quarta-feira, 29 de dezembro de 2010

De humores e amores

O domingo pasado, entre tose e tose, ocorréuseme botar pra fóra a tristura gripeira con unha visita a youtube na procura de monólogos cómicos. Naquel estado, as dúas únicas neuronas desafectas ó réxime viral só foron quen de lembrarme un nome: Rober Bodegas. Así que alá que me fun e, salvo algún par de coaduras por proximidade -que tamén vin, desprexuizado que é un- paseime o serán baixada tras baixada do cómico de Carballo, en vez de estar na festa de San Estebo, pero o corpo non daba pra máis. Partinme o peito -ás veces case literalmente, cando asomaba algunha mucosidade- unha e outra vez, moitas cos mesmos contos recitados en escenarios distintos.
O caso é que ata agora non me decatara de que, como todo video do youtube que se prece, ven acompañado de comentarios. E velaí o quid da cuestión. Entre moitos gabando cada actuación, había unha boa cantidade calificándoa de mala e ata de patética, en algúns casos pra gabar a outros dous participantes de orixe andaluza. Que digo eu, se o Bodegas é patético e gañou o concurso, a qué altura da depresión do Mar Morto quedan o Toni e o Tomás?
Pero atando cabos decateime de que os críticos tiñan razón. Non en que Rober Bodegas sexa mal cómico, que pra o meu gosto xa era excelente no "El rey..." e inda mellorou co tempo, senón porque existe ise prexuizo cabrón a respecto do galego e dos galegos. O mesmo presentador daba paso ó Rober parodiando o seu forte acento, mentres que para o finalista andaluz falaba de gracia, salero. Tópicos fortemente arraizados que me fan preguntarme cómo inda queda un só paisano que lle queira a España. Que lle queiran os andaluces, que pra iso os manteñen e rinlle as gracias.
Sendo sincero, teño que confesar que de tan fácil e basto, o humor andaluz resúltame cargante. Supoño que precisamente por iso ten tanta aceptación. Non hai que pensar. Só hai que rir. Nada de "caéuseme o champú anti-caspa enriba da tele, e agora non se me ve telecinco". Pasan da ducia os comentarios que piden que llo expliquen. Ata Forrest Gump acabaría pillándoo.
En fin, que xa me cansei por hoxe, que viva a retranca ou o pecho. Eu que sei.

terça-feira, 10 de agosto de 2010

Parvo e tatexo

Como se pode comprobar na súa edición dixital, o sacro Diccionario de la Real Academia de la Lengua Española segue mantendo as acepcións de “tonto” (en tanto, aclara, que “falto de entendimiento o razón”) e “tartamudo”, para a palabra "Gallego". Ben pouco respecto me merece esta posición numantina de defensa de valores fundamentais, cando a institución leva décadas convertida nunha esterqueira onde se acepta canto refugallo deitan as bocas da parte máis nugallá, como avance, progreso da lingua ou que sei eu. Onde, a día de hoxe, e non sei se por falla de mellores candidatos, plumíferos de medio pelo poden ter asento de letra.
Lembrábame agora, e por iso escribo estas liñas antes de que o pensamento caduque e marche en fume coma un pito abandonado no cinseiro, da teima que tiven no seu día coa nova acepción da palabra obús. Eran tempos nos que inda me preocupaba algo o que puidese acontecer na billa e corte, como se fose mudar algo que eu me alporizase. O conto é que ata fai só un par de décadas, a palabra obús tiña únicamente dúas acepcións, unha peza de artillería e outra peza do coche. Popularmente, por esa parte do pobo ignorante, envexosa, violenta e túzara da que tanto gosta o académico Pérez-Reverte (quen por certo inda non sabe cando vale e cando non a expresión “hasta que no”), a palabra obús tiña tamén, e sobre todo, a acepción de calquera proxectil de artillería. Un imaxinaba, polos comentarios dos presentadores de televisión, artífices de moita da estulticia española no que respecta á súa propia lingua -e a outras cousas-, que os barcos británicos bombardeaban as posicións arxentinas nas Malvinas-Falkland con pezas de artillería, as pezas de artillería voando polo ar e enterrándose no chan ó rematar a súa traxectoria. Por certo, cál será a traxectoria balística dunha peza de artillería? Debe ter un cálculo ben complicado.
A inflexible, cos galegos parvos e tatexos, Academia rematou cedendo fronte ó populacho e imprimindo esa nova acepción, como primeira, en cada unha das seguintes edicións do seu Miccionario. Aquel día fíxenme mal sangue, pero co tempo recapacitei e agora xa só espero, sentado á porta da miña casa, ver pasar a definición de madonals, nini, etc, etc. RIP. Enterrádea antes de que cheire.

terça-feira, 13 de abril de 2010

Bilingüísmo

Sen comentarios, porque todo o que se me ocorre é impublicable.

quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

Negados

Pero negados os operarios, negados os capataces e, máis que ningún, negados os responsables políticos. Esto era unha árbore de folla perenne en bó estado de saúde ata que pasaron por alí as brigadas de poda-tala do Concello de Ourense fai unhas horas. Qué sorte teñen os dos viveiros!

terça-feira, 26 de janeiro de 2010

O roubo das xoias

Si, señor inspector, leváronmas todas. Entráronme na casa e marcháronme coas xoias. Nós non lle somos moito de fachendear, que cada un é como é, e terma de si como pode. Por iso estaban todas na casa. A miña muller gardaba no xoieiro vagalumes, xoaniñas, mouras, monicreques, panxolilñas, brincos e outras cousas. Eu, que, sempre mo di, son moi basto, tiña nunha bulsa de lona, lucecús, azoutacristos, escornabois, carballos, amieiros, vacalouras, cupodres, teixugos, miñouvas e cínifes, que non serían tan finas, pero tamén eran de prezo.
Que se falta algunha outra cousa, señor inspector? Fáltalle o máis importante. Faltan os recordos de familia. Leváronme gabia, rendar, pallagueiro, rodrigar, xena, vendimar, gabear, bocoi, billa, rousío, qué sei eu. Ata os marcos me moveron. E vexa, señor inspector que aí estaban os meus pais e os meus avós, os meus irmáns, os meus tíos, os meus curmáns e todos os meus parentes.
Mire, señor inspector, se non pode procuralo todo, atópeme polo menos o da casa. Que poida, nada máis, almorzar cun roxón acompañado dunha pataquiña feita na borralla e, só que sexa, xantar cun chourizo quentado nas brasas e unha cunca de viño.

quarta-feira, 13 de janeiro de 2010

Probando a propia menciña

Semella que a Felipe González non lle agrada moito o agre sabor da receita que tan ledamente aplicou durante o seu goberno e que os seus conmilitóns seguen a aplicar sen se preocupar de posibles efectos colaterais. Hoxe ó ex-presidente preocúpalle "que dos periodistas puedan ir a la cárcel por contar la verdad y la fiscalía lo apoye". Non lle preocupou no seu día o acoso que sufríu o tamén periodista Pepe Rei, que remataría co seu ingreso en prisión acusado de sinalar obxectivos a ETA. Sería excarcelado, despois de cinco meses, por falta de probas. Coma de costume, en segundo qué casos, alá foi pola barreira a presunción de inocencia.
Non hai moito, coa chegada do bipartito PsóE-PP ó goberno de Euskadi, ó flamante equipo que entrou a dirixir a televisión e a radio públicas dende que é lehendakari Patxi López, faltoulle tempo para dispoñer a expulsión de Antonio Álvarez-Solís do programa de ETB2 Pásalo. En novembro déronlle o finiquito dos programas Boulevard e Más que palabras de Radio Euskadi.
A min fai tempo que me preocupa o que está a pasar coa liberdade de expresión, incluida a do director da SER e o seu director de informativos. Incluida esa.

quarta-feira, 6 de janeiro de 2010

Bo Nadal


Velaí a viñeta do Carrabouxo, do 26 de Nadal. Grazas, Xosé Lois.