segunda-feira, 4 de agosto de 2008

O meu reino por un cabalo

Xa falei máis abaixo do que creo que son as prioridades do País en canto ó sistema ferroviario. Sei que non gosta moito a miña opinión no círculo en que me movo, porque arestora estamos na campaña do paxaro, e nada máis que do paxaro. Tamén sei que, individualmente, hai moita máis xente que pensa coma mín. O verdadeiro aproveitamento do carril de ferro na nosa Terra pasa pola construcción de dobre vía en tódolos traxectos e a revitalización de todos os apeadoiros. Na Galiza, dadas as nosas condicións xeográficas e de espallamento da poboación, o tren debera converterse nun metropolitano que cubrise todo o territorio. Nun momento de crise enerxética, no que se está pedindo ó público que se implique no aforro, non ten sentido que se sigan a desmantelar, por se non estaban abondo, os medios de transporte públicos.

RENFE di que ten na Galiza moitos traxectos que non son rentables. Mais pregúntome se non deixarán de ser rentables porque non cumpren uns horarios nos que á xente lle conveña desprazarse. Non semella moi lóxico que entre dúas cidades que deberan conformar un eixo poboacional e industrial, como son Ourense e Vigo, haxa só catro rutas diarias. Evidentemente, coas actuais infraestructuras que obrigan a buscar un apartadoiro abondo amplo para que se crucen dous trens que circulan en direccións opostas, non serían posibles moitas máis rutas. Compre, pois, facer inversións que melloren as vías existentes e constrúan novas vías paralelas. Debe ser un gasto astronómico, pero non máis que o do paxaro. Quizais a diferencia, nunha vida política que cada día se asemella máis á de fai un século, con relevos de poder entre dous partidos que na práctica xa parecen irmáns xemeos, estea en que a rendibilización electoral do paxaro é moito máis inmediata.

Ven a conto porque acabo de retornar dunha viaxe a Portugal e, onde antes podía mercar un billete para Porto no propio Ourense, agora teño que facelo no comboio portugués, no momento de cruzar a fronteira. Onde vai aquil tan sonado Eixo Atlántico? Marchou todo en paparotadas dos politicallos de turno? Probablemente.

domingo, 3 de agosto de 2008

David contra os Goliates

Foi fai agora corenta e tres anos que un pobo do noso Ourense ceibou o berro de Xa abonda!, por primeira vez na Galiza en máis dun cuarto de século de dictadura. Xentes que vivían do que o val máis fermoso do Pai Miño donaba xenerosamente a quen sabía traballalo. Tanta era a riqueza daquelas terras, que daban non só para vivir as familias que as traballaban, senón para pagar os alugueres ós señoritos que as posuían. Mais chegou o ‘progreso’, e un tal Barrié de la Maza viu a potencialidade en megavatios de aquel val asolagado.

Alá chegaba o ‘progreso’ ó Ribeiro, armado con enxeñeiros, expropiacións e toneladas de cemento. Alá marchaban máis de 200.000 copelos da mellor terra de cultivo da provincia, para que un señorito de Madrid enchera as faldriqueiras. E, polo mesmo camiño, termas, campos de festa, muíños, posturas da anguía e da lamprea, e, por fin, alá marchaba a xente, ó rumbo, polo mundo adiante na procura do pan que na súa terra lles negaban. E alá, tamén, veu a resposta dun pobo que, en palabras dun cronista do Conde de Monterrei, señor en tempos daquelas terras, era orgulloso coma poucos. En noites pechas ardían as casetas dos operarios e dos enxeñeiros, saboteábase o material e, ó son das badaladas das igrexas do concello, xurdía un río de xente, encabezado polas bravas mulleres, a manifestarse –ata a palabra estaba prohibida– contra a falcatruada.

A mobilización das veciñas e veciños de Castrelo de Miño marcou un fito no rexurdir da conciencia galega e democrática. No verán de 1965, no concello ribeirao estreouse na axitación social a recén creada Unión do Pobo Galego. No banquete de despedida a Celso Emilio Ferreiro, que emigraba ó País dos Ananos, no Hotel Roma de Ourense, había unha ampla representación de labregos de Castrelo. Despoixa virían as Encrobas e tantos outros froitos do xenio popular, porén as sementes naceran alí, naquil “val tan fermosiño”.

Ó cabo, por fin estabamos nunha dictadura, a presa construíuse e pechouse, madia leva. Unha producción anual de dez mil toneladas da mellor uva do Ribeiro quedou debaixo de moitos metros de auga e, por décadas, as esqueléticas ponlas dos amieiros afogados clamaron ó ceo a inxustiza.

Ó correr dos anos, o pobo foise adaptando á nova situación. O val transformárase no Parque Náutico da Galiza. A presa, con ser un mal, aportaba ós concellos locais unha parte considerable do seu presuposto, e o insulto doía menos. Pero chegou unha nova normativa, un agasallo dun Goberno supostamente socialista ós productores de enerxías ‘renovables’. E o concello de Castrelo de Miño atópase agora na tesitura de ver reducido o IBI que percibía polo encoro, de 240.000 euros a menos da cuarta parte: 59.000. A medida, que une a aldraxe ó insulto, supón a perda da quinta parte do orzamento anual do concello, condenándoo á mera supervivencia nun momento en que se dispuña a asumir o reto de rendibilizar todas as súas potencialidades.

Xa case non sorprende, mais non acaba un de acostumarse a que un partido que se di socialista lle faga a cama ás empresas eléctricas fronte ós intereses do pobo. Dende o Goberno de Madrid argalláronse as novas leis que as favorecían, e na FEGAMP non teñen azos para se enfrontar ó seu propio partido e defender ós concellos que din representar.

Por iso, porque é de xustiza, as veciñas e veciños de Castrelo de Miño iniciamos, no Día da Patria, unha mobilización en protesta pola nova falcatruada que o Goberno central, en favor unicamente do gran capital, emprende contra o pobo e o interese social.

Castrelo de Miño 1965-2008

domingo, 18 de maio de 2008

Botámoslles a lingua

Acabo, case, de chegar de Compostela. Se o de hoxe, na Quintana de Mortos, se pode ler coma un chequeo do estado da Lingua, ben podo dicir que a encontro viva, sá e louzá. Non foi coma un 25 de xullo, pero pouco lle faltou. E, coma sempre, a tropa de Castrelo en piña, xantando, que case nos puxemos na merenda, e botando unhas risas xuntos.

Está claro que os alarmistas -mentiráns, hipócritas- da imposición do galego encol do castelán, veñen de facerlle ó primeiro un favor enorme. Estabamos un pouco apachorrados coa ledicia de botar da Xunta ó dinosauro, coa de acadar o primeiro alcalde nacionalista de Castrelo, e tiñamos un aquel esquecida á vella lingua dos avós. E non por deixar de usala, "dio-lo faga millor", senón porque estaba a colarse a raposa no galiñeiro e nós sen decatarnos.

En fin, grazie mille, colonizados, desleigados e demais ralea, por lembrarnos que cada día hai que seguir na gavia.

sábado, 17 de maio de 2008

Artistas

Onte estiven na inauguración da galería do Manuel, en Doutor Marañón, xusto onde morren as escaleiras que soben das Burgas. Hai algo que sempre comentamos un par ou tres de cínicos que por iste mundo andamos: qué sitio máis bonito, qué merda de xente. E se é aplicable á puta aldea na que por designio alleo me tocou nacer, tamén o era onte ós, e ás, habitantes do dinner.
Non sei, como tamén é certo que o mundo é un pano de man e inda por enriba Ourense o moco daquela punta, resultou que nin me aburrín tanto como pensaba, porque inda coñecía a uns cantos concurrentes. Estaba o hosteleiro, o nacionalista, o pintor; e cando marcharon todos tamén procurei eu fuxir daquil congreso de... non sei de qué, pero adiviñei, polas verbas dunha lurpiña dirixidas á outra lurpiña e un lurpiño que a acompañaban: "Hoy hay aquí bastantes frikis", que o cariño e respecto que se profesan entre os do mundiño, sobre todo entre os bilíngües, é formal, íntimo e eterno. Sei que non ian por min, porque estaba demasiado perto e, como ser alleo ó mundiño artistil, onte era abondo invisible para escoitar todo o que quixera.
En fin. Menuda fauna.

Falando do Guggenheim

Pois iso, que non saian tamén no Gaias directivos coma o do museu de Bilbo, con desfalcos de medio millón de pelucóns. Serían os que se aforraban en ambientadores. XD.

quinta-feira, 17 de abril de 2008

O Guggenheim coma exemplo

Hoxe abre a boquiña un tal Alfredo Vara -director de organización, seica, do xornaliño- na contracapa da Voz, veña a comparar a superchachimegapirulimente boa xestión do Museo Guggenheim coa da, inda inconclusa obra da Cidade da Cultura. Nace a pobre, ou nacerá, orfa e berrando de fame no deserto. Se inda fose a cidade da televisión, ou, inda mellor, do fútbol, xa non era un pan o que traía no sobaco; era toda a denominación de orixe Pan de Cea.

Pobre cultura, niste país de analfabetos funcionais con título e titulitis. Eu teño que preguntar, por veces, ós vellos cómo se chamaba tal ou cal cousa da nosa idiosincrasia de non hai tantos anos. Iles, os que se postulan para nos gobernar e nos gobernan, nin xiquera preguntan. Ás veces, con sorte, aparece entre iles unha pérola, como semella ser a Secretaria Xeral de Política Lingüística, polo menos é o que se deduce do seu artigo de hoxe no mesmo xornal, que me parece mais cañeiro na defensa da língua que as esbardalladas dalgún meu Portavoz Nacional. E inda outros, os plumíferos de moda, articulistas de pago, nin xiquera se molestan en pensar. Oxalá e a Cidade da Cultura fose o doble de grande, co doble de costo e o doble de problemas, e fose a imprescindible Cidade da Cultura Galega.

Do Guggenheim, qué vou dicir. Os 9,50 euros máis tirados da miña vida. Só puntualizar: o Guggenheim, dado que os fondos permanentes son de risa, NON É UN MUSEO; É UNHA SÁ DE EXPOSICIÓNS: se tes sorte, igual che toca unha exposición molona e na que, polo prezo dunha comida, pasar unha mañá ou unha tarde caralludas. A min tocoume un autor repetitivo e afeccioado ó chumbo ata fartar, Anselm Kiefer, e inda porriba cheiraba aquelo a ximnasio que tiraba para atrás, supoño que moito viña de semellante cantidade de chumbo que usa o tipo nas suas obras. Unha pena. Pero unha pasada de xestión. A min, os 9,50 euros non mos devolveron.

Cando teña tempo, colgarei a foto dunha xaponesa apoiada na baranda da terraza do museo, con cara de decepción. Debeume dar unha pista.

quarta-feira, 9 de abril de 2008

Menudo ollo

Adianteime -véxase máis abaixo as Aves de presa- en case un mes á La Voz de Galicia, que anuncia nun titular de capa da súa edición do martes, 8 de abril: O tren tarde en ir de Ourense a Vigo ou a Santiago igual que fai 20 anos. (A 'cagade' é súa, que o galego inda non o dominan e só fan un esforzo pola subvencionciña).

Hai veces que era mellor non ter razón, pero non se consola o que non quere. Ó cabo, imos ter aves para todos. Polo asado, creo.