Cando me falan de España, sempre teño unha disputa, que se España é miña nai, eu son un fillo de puta. (Suso Vaamonde)
quarta-feira, 24 de setembro de 2008
Por qué vinte arrobas de sal?
Esta historia sucedeu, pois, hai máis de trinta anos, en Oleiros de Castrelo de Miño, en tempo de vendima. Os eixes dos carros cantaban das adegas ás viñas e, máis roucos, das viñas ás adegas cos tinos acugulados. Tamén cantaban os carrexós máis fino cando non cargaban co culeiro cheo. E cantaban ou parolaban as vendimadoras mentres separaban os acios da cepa coa axuda dunha gancha, aquela poda en miniatura que xa case non se ve e en todo caso non se usa. Habíaas con mango de madeira ou dunha soa peza de ferro, as miñas preferidas, coa parte de atrás traballada en espiral para facilitar o agarre.
Os pequenos anarquistas inda non tiñan acceso a semellantes marabillas concentradas da técnica, así que tiñan que arranxarse para apañar unha prestada temporalmente mentres as vendimadoras repoñías forzas xantando. Era a súa hora. Cando o mundo se tomaba un descanso, o pequeno aproveitaba para fedellar en todo aquelo que quedaba, por un pouco, lonxe da atención dos adultos.
Aquil día o seu obxectivo era a prensa. As cuñas levaban a mañá enteira repenicando na adega do avó e nas demais do lugar, como se fose todo il unha enorme ferrería. O neno xa vira moitas veces cómo se manexaba aquil trebello: un home ou dous agarraban dunha panca de ferro macizo e, utilizando moitas veces o seu propio peso, movíana adiante e atrás. Canto máis rápido se movese, máis mosto zurrichaba. De ser un home, tratábase diso, e o fedello xa era un home. Non dicían aquelas mulleres tan simpáticas que estaba feito un home. Pois iso, hoxe ía demostralo manexando un trebello de home.
Cispouse nun descoido da vixilancia adulta e botou a correr para quedar pronto fóra da súa vista. Ó chegar á adega tivo un momento de dúbida, porque estaba só e a prensa quedaba xusto debaixo da entrada do inferno. Da escura porta do faiado da adega asomaban as puntas dos monllos de vides alí almacenados, que axudaban a conservar a frescura que o viño require. Unha porta aberta a un espacio negro e material combustible: o inferno, fixo. Alí ata había estar o demo coa aguillada, pero mentres non asomase..., e il era un home.
A prensada xa ía case rematada e, inda coa barra tan baixa, tiña que estirar moito os brazos para agarrala. Debía ser por iso que aquilo non se movía. Empurrou, tirou, encolgouse da panca con todo o seu peso, pero o ferro só xogaba uns centímetros para adiante e para atrás entre as queixas alporizadas das cuñas. Descansou un pouco e preparouse para outro ataque.
Ó avó Silvio chamabámoslle os netos Papá Silvino, e a verdade é que lle caía a baba con todos nós. Era un home bó e traballador, sempre disposto a axudar ós seus veciños, pero o que máis e mellor lembro dil é que non se podía nin rifar ós netos diante súa.
Ben, estaba o pequeno encetando o segundo ou terceiro ataque á prensa, cando sentiu a voz do avó en ton retranqueiro:
-Quique, qué fas?
O Quique estaba tan concentrado na súa laboura que deu un brinco e só se lle ocorreu dicir:
-Nada, Papá Silvino.
O avó, que xa estaba rindo -no que vai quedando do arquivo da memoria lémbroo sempre rindo- sentenciou:
-Eche moito pra ti. Inda tes que comer vinte arrobas de sal -e ceibou unha gargallada.
Naquil momento o Quique non o entendeu, porque o sal non se comía, en todo caso por veces botábaselle á comida. Non sempre, que il soubera. Tardou un tempo, ata que xa case non o chamaban Quique, en decatarse do que significaba aquela frase que quedara gravada a lume no seu cerebro en formación.
Por iso, en memoria daquil avó que pasou cando eu contaba dez anos, que marchou camiñar as viñas do alén co seu eterno sorriso, leva tal nome iste blo. Dicían os gregos que cando se pasa á outra beira danlle a un de beber o viño do esquecemento, que fai que se borre toda lembranza da vida pasada. Tampouco hai que se fiar moito dos gregos, que lle botaban auga ó viño, para que logo digan da civilización helenística.
quinta-feira, 11 de setembro de 2008
O traxe dos domingos
Primeiro acerto: subir os blos salgados a un lugar destacado da páxina, que alá nos últimos pupitres semellaban os castigados. De momento só está o do amigo Iván, pero xa o aumentarei co resto da lista.
Ben, quero adicarlle a próxima entrada á historia que xustifica o nome do blo. Non sei se o farei tan ben como cando a puxen por primeira vez por escrito fai uns vinte anos. Xa choveu, e daquelas os feitos e os sentimentos estaban máis frescos na memoria. Haberá que tentalo.
E para a semana toca facer autocrítica.
sexta-feira, 5 de setembro de 2008
Azoutacristos
Ben, non acabamos de chegar á croa por un accidente desgrazado no lugar onde menos cabía pensar que se producise, mais polo camiño vimos abrigos prehistóricos impresionantes, penedos inscritos, ribeiras de regatos e cachoeiras, vistas espectaculares do val do Miño, co cal a andaina pagou a pena de sobras.
E lembreime agora da andaina porque estou a ler, horas eran, que van case cinco anos que o merquei, a Viaxe a Galiza que fixo Sarmiento alá polo 1745. Unha boa parte da obra adícaa á descripción da flora e resulta que aquil día vin a maior concentración de azoutacristos dende facía décadas. Esta pranta, o ruscus aculeatus, era moi común nos montes de Oleiros pero, quizais debido a unha excesiva explotación humana para o seu uso como basoiras e bazcullos, converteuse en algo excepcional. Nas marxes do Fragoso, lonxe da excepcionalidade, houbo momentos que botamos de menos que estivese extinta. Cando botas a man para te agarrar ó máis sólido que tes perto, é moi desafortunado atopar unha pranta con puntas en tódalas follas.
Pois ben, no libro de Sarmiento di:
"Mezquita. Chaman así cara Soutelo de Montes á planta, que o latín chama rusco, a botica brusco, en Portugal gilbarbeira, no Bierzo picantel, en Ourense gilvarda ou xilbarda e en Pontevedra xilbardeira, quizás de silva e de bardas, silbarda, xilbarda, etc."
E, máis adiante:
"Mezquita. Chaman así en Cerdedo ó brusco ou xilbardeira, e este nome pronúciano xensibarbeira."
Co cal xa quedan claras dúas cousas: de ónde veñen os topónimos Mezquita, e que o nome de azoutacristos é unha particularidade nosa, porque tampouco ven no diccionario de Franco Grande, no que aparece ata o apelido de solteira da virxe María. Algún día que non teña que facer autocrítica, falareivos da particularidade absoluta castrelá "xena" por "cabra". Absoluta tampouco, que cruza o río un pouquiño, como cruzaban os nosos avós coas vacas pra ir ós prados de unha e outra ribeira.
En fin, gracias infindas Horacio, e non só pola excursión, que miuda paparota e miudo viño que tes, e de paso as miñas condolencias pola recente perda.
E o da autocrítica, xa sabedes, será prá semana.
domingo, 31 de agosto de 2008
Manifiesto
É que ven de me mandar un outro amigo un correo no que se sinala a adhesión de Tele5 ó Manifiesto por la lengua común e convócase un apagón televisivo á dita cadea.
Non son moi dado a tirarme á piscina sen mirar se hai auga, así que craveille no google o de Manifiesto etcétera, pensando que o tal non podía ser tan terrible, por moito que o leven asinado unha boa meda de impresentables. Pero sí, amigos, entre outras cousas, o manifesto propugna que:
A lingua do imperio pequeno é a única que se lle supón, igual que os ovos na antiga mili, ós cidadáns españois. Polo tanto, como galego non me podo gabar precisamente de coñecer a lingua de Jorge Manrique, que o parece pero non é un cantante de boleros, porque se a descoñecese por completo, iste panfleto deixaríame fóra da categoría de español.
A educación ten que ser en castelán, e se queres dar galego, pois dalo coma lingua estranxeira, e xa vas polas viñas.
Que se queres ser atendido en galego nun organismo público, vas máis ben dado. Igual ías consultarte de osos e pel ó SERGAS e o único que está dispoñible que fale galego é o otorrinolaringólogo, que para a cousa da fala xa vai ben.
Que se o teu enderezo é Rúa dos Biosbardos e só hai sitio para un letreiro, vas máis ben dado, porque como ten que ser en castelán, vives na Calle Yoguresceltasdedanone.
Que nos vaiamos acostumando a ESCUCHAR ós nosos políticos no Parlamento galego, porque co urbanitas que se están volvendo, escoitar xa só escoitaremos a ises rojos folloneros do Bloque.
En fin, que declaro o boicot a Tele5 e a toda obra relacionada cos asinantes do Manifiesto por la lengua incorrupta de Franco, entre iles, por máis coñecidos, o excritor experuano Mario Vargas Llosa, o exactor excatalán Albert Boadella, o quensabesefilósofo charramangueiro Fernando Savater e o recentemente adscrito Arturo Pérez-Reverte, que non ten moito cariño ós galegos dende que non conseguiu meterlle o que il quería á Anxela Rodicio, cando estaban os dous alá nos Balcáns. Basta ver como a trata o imbécil e escuro este no Territorio comanche. Pantasma. Ó Arturiño só lle gostamos os galegos cando nos cae unha desgracia das gordas, pero igual que lle caen ben os bangladesinos, de lonxe. E outra, que estou vingativo vindicativo total, falta que escriba a súa segunda novela, que lida unha, lidas todas.
E a vindeira semana, faremos autocrítica.
sexta-feira, 15 de agosto de 2008
Festa do Xarrete e do Xarrote
Afortunadamente, a ameaza de chuvia, que sí se materializou en Feá, alá no alto de Macendo quedou en eso, en ameaza. Se a eso lle engadimos que o ar cortante impropio de mediados de agosto calmou ó pouco de sentar a xente, pódese dicir que os elementos (os atmosféricos) respectaron a festa.
Da comida, non podo queixarme, inda que o xarrete estivese un pouco doce de máis. Exceso de cebola? Pero cabe comentar que, a parte da lingua na que uns nos dirixiamos ós outros, podíase dubidar se estaba un nunha festa do interior de Galiza ou do interior de Murcia.
Para empezar, as sinais do aparcamento poñían 'aparcamiento', as camisetas da xente da comisión poñían 'Fiesta', un gardapanos da miña mesa tiña debuxada a bandeira de España. "Pintárono os nenos", díxome alguén. Nenos teledirixidos? Porque para rematar, cando estabamos cos entrantes, a orquestra OP (Orquesta Principal, pero como fai xogo con OT), ademais de levar xa un anaco fodendo a conversa cos seus tropecentos mil watios de son (que alí caían as follas das árbores a golpe de decibelio), foi e arrincouse co pasodoble El pueblo no se equivoca, do irmau de Manolo'cobar, no que, entre outras lindezas, arrota o que segue:
Si al grito de "viva España"
otro "viva" no responde,
si es hombre no es español,
y si es español no es hombre.
Literatura profunda e puro macho ibérico ceibo, como se pode comprobar. Case se me atraganta o rotí. En fin, aí queda un linkallo coa cantada polo Mnolo orixinal. Como se pode observar na gravación, que xa ten os seus anos, non só as mulleres levaban peiteados "Arriba España". Tamén os homes o facían. Algúns, e non miro moi lonxe, a pesar de que xa peitean canas, e poucas, seguen a esforzarse en manter aquil estilo. Eu non quero poñerme paranoico, pero a cancionciña pareceume moi sospeitosa, e tampouco me estrañaría que un deses nostálxicos fose quen de pedirlla expresamente ós orquestreiros.
sexta-feira, 8 de agosto de 2008
Esgarre
Estaba eu a pensar con qué tema encher hoxe unha liñas para non rachar coa media que leva o blo dende que volvín das vacacións, cando me atopei cunhas notas que tomara dunha nova, creo que da Voz, referente ós parasitos autorizados polo estado do benestar iles. Á SGAE xa a coñece todo o mundo e, quen máis quen menos, císcase no imposto revolucionario que nos mechan en cada adminículo ou consumible capaz de conter información. De momento, creo que non se taxa o papel, pero todo se andará.
Para acabala de rematar, refollando nos xornais dixitais, achei esta nova do Boletín Parroquial, que fala da absolución dun hostaleiro acusado PENALMENTE pola SGAE de amenizar os convites con música sen a súa autorización, previo pago.
Na nota teño estas outros tres sanguesugas que viven do que papaíño Estado lles permite limparnos: CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), que se leva unha cantidade por cada fotocopia que se fai, inda que sexa a do teu documento de identidade; EGEDA (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales), que autoriza, previo pago, a emisión das obras e gravacións audiovisuais; AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), que cobran dereitos sobre actuacións; poñamos por caso que os teus nenos representan no colexio Cats, pois prepara a carteira para pagar os dereitos antes ou os dereitos e a multa despois.
Todas estas entidades son asociacións, sociedades ou fundacións PRIVADAS, que só deberan recadar os dereitos correspondentes ós seus asociados. No caso da SGAE, coa autorización dun Goberno supostamente progresista, lévase tamén o seu anaco en obras e autores alleos – cobrando, por exemplo dereitos ós concellos pola representación de obras orixinais dos propios actores que as representan encadradas dentro dos circuítos culturais organizados pola Consellería de Cultura -, ademais de conculcar un dos principios vertebradores da democracia, tal é o da presunción de inocencia, ó cobrar canon sobre soportes – cds, dvds, discos duros, gravadoras,... – nos que, pola súa regra de tres, presúmese delicto. Compensanción equitativa por copia privada, chámanlle os moi ladinos. Así, eu que teño a manía de mercar música e filmes orixinais, estou pagando esa preciosa compensación equitativa porque lle sae dos perendengues, por gardar as miñas fotos da miña recente viaxe a Portugal.
CEDRO, como xa adiantei, cobra unha porcentaxe sobre cada fotocopia que se realiza, independentemente de que o obxecto fotocopiado sexa ou non de autoría suxeita a dereitos. E reparte o recadado SÓ entre os seus asociados. Esto si que ten delicto.
En fin. Iste espich non está suxeito a dereitos de autor, pero o ordenador no que o escribín, e probablemente iste no que o estás a ler xa pagou o canon. Así que, amiguiños, se presumen que todos somos piratas, parvo o último.
quarta-feira, 6 de agosto de 2008
Pachi falou
Daquelas estaba de vacacións e son dos que tentan desconectar o máis posible, así que me perdín estas lindezas do noso ínclito conselleiro de 1/2 ambiente. Presentaba aquil día non sei cantos novos tractores-desbrozadora e os agudos dos reporteiros foron preguntarlle pola reducción do IBI ás centrais hidroeléctricas e o canon medioambiental.
Seica nin estamos tan fodidos, e ata imos ter que pagar a cama:
"As nosas contas non din que se perdan cartos no montante global. Os datos que me pasan é que haberá un pequeno incremento. En todo caso, non se poden perder capacidades económicas nin no IBI nin na Lei do Canon". Os datos que "manexamos din outra cousa. Pode ser verdade a nivel individual e mentira no seu conxunto. Pero a ver cómo se reparte o novo modelo. Nós sempre estaremos na defensa dos concellos que tiñan un IBI e que agora non se lles pode retirar".
"José Luis Baltar (...) estuvo calado toda a vida cando non lle daban un duro para os concellos. E o BNG, con esa política de que todo o de Madrid e malo".