Semella que a Felipe González non lle agrada moito o agre sabor da receita que tan ledamente aplicou durante o seu goberno e que os seus conmilitóns seguen a aplicar sen se preocupar de posibles efectos colaterais. Hoxe ó ex-presidente preocúpalle "que dos periodistas puedan ir a la cárcel por contar la verdad y la fiscalía lo apoye". Non lle preocupou no seu día o acoso que sufríu o tamén periodista Pepe Rei, que remataría co seu ingreso en prisión acusado de sinalar obxectivos a ETA. Sería excarcelado, despois de cinco meses, por falta de probas. Coma de costume, en segundo qué casos, alá foi pola barreira a presunción de inocencia.
Non hai moito, coa chegada do bipartito PsóE-PP ó goberno de Euskadi, ó flamante equipo que entrou a dirixir a televisión e a radio públicas dende que é lehendakari Patxi López, faltoulle tempo para dispoñer a expulsión de Antonio Álvarez-Solís do programa de ETB2 Pásalo. En novembro déronlle o finiquito dos programas Boulevard e Más que palabras de Radio Euskadi.
A min fai tempo que me preocupa o que está a pasar coa liberdade de expresión, incluida a do director da SER e o seu director de informativos. Incluida esa.
Cando me falan de España, sempre teño unha disputa, que se España é miña nai, eu son un fillo de puta. (Suso Vaamonde)
quarta-feira, 13 de janeiro de 2010
quarta-feira, 6 de janeiro de 2010
segunda-feira, 28 de dezembro de 2009
Feira de Castrelo de Miño

Onte celebrouse a primeira xornada da recuperada Feira de Castrelo, con notable éxito de asistencia a pesares do frío, da néboa e da ameaza de chuvia. Os feirantes ofrecían unha grande variedade de mercancía, dende roupa e calzado, ata ferramentas ou árbores froiteiras ou de adorno. Ademais, o Concello facilitou a instalación de productores de Castrelo, que puxeron á venda productos de artesanía, conservas, froita, antiguidades, aves ornamentais e de producción e incluso cervexa de elaboración caseira.
Por outra banda, e para focalizar máis atención no evento, tamén se organizou unha xuntanza de granxeiros virtuais, na que se ofreceu aloxamento para quen quixo pasar en Castrelo a noite anterior. A esa actividade corresponde a foto do artigo do Xornal. Pilláronme in fraganti e co casco posto. Pois menudo frío facía.
quinta-feira, 15 de outubro de 2009
Coa comida non se xoga
Xa tratei algo esta teima miña cos pratos afrancesados, a nouvelle cuisine esa, que digo eu, cándo aprenderon a cociñar os franceses? Se acaso os de Iparralde e algo os máis veciños por contaxio. En xeral, os franceses o que saben é disfrazar a comida, como fan os chineses, pero sen resultados agradables ó padal coma os distes. E ises nomes tan longos para ocultar un fracaso culinario son un insulto á intelixencia e un asalto ó peto dos incautos. Mais, como este pobo, a imitación do seu veciño mesetario, é unha esponxa para todo aquelo que sone exótico e sexa completamente inútil, os galegos tamén acabamos caindo nas modas absurdas. E explícome.
Chegoume coa revista de R un tríptico do 3º Outono gastronómico. Todo moi guai, unha idea caralluda a de levar clientes ás casas de turismo rural ofrecéndolles paquetes que inclúen a estancia e un menú con productos do País. Magnífica e tentadora. Pero, oh mal fado, os productos serán do país, pero a súa preparación segue o método experimental que propugnan animalciños da cociña que deberan ser directamente expostos no pelouriño da praza cun enorme letreiro onde describise claramente o seu pecado: XOGOU COA COMIDA, tal é o caso do criminal Ferrán Adriá.
Señores, sexamos serios. Experimentos fanse cos refugallos. Non se fan croquetas ou empanadillas con raxo de caldelá. A un asado bótaselle Veterano e non Courvoisier Napoleón. Unha Nación como a nosa, que conta cos mellores productos da terra e do mar non debe disimulalos, nin mesturalos á lixeira. Deixense de carpaccios e mousses, e de mesturar cogomelos con ourizos de mar e queixo (na vida se me ocorrería combinado mellor dirixido a non disfrutar dos sabores de nengún). Ou acaso mesturaría alguén un treixadura-torrontés Sameirás do Ribeiro, cun mencía Joaquín Rebolledo de Valdeorras e un albariño-loureiro-caiño Terras Gauda do Rosal, coa intención de mellor disfrutalos e apreciar máis nidiamente os sabores?
Xa me debín cheirar que hai algo de conto ó non figurar entre as casas que ofrecen o tal Outono gastronómico a Casa de Roque, do excelente cociñeiro e mellor amigo Amando.
En fin, cansei e é tarde. Outro día sigo coa teima. Ai!, aquiles chuletóns sen máis adubo que unha pouca sal do Restaurante Valilongo. Carne como esa non pode acabar nas mans dun Ferrán Adriá calquera. Sería sacrilexio.
Chegoume coa revista de R un tríptico do 3º Outono gastronómico. Todo moi guai, unha idea caralluda a de levar clientes ás casas de turismo rural ofrecéndolles paquetes que inclúen a estancia e un menú con productos do País. Magnífica e tentadora. Pero, oh mal fado, os productos serán do país, pero a súa preparación segue o método experimental que propugnan animalciños da cociña que deberan ser directamente expostos no pelouriño da praza cun enorme letreiro onde describise claramente o seu pecado: XOGOU COA COMIDA, tal é o caso do criminal Ferrán Adriá.
Señores, sexamos serios. Experimentos fanse cos refugallos. Non se fan croquetas ou empanadillas con raxo de caldelá. A un asado bótaselle Veterano e non Courvoisier Napoleón. Unha Nación como a nosa, que conta cos mellores productos da terra e do mar non debe disimulalos, nin mesturalos á lixeira. Deixense de carpaccios e mousses, e de mesturar cogomelos con ourizos de mar e queixo (na vida se me ocorrería combinado mellor dirixido a non disfrutar dos sabores de nengún). Ou acaso mesturaría alguén un treixadura-torrontés Sameirás do Ribeiro, cun mencía Joaquín Rebolledo de Valdeorras e un albariño-loureiro-caiño Terras Gauda do Rosal, coa intención de mellor disfrutalos e apreciar máis nidiamente os sabores?
Xa me debín cheirar que hai algo de conto ó non figurar entre as casas que ofrecen o tal Outono gastronómico a Casa de Roque, do excelente cociñeiro e mellor amigo Amando.
En fin, cansei e é tarde. Outro día sigo coa teima. Ai!, aquiles chuletóns sen máis adubo que unha pouca sal do Restaurante Valilongo. Carne como esa non pode acabar nas mans dun Ferrán Adriá calquera. Sería sacrilexio.
sexta-feira, 2 de outubro de 2009
Para que remate esta vergonza...
...dunha vez.Queremos Galego.
Unha curiosidade: Atentos ó enderezo da imprenta, que é moi curioso e, coma as tercianas, volve estar de actualidade.
sexta-feira, 25 de setembro de 2009
Adeus ríos, adeus parques
O progreso avanza coa furia cega dun maremoto. Preme na imaxe para verlle a retranca, de certo verdadeiro cinismo, dos nosos gobernantes. As fotos primeira e terceira tiráronse o mesmo día e á mesma hora. A serie fala por si soa.Fagamos un pouco de historia:
Na década dos 70, o Concello de Ourense fixo un importante recheo na marxe esquerda do Miño, a ámbolos lados da Ponte Novísima (nome moi pouco orixinal, pero que cando menos evita polémicas). Sobre o chan recén botado camiñei un día de volta da verbena da Ponte, e a sensación era como de andar encol dun colchón.
Alá por 1980, construiuse un "velódromo", que hoxe son os restos asfaltados que aparecen nas imaxes. Alí participei na miña primeira, e única, competición ciclista. Non gañei, que pouco podía facer unha bicicleta de paseo contra as de carreiras dos contrincantes, pero rematei o recorrido e engadín algúns puntiños ó meu equipo ó non entrar, incriblemente, de último.
Andando os oitenta, e escangallando o "velódromo" pra meter canos e cabos de corrente, construiuse o parque público. Prantáronse setos e diversas especies de árbores en estadios moi temperás de crecemento. Pódese dicir que esas árbores medraron comigo e esperaba que me sobrevivisen. Vese que non.
O Concello contratou o coidado do parque cunha empresa privada na forma dun único xardineiro, que tiña todo o recinto atendido e impoluto. A finalización do contrato e a aplicación de brigadas no mesmo cometido supuxo a inmediata decadencia. Os setos deformaronse, o lixo e a merda de can inundou o espacio de esparcemento e moitas prantas e arbustos secaron. Chegouse ó esperpento de unha brigada de seis persoas poñerse a podar un seto e retirar a broza e, ó cabo de case cinco horas, ter avanzado 15 metros.
Coa construcción da Ponte do Milenio, o parque sufriu a primeira dentada na súa superficie. Máis tarde, a conducción do gas furou novamente o xa esquecido velódromo e boa parte do parque público. Despois virían a rotonda da estrada de Monforte, o acceso centro da autovía e a rotonda de saída. Últimamente, algún avispado decidíu que as gallas baixas dos abetos, que gardaban o fresco nas tardes destes longos veráns que vimos disfrutando, impedían ver o bosque, e limpáronas ata os tres ou catro metros de altura. E agora...
Agora temos ó Concello empeñado na construcción dunha estación de bombeo, no que foi o casarío de Ponte Lebrona, que enviará a presión toda a merda da cidade á nova depuradora que seica se vai construir tamén en Reza. E para poder bombeala, hai que traela ata a estación de bombeo. Así, a conducción que ven de Vista Fermosa corre 600 metros pola Rúa do Bispo Lourenzo e atravesando -e escarallando- o parque. Amén.
Non dubido de que os nosos políticos son moi listísimos, e que iles teñen os seus chalés no monte para poder fuxir da canícula de Ourense, pero algúns temos que procurar unha sombriña fóra das casas e istes fenómenos veñen de liquidar a pouca que tiñamos no barrio do Couto. Eló non observaron que durante istes meses de calor ninguén visitaba a outra banda do parque, convertida, por falta de árbores de sombra, nun asadeiro máis ca en espazo público?
A alegría con que nesta cidade de Ourense se tira de motoserra só é comparable á incapacidade dos seus rexedores, de todos os seus rexedores sexan da cor que sexan.
sexta-feira, 7 de agosto de 2009
Indignación
Meu benquerido rianxeiro: aí os tes, apertándose entre babas e bághoas porque xa teñen ós ghaleghos axionllados e mirando cara á Meca. Quén o diría, e sobre todo a ti que loitache ata o derradeiro alento por unha Terra ceibe destas lesmias.Aghora mandan iles, aghora xa non hai imposición. Cousa rara, meu, endexamais me sentín impositor e seica aghora son, pero dos gordos, un estilote Pinochet, Pol Pot, Franco, Stalin, ou esí. Quén mo diría!
Aghora resulta que todo, absolutamente todo, o que se fixo nos case catro anos do bipartito estivo mal feito. O do decreto da linghua xa ti sabes, porque xa cho teño comentado, que é un conto. O decreto foi aprobado en tempos daquil ministro franquista que rematou de presidente da xunta. Si aquil que me dixeras que o viche de neno un día por Vilalba e que na vida esperabas ver un neno que che arrepiase, pero aquil si. Cousas da vida, meu. O raparigho trunfou e inda foi quen de parir monstros piores ca il.
Aghora resulta que todo é lexítimo se o fai un paifoco feo, parvo e aprendido en Madride. Aghora pódese liquidar, co só ar da pluma, un contrato, polo simple feito de que non se fixo con amigholos de bufé libre e sabe diola que máis. Aghora resulta que empresas tan sospeitosas de ser nacionalistas e de esquerdas coma Coren, Copasa e Ghadisa (Andavía) colaboraron á prevaricación e, seguramente, ata puxeron cartos neghros por detrás do telón pra obter unha concesión de muíños eólicos. Unha verghoña, Daniel. Unha verghoña. Os nosos prevaricando.
Menos mal que temos ese rapaciño (feo coma Picio, todo hai que dicilo) de Orense que vai arranxalo todo, e de paso tapar todos os descalabros que fixo a anterior xunta bipartita. Nai que o pariu.
Prá próxima, benquerido Daniel, falareiche do ben que nos vai ir en cuestión de lingua con iste amiguiño, dos que non pedimos, porque "xa nolos mandan de Madride".
P.S.: Ti xa sabes que eu teño o corazón partido co tema dos muíños eólicos, polo seu enorme impacto paisaxistico, medioambiental e ata climático, co que iso supón prás economías que non son Andavía nin Iberdrola, pero de ter que comer merda, polo menos que paghen ben. O outor día saía unha nova na capa dise xornal tan amarelo do que che teño falado, que dicía que cada muíño paghará un canon de ata 5.900 euros. Daí ó 14% de millóns que ía reportar ó ano cada maquinillo vai un treito. Cóidate.
Assinar:
Postagens (Atom)
