sexta-feira, 7 de agosto de 2009

Indignación

Meu benquerido rianxeiro: aí os tes, apertándose entre babas e bághoas porque xa teñen ós ghaleghos axionllados e mirando cara á Meca. Quén o diría, e sobre todo a ti que loitache ata o derradeiro alento por unha Terra ceibe destas lesmias.

Aghora mandan iles, aghora xa non hai imposición. Cousa rara, meu, endexamais me sentín impositor e seica aghora son, pero dos gordos, un estilote Pinochet, Pol Pot, Franco, Stalin, ou esí. Quén mo diría!

Aghora resulta que todo, absolutamente todo, o que se fixo nos case catro anos do bipartito estivo mal feito. O do decreto da linghua xa ti sabes, porque xa cho teño comentado, que é un conto. O decreto foi aprobado en tempos daquil ministro franquista que rematou de presidente da xunta. Si aquil que me dixeras que o viche de neno un día por Vilalba e que na vida esperabas ver un neno que che arrepiase, pero aquil si. Cousas da vida, meu. O raparigho trunfou e inda foi quen de parir monstros piores ca il.

Aghora resulta que todo é lexítimo se o fai un paifoco feo, parvo e aprendido en Madride. Aghora pódese liquidar, co só ar da pluma, un contrato, polo simple feito de que non se fixo con amigholos de bufé libre e sabe diola que máis. Aghora resulta que empresas tan sospeitosas de ser nacionalistas e de esquerdas coma Coren, Copasa e Ghadisa (Andavía) colaboraron á prevaricación e, seguramente, ata puxeron cartos neghros por detrás do telón pra obter unha concesión de muíños eólicos. Unha verghoña, Daniel. Unha verghoña. Os nosos prevaricando.

Menos mal que temos ese rapaciño (feo coma Picio, todo hai que dicilo) de Orense que vai arranxalo todo, e de paso tapar todos os descalabros que fixo a anterior xunta bipartita. Nai que o pariu.

Prá próxima, benquerido Daniel, falareiche do ben que nos vai ir en cuestión de lingua con iste amiguiño, dos que non pedimos, porque "xa nolos mandan de Madride".


P.S.: Ti xa sabes que eu teño o corazón partido co tema dos muíños eólicos, polo seu enorme impacto paisaxistico, medioambiental e ata climático, co que iso supón prás economías que non son Andavía nin Iberdrola, pero de ter que comer merda, polo menos que paghen ben. O outor día saía unha nova na capa dise xornal tan amarelo do que che teño falado, que dicía que cada muíño paghará un canon de ata 5.900 euros. Daí ó 14% de millóns que ía reportar ó ano cada maquinillo vai un treito. Cóidate.

sexta-feira, 24 de julho de 2009

Outra vaca no millo


Regando a beirarrúa de Ervedelo ás 10:15. Deica 2011 sobra o tempo pra seguir cos despropósitos e que en Ourense volvan gobernar os mangantes durante outra xeración. Ánimo Rodríguez. Ánimo García. Estades a facelo de puta pena.

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Crítica da razón impura. II parte.

Hoxe, que veu de auga, tiven que saír facer un recado alá polo medio de Ervedelo e xa de ida cendinme un pouco co chiste ise da Humanización do Couto que promove a Concellalía de García Mata e pagamos todos. Humanización seica lle chaman a tirarlle prazas de aparcamento ós pobres, poñer as beirarrúas de pedra e as rúas de adoquíns.
Eló fostes á mesma escola de urbanismo ca os do PP? Hai que ir á moda e así cada poucos anos ciscamos outra partida de cartos? Paga Europa? Pois que saibades que cando paga Europa os cartos tamén saen dos nosos petos, dos petos dos paganos. Ou pensabades que en Bruxelas tiñan unha máquina de fabricar cartos?
Algunha vez andivestes pola pedra mollada? Lembro, que foi en tempos históricos, non antes da guerra, ir choiar unha mañá de xiada despoixa de que merexase pola noite, que nesas lousas tan verdes e lindas que puxo Cabezas enfronte do Pavillón patinaba eu coas botas e as velliñas daban tremendas cuadas con risco de romper osos. Iso si, ó chegar ésas lousas tan vellas, tan cuadriculadas, tan antiestéticas, de Antonio Puga, rematou a patinaxe. Porque esas lousas son o cumio do deseño ergonómico feito lousa. Non serán bonitas, non molarán mazo, pero funcionan, e ademais son baratas.
E qué dicirvos do adoquín? Qué chau tan firme, que bó de andar pra peóns e vehículos, cómo lle presta ós amortiguadores. Dende logo, o adoquín non ten máis ca avantaxes. Non sei cómo non o poño no meu cuarto. Se un día teño cartos, igual me animo.
E mentres ciscades case un millón de euros en humanizar un par de rúas do Couto, ninguén ven limpar a beirarrúa que contorna o terreo dos futuros xulgados, do futuro centro médico e de non sei cántas cousas ¨futuras" máis. Que nos comen as silvas. Ah, que non é cousa de Tenencia, que é de Alcaldía? E a qué esperades pra dicirlle que faga as cousas?
Mentres preparades unhas pistas de patinaxe chulísimas, cada vez que chove, como é o caso hoxe, ármase unha ducha tal en Bispo Lourenzo, ó seu paso por debaixo da ponte Novísima, que hai que saír á estrada e xa ó segundo carril; a gavia do sumidoiro contén algo así coma unha tonelada de terra dende hai tanto tempo que así que tal virán os paleontólogos tomar mostras dos estratos; o cruce, cada vez que chove cun pouco de xeito, convértese nunha fermosa piscina porque ninguén se ocupa de desatascar os sumidoiros. E así ata o infinito. Para que forades tan inútiles coma os peperolos, non precisabamos mudanza nengunha.
En fin, que Ourense debe ser a excepción que confirma a famosa regla de que onde o BNG funciona tanto electoral coma socialmente, está xestionado por xente de determinado colectivo. Como diría Nelson Muntz, ha, ha!

quarta-feira, 1 de julho de 2009

Unha outra ración de lingua

Veño de volta do traballo por Doutor Fleming e, sen pretendelo, escoito unha conversa de mociñas do Zorelle. O curso académico xa rematou, pero a tenda das chuches de enfronte semella un bó sitio onde quedar. Di unha "Pues a mi me gusta cuando hablan en gallego, porque..." (eiquí pasou un pepino tripulado por outro no cruce e perdinme o resto da frase). Inconscientemente prestei unha pouca de atención, e salta a que máis fondo acento, case insultante, tiña: "Pues a mi nu". Millor, por non ceibar algunha barbaridade ou gargallada inoportuna, deixámolo esí.

terça-feira, 30 de junho de 2009

Xa empezaron as rebaixas

Inda non rematou xuño, non sendo no tempo diste vrau case eterno que se nos implantou na casa coma ise parente que veu pasar un finde e quedou pra sempre, e velaí veñen as rebaixas do Corte Galego. Da corte galega, coma se dixeramos, e eu discutindo que se o eñe é máis galego ca o ene agá. Os amigos reintegras non me cren, pero son moi teimudo.
Xa empezaron as rebaixas e o fenómeno Reixa vai á feira cos cartos na mau. E non é o único que se pranta no mercado nise plan, que veño de cruzarme por onda os cochos cunha destacada figura do nacionalismo visible, e alá diante vexo a outra. A lingua tornouse en moeda de troco e os seus 'defensores' saen á palestra cos calzós baixados.
Ignoro que costumes se levan no trato en tan outas latitudes, pero por equí abaixo o que vende pide máis e o que compra ofrece menos, ata que chegan ó acordo. Se no caso da lingua, os 'defensores', e insisto nas apóstrofes, xa parten de considerar imposible que o galego se convirta na lingua hexemónica do país, pois apaga a lús, marilús, que marchamos. Se nunha negociación, que é do que se trata, unha banda parte de que lle está impoñendo algo a outra, polo menos que isa banda sexa a que impón. Que tanta pixada e tanta correución política está empezando a poñerme dos nervos.
Polo demais, de momento, o mono da nicotina levoo ben.

segunda-feira, 29 de junho de 2009

Eu quero tren. Metei polo cú a galiña

Seguimos a voltas co AVE galego -que non, carallo, que xa vos teño dito que é un Tren de Velocidade Alta, ou sexa un ave de vó baixo- e veña alá con prazos e con que se Blanco e Feijoo están en boas relacións. Que se biquen! Que se biquen! Agora o Feijoo é un supercampióndelamuerte porque conseguíu unha data fixa prá finalización da puta galiña dos collós. Entrando na movida -que iste imbécil alá lle foi patear e pasar calor a Lubión, maldito o día, autotraición chámase iso-, o 2015, que non poño eu nin as unllas no lume por ela, é unha data de merda. A iste paso, a pixada do país e os políticos, van ter que estar indo a Madrid en avión perante unha xeración máis, cando menos.
Pero esta conachada (chuminada din os casteláns), ó final, a qué nos leva? Porque que catro mangantes de toda a vida, fillos, netos e tataranetos de mangantes, que ostentan o capital do país, e outros catro palanganeiros -chámeselle políticos- que van ir da moca, porque pagamos todos, poidan viaxar á capital do mamoneo por vía terrestre en menos tempo, a nós, ós paduanos, ós paganos, os cidadáns e rurais de a pé, QUÉ NOS SOLUCIONA?
Eu, e coma mín milleiros, e ata me atrevería a apostar que centos de milleiros, o que quero é unha comunicación fácil e rápida coa cidade, a vila e a aldea máis próxima, cousa que hoxe converteuse nunha entelequia maior ca irse de chiquiteo á lúa. Non vai e non vai. Cada día péchanse máis e máis apeadoiros. Non se abren a penas vías dobles. O parque móbil ferroviario galego está envellecido, e o que é inda máis penoso, aliméntase do que xa non queren en Madrid.
E, quitante ó Iago Tabarés, non lle escoitei a ninguén das nosas fileiras defender o tren de verdade, o de toda a vida, aquil no que os avós ían á feira ou no que o tío volveu do servicio. Non existe.
Falan compañeiros e compañeiras de desconexión coa sociedade. Qué máis desconexión coa sociedade queredes, pixos de merda, que estarmos loitando polo tren dos ricos.
E non vou aceptar críticas. Se algunha hai, paramos de falar e arranxámolo estilo celta.

quarta-feira, 13 de maio de 2009

Bilingüísmo



Galego-chinés, qué pasa?