con Pondal, con Murguía, con Vicetto,... polo procedemento de extrapolar a nosa imaxe do mundo 150 anos atrás. Hai que lembrar, porén, que aquelas mulleres e homes cantaban e escribían sobre unha tabula rasa, baleira, e sen marxes nos que soster a liña. E tiñan como exemplo ós estados nacionais que construían o seu castelo de crenzas sobre historias e conceptos non menos mitolóxicos que aqueles ós que acudían as nosas poetisas, os nosos poetas, historiadores e recopiladores da tradición...
O importante de todos os seus traballos non é que os celtas sexamos galegos, senón que sentaron as bases pra que Galiza deixase de aculturizarse e fose de novo consciente de seu. As bases para a aparición dunhas Irmandades da Fala, dun Partido Galeguista, dun Castelao, unha Filomena Dato, un Otero Pedrayo, unha Sofía Casanova ou un Blanco Amor.
Por todo iso, nós, como Asociación Nacionalistas do Ribeiro, consideramos esta exposición a máis axeitada para a inauguración diste local. As nosas aspiracións, os nosos obxectivos, tampouco son tan distintos dos expresados nas palabras de Pondal, nin o noso xeito de expresalas, suave pero firme, e sobre todo poético. Nós tamén somos poetas, no senso que lle daba á palabra Robert Graves, de buscadores, de detectives da verdade. Unha verdade que nos di que Galiza inda ten que seguir erguendo a cabeza para saír da postración cultural, da postración lingüística, da postración económica, da postración social. É a nosa unha vocación redentora, mais redentora dende dentro, dende a propia sociedade, que é o único xeito de coñecer as súas necesidades. Cremos que, deste xeito, non caeremos no que dicía aquela personaxe dos deseños do álbum Cousas da Vida de Castelao, con tremendo fatalismo, “Eu estudio para vos redimir”, ó que contesta a tremenda retranca do vello: "E o que escribiu nos libros tamén estudiou nos libros?". Cremos que non é, e de feito non está a ser, un esforzo baldío, como foi o daquela outra personaxe que se veu de América porque “non quería morrer alá”. O noso é máis un retorno á ilusión da nenez, á enerxía da xuventude. Somos conservadoras e conservadores... da nosa cultura, da nosa historia, dos nosos costumes e do noso patrimonio inmaterial; e arelamos unha sociedade sen privilexios, sen dereitos adquiridos, sen discriminacións de xénero, raza, idade, educación ou condición social. No fondo, unha sociedade da que todas e todos nos sintamos orgullosos.
Xa para rematar, quero agradecer a vosa presencia e a vosa paciencia eiquí hoxe, e tamén a presencia e paciencia do Director Xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, que falará a seguir e, a través da súa persoa, a colaboración da dita Dirección Xeral e as facilidades que nos deu para realizar esta exposición; ó alcalde de Castrelo de Miño, que nos honra coa súa presencia, e tamén vai dedicarnos unha palabras. E por último, o meu agradecemento máis especial vai para todas as socias e socios, amigas e amigos que prestaron xenerosamente a súa colaboración para que iste local estea hoxe en condicións de inaugurarse. Moitas gracias a todas e a todos.

segunda-feira, 7 de fevereiro de 2011

Dúas novas taxas sobre a auga




Non é leria nengunha, nin un invento do BNG, como xa os voceiros do PP andan a espallar. O canon da auga e o seu xemelgo, o coeficiente de vertedura, xa están na liña de saída á espera únicamente do desenvolvemento regulamentar da Lei de Augas, aprobada polo PP en novembro pasado. Non fai falla ser adiviño para decatarse de que a penas celebradas as vindeiras municipais, empezaran a repercutir as novas taxas sobre os nosos recibos da auga, obrigarannos a poñerlle un contador ó noso pozo e a pagar pola nosa propia auga, e outra serie de agarimos da desadministración pepeira. A seguir déixovos un resumo da Lei para que vaiades rillando o que nos espera:

Todo o mundo é usuario de auga e polo tanto contribuínte. O titular, que pode ser unha empresa subministradora, unha comunidade de usuarios ou unha persoa física (2.45 a, b e c) é quen ten a obriga de pagar directamente a Augas de Galicia (46.2 e 3). No caso das empresas subministradoras, serán estas as encargadas de repercutilo, e obrigadas a facelo (72), de oficio, no cobro ó usuario final, que ten a obriga de soportalo (63.1 e 4). Ademais prohíbese facturalo por separado (63.5). Por qué será?
Créase o Organismo Autónomo Augas de Galicia, que será o encargado de aplicar os tributos (11.8 e 62)
O canon da auga é un TRIBUTO NOVO, COMPATIBLE con calquera outro anterior (41.1 e 63.1)
O canon grava o consumo da auga coa escusa da súa afección ó medio (43)
O canon afecta ó uso ou consumo real OU POTENCIAL de calquera auga (45.1)
O canon afecta incluso ó consumo ou uso das augas de fontes propias, pozos ou pluviais (45.3) Nestes casos AdG cobraralles o canon no prazo e forma que queda por establecer regulamentariamente (65)
O canon afecta a todos os usuarios ou consumidores reais ou potencias de auga (46.1)
Defínense como responsables solidarios (os que pagan) as persoas titulares do contrato de subministración e as propietarias, no caso das vivendas; no caso de captacións propias (pozos, fontes, depósitos de recollida de augas pluviais,…), as persoas titulares dos aproveitamentos e as titulares das instalacións de captación e/ou verteduras (pon contaminantes, pero pódese asimilar a todas); no caso de comuneiros, a comunidade de usuarios (46.4)
Non suxeitos e exentos (47): Poucos e non todos bos.
A base impoñible é o volume real OU POTENCIAL de auga usado ou consumido por mes (48.1) Pode determinarse tamén polo volume da vertedura, caso no que AdG poderá exixilo directamente do suxeito pasivo (61.2)
Os usuarios están obrigados a instalar e manter pola súa conta un contador de auga… (48.2)
…De non facelo nos 6 meses posteriores á entrada en vigor do regulamento que desenvolva esta Lei, entenderase que se acolle a sistemas de ESTIMACION OBXECTIVA (en outras palabras, que che cobrarán o que lles saia do nabo) (48.3)
A base impoñible poderá determinala Augas de Galicia en función dos volumes de dotación básica de auga para vivendas (é dicir: tanto ten que a casa estea ocupada ou non. O titular vai pagar o canon que eles determinen igual).
Págase no momento da utilización, que habería que esperar –os collós!– ó que desenvolva o regulamento, pero imaxino que pagarás por adiantado (51.1)
Establece (56 a 61) as cotas para o uso ou consumo de auga (2,50 euros ó mes por cabeza como mínimo) e os prezos por cada tipo de contaminante verquido.
A xestión, inspección, recadación e sanción no seu caso do canon corresponden a AdG (62.1)
Créase ademais, como outro imposto paralelo ó canon, o coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas, que nos recibos aparecerá diferenciado do canon (66) Este novo tributo apónselle á depuración de augas e os seus ingresos repercutirán nas depuradoras públicas e, olliño, nos consorcios que xestionen depuradoras (67). Xa sabemos que Chorín Feihood rouba ós pobres pra dárllelo ós ricos.
Polo que parece, as cantidades devengadas e os paganos son os mesmos que para o canon(68 a 70), co que unha familia de catro membros vai bater de fuciños cun mínimo de suba no seu recibo de auga de 20 euros se é mensual e 40 se bimensual.
Establécense sancións pecuniarias para as entidades subministradoras que non repercutan o canon e o coeficiente de vertedura (72).

quarta-feira, 29 de dezembro de 2010

De humores e amores

O domingo pasado, entre tose e tose, ocorréuseme botar pra fóra a tristura gripeira con unha visita a youtube na procura de monólogos cómicos. Naquel estado, as dúas únicas neuronas desafectas ó réxime viral só foron quen de lembrarme un nome: Rober Bodegas. Así que alá que me fun e, salvo algún par de coaduras por proximidade -que tamén vin, desprexuizado que é un- paseime o serán baixada tras baixada do cómico de Carballo, en vez de estar na festa de San Estebo, pero o corpo non daba pra máis. Partinme o peito -ás veces case literalmente, cando asomaba algunha mucosidade- unha e outra vez, moitas cos mesmos contos recitados en escenarios distintos.
O caso é que ata agora non me decatara de que, como todo video do youtube que se prece, ven acompañado de comentarios. E velaí o quid da cuestión. Entre moitos gabando cada actuación, había unha boa cantidade calificándoa de mala e ata de patética, en algúns casos pra gabar a outros dous participantes de orixe andaluza. Que digo eu, se o Bodegas é patético e gañou o concurso, a qué altura da depresión do Mar Morto quedan o Toni e o Tomás?
Pero atando cabos decateime de que os críticos tiñan razón. Non en que Rober Bodegas sexa mal cómico, que pra o meu gosto xa era excelente no "El rey..." e inda mellorou co tempo, senón porque existe ise prexuizo cabrón a respecto do galego e dos galegos. O mesmo presentador daba paso ó Rober parodiando o seu forte acento, mentres que para o finalista andaluz falaba de gracia, salero. Tópicos fortemente arraizados que me fan preguntarme cómo inda queda un só paisano que lle queira a España. Que lle queiran os andaluces, que pra iso os manteñen e rinlle as gracias.
Sendo sincero, teño que confesar que de tan fácil e basto, o humor andaluz resúltame cargante. Supoño que precisamente por iso ten tanta aceptación. Non hai que pensar. Só hai que rir. Nada de "caéuseme o champú anti-caspa enriba da tele, e agora non se me ve telecinco". Pasan da ducia os comentarios que piden que llo expliquen. Ata Forrest Gump acabaría pillándoo.
En fin, que xa me cansei por hoxe, que viva a retranca ou o pecho. Eu que sei.

terça-feira, 10 de agosto de 2010

Parvo e tatexo

Como se pode comprobar na súa edición dixital, o sacro Diccionario de la Real Academia de la Lengua Española segue mantendo as acepcións de “tonto” (en tanto, aclara, que “falto de entendimiento o razón”) e “tartamudo”, para a palabra "Gallego". Ben pouco respecto me merece esta posición numantina de defensa de valores fundamentais, cando a institución leva décadas convertida nunha esterqueira onde se acepta canto refugallo deitan as bocas da parte máis nugallá, como avance, progreso da lingua ou que sei eu. Onde, a día de hoxe, e non sei se por falla de mellores candidatos, plumíferos de medio pelo poden ter asento de letra.
Lembrábame agora, e por iso escribo estas liñas antes de que o pensamento caduque e marche en fume coma un pito abandonado no cinseiro, da teima que tiven no seu día coa nova acepción da palabra obús. Eran tempos nos que inda me preocupaba algo o que puidese acontecer na billa e corte, como se fose mudar algo que eu me alporizase. O conto é que ata fai só un par de décadas, a palabra obús tiña únicamente dúas acepcións, unha peza de artillería e outra peza do coche. Popularmente, por esa parte do pobo ignorante, envexosa, violenta e túzara da que tanto gosta o académico Pérez-Reverte (quen por certo inda non sabe cando vale e cando non a expresión “hasta que no”), a palabra obús tiña tamén, e sobre todo, a acepción de calquera proxectil de artillería. Un imaxinaba, polos comentarios dos presentadores de televisión, artífices de moita da estulticia española no que respecta á súa propia lingua -e a outras cousas-, que os barcos británicos bombardeaban as posicións arxentinas nas Malvinas-Falkland con pezas de artillería, as pezas de artillería voando polo ar e enterrándose no chan ó rematar a súa traxectoria. Por certo, cál será a traxectoria balística dunha peza de artillería? Debe ter un cálculo ben complicado.
A inflexible, cos galegos parvos e tatexos, Academia rematou cedendo fronte ó populacho e imprimindo esa nova acepción, como primeira, en cada unha das seguintes edicións do seu Miccionario. Aquel día fíxenme mal sangue, pero co tempo recapacitei e agora xa só espero, sentado á porta da miña casa, ver pasar a definición de madonals, nini, etc, etc. RIP. Enterrádea antes de que cheire.

terça-feira, 13 de abril de 2010

Bilingüísmo

Sen comentarios, porque todo o que se me ocorre é impublicable.