Acabo, case, de chegar de Compostela. Se o de hoxe, na Quintana de Mortos, se pode ler coma un chequeo do estado da Lingua, ben podo dicir que a encontro viva, sá e louzá. Non foi coma un 25 de xullo, pero pouco lle faltou. E, coma sempre, a tropa de Castrelo en piña, xantando, que case nos puxemos na merenda, e botando unhas risas xuntos.
Está claro que os alarmistas -mentiráns, hipócritas- da imposición do galego encol do castelán, veñen de facerlle ó primeiro un favor enorme. Estabamos un pouco apachorrados coa ledicia de botar da Xunta ó dinosauro, coa de acadar o primeiro alcalde nacionalista de Castrelo, e tiñamos un aquel esquecida á vella lingua dos avós. E non por deixar de usala, "dio-lo faga millor", senón porque estaba a colarse a raposa no galiñeiro e nós sen decatarnos.
En fin, grazie mille, colonizados, desleigados e demais ralea, por lembrarnos que cada día hai que seguir na gavia.