quinta-feira, 15 de outubro de 2009

Coa comida non se xoga

Xa tratei algo esta teima miña cos pratos afrancesados, a nouvelle cuisine esa, que digo eu, cándo aprenderon a cociñar os franceses? Se acaso os de Iparralde e algo os máis veciños por contaxio. En xeral, os franceses o que saben é disfrazar a comida, como fan os chineses, pero sen resultados agradables ó padal coma os distes. E ises nomes tan longos para ocultar un fracaso culinario son un insulto á intelixencia e un asalto ó peto dos incautos. Mais, como este pobo, a imitación do seu veciño mesetario, é unha esponxa para todo aquelo que sone exótico e sexa completamente inútil, os galegos tamén acabamos caindo nas modas absurdas. E explícome.

Chegoume coa revista de R un tríptico do 3º Outono gastronómico. Todo moi guai, unha idea caralluda a de levar clientes ás casas de turismo rural ofrecéndolles paquetes que inclúen a estancia e un menú con productos do País. Magnífica e tentadora. Pero, oh mal fado, os productos serán do país, pero a súa preparación segue o método experimental que propugnan animalciños da cociña que deberan ser directamente expostos no pelouriño da praza cun enorme letreiro onde describise claramente o seu pecado: XOGOU COA COMIDA, tal é o caso do criminal Ferrán Adriá.

Señores, sexamos serios. Experimentos fanse cos refugallos. Non se fan croquetas ou empanadillas con raxo de caldelá. A un asado bótaselle Veterano e non Courvoisier Napoleón. Unha Nación como a nosa, que conta cos mellores productos da terra e do mar non debe disimulalos, nin mesturalos á lixeira. Deixense de carpaccios e mousses, e de mesturar cogomelos con ourizos de mar e queixo (na vida se me ocorrería combinado mellor dirixido a non disfrutar dos sabores de nengún). Ou acaso mesturaría alguén un treixadura-torrontés Sameirás do Ribeiro, cun mencía Joaquín Rebolledo de Valdeorras e un albariño-loureiro-caiño Terras Gauda do Rosal, coa intención de mellor disfrutalos e apreciar máis nidiamente os sabores?

Xa me debín cheirar que hai algo de conto ó non figurar entre as casas que ofrecen o tal Outono gastronómico a Casa de Roque, do excelente cociñeiro e mellor amigo Amando.

En fin, cansei e é tarde. Outro día sigo coa teima. Ai!, aquiles chuletóns sen máis adubo que unha pouca sal do Restaurante Valilongo. Carne como esa non pode acabar nas mans dun Ferrán Adriá calquera. Sería sacrilexio.

sexta-feira, 2 de outubro de 2009

Para que remate esta vergonza...

...dunha vez.

Queremos Galego.

Unha curiosidade: Atentos ó enderezo da imprenta, que é moi curioso e, coma as tercianas, volve estar de actualidade.

sexta-feira, 25 de setembro de 2009

Adeus ríos, adeus parques

O progreso avanza coa furia cega dun maremoto. Preme na imaxe para verlle a retranca, de certo verdadeiro cinismo, dos nosos gobernantes. As fotos primeira e terceira tiráronse o mesmo día e á mesma hora. A serie fala por si soa.

Fagamos un pouco de historia:
Na década dos 70, o Concello de Ourense fixo un importante recheo na marxe esquerda do Miño, a ámbolos lados da Ponte Novísima (nome moi pouco orixinal, pero que cando menos evita polémicas). Sobre o chan recén botado camiñei un día de volta da verbena da Ponte, e a sensación era como de andar encol dun colchón.

Alá por 1980, construiuse un "velódromo", que hoxe son os restos asfaltados que aparecen nas imaxes. Alí participei na miña primeira, e única, competición ciclista. Non gañei, que pouco podía facer unha bicicleta de paseo contra as de carreiras dos contrincantes, pero rematei o recorrido e engadín algúns puntiños ó meu equipo ó non entrar, incriblemente, de último.

Andando os oitenta, e escangallando o "velódromo" pra meter canos e cabos de corrente, construiuse o parque público. Prantáronse setos e diversas especies de árbores en estadios moi temperás de crecemento. Pódese dicir que esas árbores medraron comigo e esperaba que me sobrevivisen. Vese que non.

O Concello contratou o coidado do parque cunha empresa privada na forma dun único xardineiro, que tiña todo o recinto atendido e impoluto. A finalización do contrato e a aplicación de brigadas no mesmo cometido supuxo a inmediata decadencia. Os setos deformaronse, o lixo e a merda de can inundou o espacio de esparcemento e moitas prantas e arbustos secaron. Chegouse ó esperpento de unha brigada de seis persoas poñerse a podar un seto e retirar a broza e, ó cabo de case cinco horas, ter avanzado 15 metros.

Coa construcción da Ponte do Milenio, o parque sufriu a primeira dentada na súa superficie. Máis tarde, a conducción do gas furou novamente o xa esquecido velódromo e boa parte do parque público. Despois virían a rotonda da estrada de Monforte, o acceso centro da autovía e a rotonda de saída. Últimamente, algún avispado decidíu que as gallas baixas dos abetos, que gardaban o fresco nas tardes destes longos veráns que vimos disfrutando, impedían ver o bosque, e limpáronas ata os tres ou catro metros de altura. E agora...

Agora temos ó Concello empeñado na construcción dunha estación de bombeo, no que foi o casarío de Ponte Lebrona, que enviará a presión toda a merda da cidade á nova depuradora que seica se vai construir tamén en Reza. E para poder bombeala, hai que traela ata a estación de bombeo. Así, a conducción que ven de Vista Fermosa corre 600 metros pola Rúa do Bispo Lourenzo e atravesando -e escarallando- o parque. Amén.

Non dubido de que os nosos políticos son moi listísimos, e que iles teñen os seus chalés no monte para poder fuxir da canícula de Ourense, pero algúns temos que procurar unha sombriña fóra das casas e istes fenómenos veñen de liquidar a pouca que tiñamos no barrio do Couto. Eló non observaron que durante istes meses de calor ninguén visitaba a outra banda do parque, convertida, por falta de árbores de sombra, nun asadeiro máis ca en espazo público?

A alegría con que nesta cidade de Ourense se tira de motoserra só é comparable á incapacidade dos seus rexedores, de todos os seus rexedores sexan da cor que sexan.

sexta-feira, 7 de agosto de 2009

Indignación

Meu benquerido rianxeiro: aí os tes, apertándose entre babas e bághoas porque xa teñen ós ghaleghos axionllados e mirando cara á Meca. Quén o diría, e sobre todo a ti que loitache ata o derradeiro alento por unha Terra ceibe destas lesmias.

Aghora mandan iles, aghora xa non hai imposición. Cousa rara, meu, endexamais me sentín impositor e seica aghora son, pero dos gordos, un estilote Pinochet, Pol Pot, Franco, Stalin, ou esí. Quén mo diría!

Aghora resulta que todo, absolutamente todo, o que se fixo nos case catro anos do bipartito estivo mal feito. O do decreto da linghua xa ti sabes, porque xa cho teño comentado, que é un conto. O decreto foi aprobado en tempos daquil ministro franquista que rematou de presidente da xunta. Si aquil que me dixeras que o viche de neno un día por Vilalba e que na vida esperabas ver un neno que che arrepiase, pero aquil si. Cousas da vida, meu. O raparigho trunfou e inda foi quen de parir monstros piores ca il.

Aghora resulta que todo é lexítimo se o fai un paifoco feo, parvo e aprendido en Madride. Aghora pódese liquidar, co só ar da pluma, un contrato, polo simple feito de que non se fixo con amigholos de bufé libre e sabe diola que máis. Aghora resulta que empresas tan sospeitosas de ser nacionalistas e de esquerdas coma Coren, Copasa e Ghadisa (Andavía) colaboraron á prevaricación e, seguramente, ata puxeron cartos neghros por detrás do telón pra obter unha concesión de muíños eólicos. Unha verghoña, Daniel. Unha verghoña. Os nosos prevaricando.

Menos mal que temos ese rapaciño (feo coma Picio, todo hai que dicilo) de Orense que vai arranxalo todo, e de paso tapar todos os descalabros que fixo a anterior xunta bipartita. Nai que o pariu.

Prá próxima, benquerido Daniel, falareiche do ben que nos vai ir en cuestión de lingua con iste amiguiño, dos que non pedimos, porque "xa nolos mandan de Madride".


P.S.: Ti xa sabes que eu teño o corazón partido co tema dos muíños eólicos, polo seu enorme impacto paisaxistico, medioambiental e ata climático, co que iso supón prás economías que non son Andavía nin Iberdrola, pero de ter que comer merda, polo menos que paghen ben. O outor día saía unha nova na capa dise xornal tan amarelo do que che teño falado, que dicía que cada muíño paghará un canon de ata 5.900 euros. Daí ó 14% de millóns que ía reportar ó ano cada maquinillo vai un treito. Cóidate.

sexta-feira, 24 de julho de 2009

Outra vaca no millo


Regando a beirarrúa de Ervedelo ás 10:15. Deica 2011 sobra o tempo pra seguir cos despropósitos e que en Ourense volvan gobernar os mangantes durante outra xeración. Ánimo Rodríguez. Ánimo García. Estades a facelo de puta pena.

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Crítica da razón impura. II parte.

Hoxe, que veu de auga, tiven que saír facer un recado alá polo medio de Ervedelo e xa de ida cendinme un pouco co chiste ise da Humanización do Couto que promove a Concellalía de García Mata e pagamos todos. Humanización seica lle chaman a tirarlle prazas de aparcamento ós pobres, poñer as beirarrúas de pedra e as rúas de adoquíns.
Eló fostes á mesma escola de urbanismo ca os do PP? Hai que ir á moda e así cada poucos anos ciscamos outra partida de cartos? Paga Europa? Pois que saibades que cando paga Europa os cartos tamén saen dos nosos petos, dos petos dos paganos. Ou pensabades que en Bruxelas tiñan unha máquina de fabricar cartos?
Algunha vez andivestes pola pedra mollada? Lembro, que foi en tempos históricos, non antes da guerra, ir choiar unha mañá de xiada despoixa de que merexase pola noite, que nesas lousas tan verdes e lindas que puxo Cabezas enfronte do Pavillón patinaba eu coas botas e as velliñas daban tremendas cuadas con risco de romper osos. Iso si, ó chegar ésas lousas tan vellas, tan cuadriculadas, tan antiestéticas, de Antonio Puga, rematou a patinaxe. Porque esas lousas son o cumio do deseño ergonómico feito lousa. Non serán bonitas, non molarán mazo, pero funcionan, e ademais son baratas.
E qué dicirvos do adoquín? Qué chau tan firme, que bó de andar pra peóns e vehículos, cómo lle presta ós amortiguadores. Dende logo, o adoquín non ten máis ca avantaxes. Non sei cómo non o poño no meu cuarto. Se un día teño cartos, igual me animo.
E mentres ciscades case un millón de euros en humanizar un par de rúas do Couto, ninguén ven limpar a beirarrúa que contorna o terreo dos futuros xulgados, do futuro centro médico e de non sei cántas cousas ¨futuras" máis. Que nos comen as silvas. Ah, que non é cousa de Tenencia, que é de Alcaldía? E a qué esperades pra dicirlle que faga as cousas?
Mentres preparades unhas pistas de patinaxe chulísimas, cada vez que chove, como é o caso hoxe, ármase unha ducha tal en Bispo Lourenzo, ó seu paso por debaixo da ponte Novísima, que hai que saír á estrada e xa ó segundo carril; a gavia do sumidoiro contén algo así coma unha tonelada de terra dende hai tanto tempo que así que tal virán os paleontólogos tomar mostras dos estratos; o cruce, cada vez que chove cun pouco de xeito, convértese nunha fermosa piscina porque ninguén se ocupa de desatascar os sumidoiros. E así ata o infinito. Para que forades tan inútiles coma os peperolos, non precisabamos mudanza nengunha.
En fin, que Ourense debe ser a excepción que confirma a famosa regla de que onde o BNG funciona tanto electoral coma socialmente, está xestionado por xente de determinado colectivo. Como diría Nelson Muntz, ha, ha!

quarta-feira, 1 de julho de 2009

Unha outra ración de lingua

Veño de volta do traballo por Doutor Fleming e, sen pretendelo, escoito unha conversa de mociñas do Zorelle. O curso académico xa rematou, pero a tenda das chuches de enfronte semella un bó sitio onde quedar. Di unha "Pues a mi me gusta cuando hablan en gallego, porque..." (eiquí pasou un pepino tripulado por outro no cruce e perdinme o resto da frase). Inconscientemente prestei unha pouca de atención, e salta a que máis fondo acento, case insultante, tiña: "Pues a mi nu". Millor, por non ceibar algunha barbaridade ou gargallada inoportuna, deixámolo esí.