quarta-feira, 6 de agosto de 2008

Festa da Anguía

Vai xa a décimocuarta edición da Festa da Anguía en Castrelo de Miño e, polo que parece, hai quen quere utilizar as presuntas eivas da mesma para torpedear ó goberno local. A teima de mesturar a política en tódolos eidos da vida non é nova, inda que é curioso que sempre proveña dos mesmos grupos de opinión. Desta vez, houbo quen quixo facer un paralelismo co feito de que os pementos da Festa do Pemento da Arnoia non son da Arnoia. Seica tamén é pecado que as anguías da Festa da Anguía non sexan de Castrelo de Miño, sendo que por banda nengunha se afirma que sexan locais. De feito, seica son francesas ou iso me dixeron, inda que cando me dirixín ás da miña ración en parlevú, non tiveron a educación de me respostar, polo que deducín que ou ben eran sordomudas ou outorgaban. Co cal, alá que me puxen a papar nelas, e ben boas que estaban.

Do que non se pode dicir o mesmo é do viño, cousa que é absolutamente indecente nunha comarca que produce tan afamados caldos. Será que a Comisión pensa que ó que vai o visitante é a embebedarse para esquecer que mañá ten que traballar. Que esa é outra, o segundo, e aí remata a conta, fallo da festa, polo demais fantástica, o feito de que teña que coincidir exactamente co día da celebración relixiosa. E tanto ten que, como sucedeu iste ano, teña que ser en luns, martes e mércores, días en que, como non esteas de vacacións, fastídiache un tanto trasnoitar. Está de noraboa o Goguelio, que non lle facemos a competencia, inda que, por variadas fontes entereime que seica iste ano a súa foi bastante triste.

En fin, que todo moi chachi, só que suxiro que corran a festa ó fin de semán máis perto e que, e isto non é negociable, poñan uns viños decentes. Que os cobren, pero que non fagan pasar vergonza ós castreláns e ribeiraos en xeral que leven invitados e, querendo honrar a festa, adquiran o viño alí en troca de o levar da casa.

Tamén estaría ben que para o ano lle mudasen a campaíña do inicio dos avisos por altofalante por outra menos ferroviaria. Que cada vez que soaba, encontrábame esperando escoitar: “Señores viajeros, el expreso procedente de Madrid con destino Vigo, estacionado en vía tres, andén primero, va a efectuar su salida”. E falando diso, que dean os avisos en galego, que para dous toristas da meseta que poidan vir á festa, non temos por qué baixar os pantalóns. E se non o entenden, con preguntar ó veciño solucionado, que coas mans e os fuciños engraxados, todos somos amigos.

terça-feira, 5 de agosto de 2008

Cando nos libraremos de Madrid?

Cando deixarán de nos fiscalizar? Cando deixarán de mangonearnos a carga impositiva das principais empresas galegas, limiarmente das eléctricas? Cando nos transferirán Tráfico e as demais competencias que fai tempo que se lles están pedindo, transferencias que están contempladas na propia Constitución? (A verdade e que eu tampouco cedería fácilmente un negociete tan chulo coma Tráfico, cunha recaudación de 175 millóns de euros e un gasto de 25. É sinxelo calcular o beneficio). Cando deixarán de vir botarnos en cara, todos cheos de razón, que falamos en estranxeiro, de paso que papan no marisco. Agora que, niste caso, os que acabamos rindo somos nós, porque os listos estes non saben distinguir unha nécora da ría de outra de viveiro francés, e acaban zampándose esta e pagando a primeira. De feito, nin saben distinguir unha centola dun boi, e senón aí está o anuncio de Fanta para demostralo.

Onte á mañá fun renovar o carné e, xa de paso, actualizalo coa regaleguización do nome e o apelido que veño de facer hai nada. Seica, din, co novo DNI electrónico, axilízanse as cousas, dancho no momento e non sei que máis privilexios. Madia leva, tamén cando un madeiro ou un picoleto cho colla terá acceso a toda a túa información, ata os números dos teus ligues.

Pois resulta que non. Como o meu era unha modificación, había que mandalo para identificación a Madrid. Vese que non se fían dos funcionarios de eiquí, que moitos diles falan estranxeiro na intimidade. E como o sistema é tan espelido, que volvera dentro de tres días. Como a culpa debe de ser miña, dixéronme na recepción que non quedaban citas para ise día, que as primeiras eran para o 20 de agosto. Pois moi ben. Despoixa virán dicir que se parte Ehpaña. Eu creo que se prescindísemos de Madrid, ó fin e ó cabo a única comunidade que realmente vive do conto, todos os pobos da península iamos entendernos moito mellor, inda que fose en estranxeiro.

segunda-feira, 4 de agosto de 2008

O meu reino por un cabalo

Xa falei máis abaixo do que creo que son as prioridades do País en canto ó sistema ferroviario. Sei que non gosta moito a miña opinión no círculo en que me movo, porque arestora estamos na campaña do paxaro, e nada máis que do paxaro. Tamén sei que, individualmente, hai moita máis xente que pensa coma mín. O verdadeiro aproveitamento do carril de ferro na nosa Terra pasa pola construcción de dobre vía en tódolos traxectos e a revitalización de todos os apeadoiros. Na Galiza, dadas as nosas condicións xeográficas e de espallamento da poboación, o tren debera converterse nun metropolitano que cubrise todo o territorio. Nun momento de crise enerxética, no que se está pedindo ó público que se implique no aforro, non ten sentido que se sigan a desmantelar, por se non estaban abondo, os medios de transporte públicos.

RENFE di que ten na Galiza moitos traxectos que non son rentables. Mais pregúntome se non deixarán de ser rentables porque non cumpren uns horarios nos que á xente lle conveña desprazarse. Non semella moi lóxico que entre dúas cidades que deberan conformar un eixo poboacional e industrial, como son Ourense e Vigo, haxa só catro rutas diarias. Evidentemente, coas actuais infraestructuras que obrigan a buscar un apartadoiro abondo amplo para que se crucen dous trens que circulan en direccións opostas, non serían posibles moitas máis rutas. Compre, pois, facer inversións que melloren as vías existentes e constrúan novas vías paralelas. Debe ser un gasto astronómico, pero non máis que o do paxaro. Quizais a diferencia, nunha vida política que cada día se asemella máis á de fai un século, con relevos de poder entre dous partidos que na práctica xa parecen irmáns xemeos, estea en que a rendibilización electoral do paxaro é moito máis inmediata.

Ven a conto porque acabo de retornar dunha viaxe a Portugal e, onde antes podía mercar un billete para Porto no propio Ourense, agora teño que facelo no comboio portugués, no momento de cruzar a fronteira. Onde vai aquil tan sonado Eixo Atlántico? Marchou todo en paparotadas dos politicallos de turno? Probablemente.

domingo, 3 de agosto de 2008

David contra os Goliates

Foi fai agora corenta e tres anos que un pobo do noso Ourense ceibou o berro de Xa abonda!, por primeira vez na Galiza en máis dun cuarto de século de dictadura. Xentes que vivían do que o val máis fermoso do Pai Miño donaba xenerosamente a quen sabía traballalo. Tanta era a riqueza daquelas terras, que daban non só para vivir as familias que as traballaban, senón para pagar os alugueres ós señoritos que as posuían. Mais chegou o ‘progreso’, e un tal Barrié de la Maza viu a potencialidade en megavatios de aquel val asolagado.

Alá chegaba o ‘progreso’ ó Ribeiro, armado con enxeñeiros, expropiacións e toneladas de cemento. Alá marchaban máis de 200.000 copelos da mellor terra de cultivo da provincia, para que un señorito de Madrid enchera as faldriqueiras. E, polo mesmo camiño, termas, campos de festa, muíños, posturas da anguía e da lamprea, e, por fin, alá marchaba a xente, ó rumbo, polo mundo adiante na procura do pan que na súa terra lles negaban. E alá, tamén, veu a resposta dun pobo que, en palabras dun cronista do Conde de Monterrei, señor en tempos daquelas terras, era orgulloso coma poucos. En noites pechas ardían as casetas dos operarios e dos enxeñeiros, saboteábase o material e, ó son das badaladas das igrexas do concello, xurdía un río de xente, encabezado polas bravas mulleres, a manifestarse –ata a palabra estaba prohibida– contra a falcatruada.

A mobilización das veciñas e veciños de Castrelo de Miño marcou un fito no rexurdir da conciencia galega e democrática. No verán de 1965, no concello ribeirao estreouse na axitación social a recén creada Unión do Pobo Galego. No banquete de despedida a Celso Emilio Ferreiro, que emigraba ó País dos Ananos, no Hotel Roma de Ourense, había unha ampla representación de labregos de Castrelo. Despoixa virían as Encrobas e tantos outros froitos do xenio popular, porén as sementes naceran alí, naquil “val tan fermosiño”.

Ó cabo, por fin estabamos nunha dictadura, a presa construíuse e pechouse, madia leva. Unha producción anual de dez mil toneladas da mellor uva do Ribeiro quedou debaixo de moitos metros de auga e, por décadas, as esqueléticas ponlas dos amieiros afogados clamaron ó ceo a inxustiza.

Ó correr dos anos, o pobo foise adaptando á nova situación. O val transformárase no Parque Náutico da Galiza. A presa, con ser un mal, aportaba ós concellos locais unha parte considerable do seu presuposto, e o insulto doía menos. Pero chegou unha nova normativa, un agasallo dun Goberno supostamente socialista ós productores de enerxías ‘renovables’. E o concello de Castrelo de Miño atópase agora na tesitura de ver reducido o IBI que percibía polo encoro, de 240.000 euros a menos da cuarta parte: 59.000. A medida, que une a aldraxe ó insulto, supón a perda da quinta parte do orzamento anual do concello, condenándoo á mera supervivencia nun momento en que se dispuña a asumir o reto de rendibilizar todas as súas potencialidades.

Xa case non sorprende, mais non acaba un de acostumarse a que un partido que se di socialista lle faga a cama ás empresas eléctricas fronte ós intereses do pobo. Dende o Goberno de Madrid argalláronse as novas leis que as favorecían, e na FEGAMP non teñen azos para se enfrontar ó seu propio partido e defender ós concellos que din representar.

Por iso, porque é de xustiza, as veciñas e veciños de Castrelo de Miño iniciamos, no Día da Patria, unha mobilización en protesta pola nova falcatruada que o Goberno central, en favor unicamente do gran capital, emprende contra o pobo e o interese social.

Castrelo de Miño 1965-2008

domingo, 18 de maio de 2008

Botámoslles a lingua

Acabo, case, de chegar de Compostela. Se o de hoxe, na Quintana de Mortos, se pode ler coma un chequeo do estado da Lingua, ben podo dicir que a encontro viva, sá e louzá. Non foi coma un 25 de xullo, pero pouco lle faltou. E, coma sempre, a tropa de Castrelo en piña, xantando, que case nos puxemos na merenda, e botando unhas risas xuntos.

Está claro que os alarmistas -mentiráns, hipócritas- da imposición do galego encol do castelán, veñen de facerlle ó primeiro un favor enorme. Estabamos un pouco apachorrados coa ledicia de botar da Xunta ó dinosauro, coa de acadar o primeiro alcalde nacionalista de Castrelo, e tiñamos un aquel esquecida á vella lingua dos avós. E non por deixar de usala, "dio-lo faga millor", senón porque estaba a colarse a raposa no galiñeiro e nós sen decatarnos.

En fin, grazie mille, colonizados, desleigados e demais ralea, por lembrarnos que cada día hai que seguir na gavia.

sábado, 17 de maio de 2008

Artistas

Onte estiven na inauguración da galería do Manuel, en Doutor Marañón, xusto onde morren as escaleiras que soben das Burgas. Hai algo que sempre comentamos un par ou tres de cínicos que por iste mundo andamos: qué sitio máis bonito, qué merda de xente. E se é aplicable á puta aldea na que por designio alleo me tocou nacer, tamén o era onte ós, e ás, habitantes do dinner.
Non sei, como tamén é certo que o mundo é un pano de man e inda por enriba Ourense o moco daquela punta, resultou que nin me aburrín tanto como pensaba, porque inda coñecía a uns cantos concurrentes. Estaba o hosteleiro, o nacionalista, o pintor; e cando marcharon todos tamén procurei eu fuxir daquil congreso de... non sei de qué, pero adiviñei, polas verbas dunha lurpiña dirixidas á outra lurpiña e un lurpiño que a acompañaban: "Hoy hay aquí bastantes frikis", que o cariño e respecto que se profesan entre os do mundiño, sobre todo entre os bilíngües, é formal, íntimo e eterno. Sei que non ian por min, porque estaba demasiado perto e, como ser alleo ó mundiño artistil, onte era abondo invisible para escoitar todo o que quixera.
En fin. Menuda fauna.

Falando do Guggenheim

Pois iso, que non saian tamén no Gaias directivos coma o do museu de Bilbo, con desfalcos de medio millón de pelucóns. Serían os que se aforraban en ambientadores. XD.