quarta-feira, 3 de dezembro de 2008

Txapela

Dende logo, hai xente á que os días de chuvia non lles chega ben o osíxeno ós miolos. Iste apirolado baixaba de Progreso cara á Praza de Abastos cando subía eu. Nin xiquera me fixei na marca do coche, igual un cherokee, só sei que había ringleira e o último, que pilotaba un todoterreo verde, inclinouse cara á fiestra do copiloto. Nise momento, cos meus graos de febre e a miña inxenuidade, pensei que ía preguntarme algún enderezo. Pero non, abriu a fiestriña dereita e dixo "Los etarras son unos hijos de putas". E repetiumo, coa mesma sintaxe, catro ou cinco veces, inda que á terceira, cando por fin escoitei o que dicía, lle contestara "Serán". A todo isto, sen saber moi ben de qué ía o conto, que tolos hainos por tódalas partes.
Seguín camiño e só foi cando levaba cruzado a rúa e andados uns cantos metros que me decatei: todo era debido á miña pucha. O elemento tradicional das nosas xentes, por desgracia en franca decadencia, fixera que aquil cerebro de miñouva me confundira cun basko e, polo tanto, seguindo o seu proceso mental de berberecho retardado, cun etarra.
Sumémoslle o que medio oíra na radio mentres xantaba -non tiven tempo de ver o telexornal, ocupado como estaba con cousas nosas, dos perigosos separatistas galegos-, do tiroteo dun empresario en Euskal Herria, e xa temos o afán de linchamento montado.
Non sei por qué, pero co detalle lembroume a canción que se me veu á cabeza cando onte souben que o luns morrera Mikel Laboa, "Txoria txori" (O paxaro é paxaro):

"Hegoak ebaki banizkio
nerea izango zen,
ez zuen aldegingo.
Bainan honela,
ez zen gehiago txoria izango,
eta nik...
txoria nuen maite."

(Se lle cortar as ás
tería sido meu,
non escaparía.
Mais esí,
tería deixado de ser paxaro.
E eu...
o que quería era o paxaro.)

sexta-feira, 28 de novembro de 2008

Lendas urbanas, cadeas e demais desatinos da rede

Hai xente que semella non ter nada mellor que facer que intoxicar os nosos memes con lixo anti-científico, cousiñas tipo o creacionismo, por poñer un exemplo ben aberrante. Esa xentiña alucinada chega a pendurar na rede imaxes supostamente serias nas que aparece un dinosaurio papándose a unha persoa. Xa é casualidade que estiveran os dous alí prá foto.
Hoxe chegoume unha cadea que non podo crebar só perigo de que o ceo caia enriba da miña cabeza e que me asegura, cun estilo moi depurado (por exemplo AZLO, en maiúsculas por se non se vía ben) que o meu desexo que se me ocurra no momento que estou lendo a maior sarta de memeces da semán, vaise cumplir en tantos minutos coma anos teño, se reenvío a outros dez correos a cousa en si. Inmediatamente vénseme a cabeza cántos minutos. Automatismos que nos traizoan. Naturalmente, non o "ICE".
Outra cousiña que me veu foi un pps, que manda carallo a de tempo que ten a peña pra poñerse a facer desas cousiñas, no que fala das bondades da auga (isa é a verdade de reforzo) e das maldades da coca-cola. Entre outras, o refresco desatasca o retrete; disolve un oso en dous días, inda que ó seu compoñente máis maligno, o ácido fosfórico, lévalle catro disolver unha unlla; os patrulleiros das estradas americanas levan dous galóns pra limpar o sangue dos accidentes; mesturada, esta é boa, co deterxente na lavadora, quita as manchas de graxa; os camións que a transportan levan o sinal de "Material perigoso"; e por fin, o que quero comentar, é un magnífico desenferruxante.
Pois ben, inda que non teño motivos -menos o sentido común- pra desconfiar do resto das afirmacións, comprobei hai ben anos que ista última é falsa de toda falsedade. Tiña unha bicicleta vella pero en bo estado, inda que a cadea estaba enferruxada. Desperdiciei varios días e medio litro de Cocacola no experimento e resultou que nin desenferruxa nin o carallo bendito. A cadea seguía igual de tesa que cando a sumerxín, só que agora estaba toda pegañenta. Rematei recurrindo a tirar de peto e mercar unha cadea nova.
O único problema que me consta presenta o ditoso refresquiño é a cantidade moi apreciable de azucre refinada que contén, unha morea que habituándose a beber con ela, fai que un se poña coma un pipotiño, sobre todo se é un neno que levan e traen do colexio en coche pra pousalo diante do telelixo ou a consola.
En fin, empecei con cadeas e rematei con cadeas. Só lamento que non atopei a imaxe dos fósiles de dinosaurio zampándose á persoa, pero xuro polo máis sagrado, o Espagueti Volador, que o conto tal como o vin.

terça-feira, 18 de novembro de 2008

Emocións

Nantronte fun coma convidado á clausura -en relidade o convite era para todo o acto, pero non estiven libre ata o domingo- do XII Congreso da UPG. Cabería contar o que supuxo para o nacionalismo galego a fundación e a propia existencia da Unión do Povo Galego.

Emocionoume fondamente a homenaxe que lle fixeron os compañeiros ó Bautista Álvarez, ofrendándolle non un reloxio ou uns xemelgos, senón unha bandeira estrelada e outra da UPG. O bó do Bautista case non puido conter as bágoas, e non era o único, que o sentimental iste estaba na mesma tesitura. Habíaos piores, que o Bieito Lobeira, cousa que o honra e lle outorga dez puntos no meu ranquin de persoa, tivo que se limpar os ollos ata varios minutos despois de rematada a homenaxe. Non era para menos, que a traxectoria do homenaxeado ben o merece.

O Bautista foi a voz que puxo a UPG no seu primerio acto reivindicativo de trascendencia: a revolta dos fouciños de Castrelo de Miño. Nas súas propias declaracións recoñece que a laboura da organización foi case únicamente de asesoramento organizativo e na redacción de comunicados ou manifestos. Aqueles homes e aquelas mulleres de Castrelo poñían o resto.

Despoixa de ter batido en outras comarcas con muros de cemento ergueitos automáticamente ó dicir de onde era, para iles de terra de matóns, e saír coa honra mancada, síntome orgulloso de ser do primeiro concello (minto, primeiro Portomarín) que lle puxo peito ás falcatrúas da dictadura, e de coñecer a un galego íntegro e entregado á súa Terra, como é o Bautista. Só espero que poida participar na homenaxe a aquiles e aquelas -sobre todo aquelas- labregos que dixeron non á imposición hai corenta anos.

Conto contigo, Bautista.

quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Yes, ti -tamén- can

Seguimos a voltas coas eleccións nos Iuesei, coa grea progre entusiamada coa elección do candidato dos seus amores. Pola miña parte, non é que preferise ó McCain, pero non vexo gran mellora no mundo polo feito de que o novo presidente sexa demócrata ou estea "abbronzato" como dixo o animalciño do Berlusconi. Nin pró mundo, nin prós seus propios concidadáns. Non vexo a iste, ou calquera outro presidente ianki, impoñendo o sistema sanitario público universal, por poñer só un exemplo.

Sempre pensei que a mentalidade norteamericana tiña algún tipo de problema clínico, ata que hai algúns anos cheguei á conclusión de que a esta xente se lle define perfectamente con dúas palabras: son monxas sádicas. E non é de hoxe. O seu camiño pola historia, levando nunha mau a bolsa e na outra o trabuco, iniciouse co propio asentamento do primeiro puritán anglosaxón na costa atlántica norteamericana. Medio comerciantes, medio salteadores, usaron sempre a cara que millor lles conviña no momento.

Empezaron polos indíxenas, ós que debían a propia vida, porque istes pais pelegríns non sabían nin sachar, nin pescar, nin cazar, nin recoller. Atados eternamente ó Vello Testamento da Biblia, preferían vivir materialmente do traballo dos demais e moralmente coma trinta seculos atrás. Despois de ter o cú a salvo, adicáronse a expoliar e exterminar ós nativos, por si mesmos, inda que deste xeito a metade das veces tamén levaban iles, ou por intermedio da coroa inglesa, do alcol e das enfermidades, que espallaron entre os seus veciños a propósito. As mantas dos mortos por variola debían serlle entregadas ós indios, que non tiñan desenvolvido ningún tipo de inmunidade e morrían coma moscas, por orde dos líderes militares e relixiosos dos anglosaxóns de América.

Dende aquelas, a súa voracidade non coñece límites. Non me vou estender, porque sería moi longa de contar toda a lista de macarradas distes rapaces, pero oxalá e unha peste os levase a todos e o seu Destino Manifesto. Sentiríao por algúns, moi poucos, ós que admiro, pero un grau non fai praia. E por Barak Dereitos Civís Yes We Can Gau Gau Obama non creo que o sentise. Nin por McCain tampouco. Non son racista e tanto me ten porco branco coma porco negro.

Para rematar, as guerras externas que libraron os usas eses, ata a chegada da familia Bush, foron case, se non todas, declaradas por presidentes demócratas. A quén lle tocará agora?

terça-feira, 4 de novembro de 2008

Afranio

Vai pra vintecinco anos, que manda carallo cómo pasa o tempo, que me lin a novela autobiográfica de Antón Alonso Ríos, O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte. A novela, que merquei nun postiño de lance porque daquelas as pesetas eran contadas, a parte de ben escrita -non cabía outra cousa- narra unha historia apalpable, unha odisea persoal nun mundo patas arriba no que os asasinos fan o papel de xuízes e as víctimas son os culpables condenados polo delito que comenten os seus torturadores. Se repasamos as sentencias dos xuízos sumarísimos da época, atopamos centos de condenados, incluso á pena capital, por "auxilio a la rebelión". E inda pretenden que esquezamos.

Hoxe está a ser -ou xa foi, supoño- levada ó cinema esta historia. Alén Filmes encargou a Víctor Coyote a realización dun road-movie -máis ben un walk-movie en palabras do director- sobre a fuxida do deputado galeguista dunha morte segura. Alonso Ríos salvou o pelexo porque soubo usar o único recurso que funciona cando os imbéciles se arman e deciden cazar ós outros: correr e agocharse. O filme está protagonizado por Luis Tosar, co cal podemos estar seguros de que bordará o papel.

segunda-feira, 3 de novembro de 2008

Unha de reises

Iste era un tema que tiña medio esquecido, pero rexurde por veces, por exemplo cando a sabiduría dubida da lóxica de certos costumes modernos e progres. E non digo que non me pareza un xeito desencamiñado de defender dereitos individuais a charramangueirada do día do orgullo gay, pero outra cousa é empregalo coma argumento para defender a involución social. Raíña, o mundo móvese.

E, como coincide que algún resentido polas palabras da primeira dama publicou isto, no que se ceiban acusacións nas que non me meto -madia leva, estimo moito a miña liberdade-, vou colar unha ligazón cun libro de Patricia Sverlo, Un rey golpe a golpe, no que tamén conta cousas nas que non entro, polas mesmas razóns anticipadas.

O que queira, que o disfrute. E viva a República!!!

quinta-feira, 30 de outubro de 2008

Do not disturb

Estamos traballando pra vostede, desculpen as molestias. O lema das obras públicas, por moito que non deixe de ser dunha hipocrisía evidente, non se aplica no Concello de Ourense. Esta mañá tiven que entrar por rexistro uns documentos, dos que tres precisaban do correspondente cotexo. Pra matar dous paxaros dun tiro, preguntei na recepción onde mos podían compulsar e mandáronme a unha xanela na que me fixeron a conta pra ir pagar ó banco. Total 6,30 euracos. O tempo apremiaba, esí que alá me fun soltar a mosca, botando sapos e cobras pola boca.

Cando voltei e fun ó propio rexistro, que era onde mos tiñan que cotexar, o funcionario encargado non tardou nada en facelo. Tempo empregado: menos de un minuto e polo tanto menos de 0,05 € de salario do persoal. Custe do material gastado: menos de 0,01 €. En fin, un beneficio mínimo pró Concello de 6,24 euros.

A conclusión posible é que á Administración Local de Ourense non lle interesa que o público, os que pagamos os seus salarios, molestemos ós seus chicos cando están traballando. Cabe preguntarse en qué, e darlle a volta ó eslogan de Obras Públicas: Non queremos traballar, non molesten.

Afortunadamente, xa non vou ter que votar por ningún dises 27 inútiles. A lástima é que ista inutilidade, a pesar de todo premiada cun bó pico dos euros arrapañados ó Goberno central, vai afectar ó computo xeral de votos. E compren todos.