segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

Feira de Castrelo de Miño


Onte celebrouse a primeira xornada da recuperada Feira de Castrelo, con notable éxito de asistencia a pesares do frío, da néboa e da ameaza de chuvia. Os feirantes ofrecían unha grande variedade de mercancía, dende roupa e calzado, ata ferramentas ou árbores froiteiras ou de adorno. Ademais, o Concello facilitou a instalación de productores de Castrelo, que puxeron á venda productos de artesanía, conservas, froita, antiguidades, aves ornamentais e de producción e incluso cervexa de elaboración caseira.
Por outra banda, e para focalizar máis atención no evento, tamén se organizou unha xuntanza de granxeiros virtuais, na que se ofreceu aloxamento para quen quixo pasar en Castrelo a noite anterior. A esa actividade corresponde a foto do artigo do Xornal. Pilláronme in fraganti e co casco posto. Pois menudo frío facía.

quinta-feira, 15 de outubro de 2009

Coa comida non se xoga

Xa tratei algo esta teima miña cos pratos afrancesados, a nouvelle cuisine esa, que digo eu, cándo aprenderon a cociñar os franceses? Se acaso os de Iparralde e algo os máis veciños por contaxio. En xeral, os franceses o que saben é disfrazar a comida, como fan os chineses, pero sen resultados agradables ó padal coma os distes. E ises nomes tan longos para ocultar un fracaso culinario son un insulto á intelixencia e un asalto ó peto dos incautos. Mais, como este pobo, a imitación do seu veciño mesetario, é unha esponxa para todo aquelo que sone exótico e sexa completamente inútil, os galegos tamén acabamos caindo nas modas absurdas. E explícome.

Chegoume coa revista de R un tríptico do 3º Outono gastronómico. Todo moi guai, unha idea caralluda a de levar clientes ás casas de turismo rural ofrecéndolles paquetes que inclúen a estancia e un menú con productos do País. Magnífica e tentadora. Pero, oh mal fado, os productos serán do país, pero a súa preparación segue o método experimental que propugnan animalciños da cociña que deberan ser directamente expostos no pelouriño da praza cun enorme letreiro onde describise claramente o seu pecado: XOGOU COA COMIDA, tal é o caso do criminal Ferrán Adriá.

Señores, sexamos serios. Experimentos fanse cos refugallos. Non se fan croquetas ou empanadillas con raxo de caldelá. A un asado bótaselle Veterano e non Courvoisier Napoleón. Unha Nación como a nosa, que conta cos mellores productos da terra e do mar non debe disimulalos, nin mesturalos á lixeira. Deixense de carpaccios e mousses, e de mesturar cogomelos con ourizos de mar e queixo (na vida se me ocorrería combinado mellor dirixido a non disfrutar dos sabores de nengún). Ou acaso mesturaría alguén un treixadura-torrontés Sameirás do Ribeiro, cun mencía Joaquín Rebolledo de Valdeorras e un albariño-loureiro-caiño Terras Gauda do Rosal, coa intención de mellor disfrutalos e apreciar máis nidiamente os sabores?

Xa me debín cheirar que hai algo de conto ó non figurar entre as casas que ofrecen o tal Outono gastronómico a Casa de Roque, do excelente cociñeiro e mellor amigo Amando.

En fin, cansei e é tarde. Outro día sigo coa teima. Ai!, aquiles chuletóns sen máis adubo que unha pouca sal do Restaurante Valilongo. Carne como esa non pode acabar nas mans dun Ferrán Adriá calquera. Sería sacrilexio.

sexta-feira, 2 de outubro de 2009

Para que remate esta vergonza...

...dunha vez.

Queremos Galego.

Unha curiosidade: Atentos ó enderezo da imprenta, que é moi curioso e, coma as tercianas, volve estar de actualidade.

sexta-feira, 25 de setembro de 2009

Adeus ríos, adeus parques

O progreso avanza coa furia cega dun maremoto. Preme na imaxe para verlle a retranca, de certo verdadeiro cinismo, dos nosos gobernantes. As fotos primeira e terceira tiráronse o mesmo día e á mesma hora. A serie fala por si soa.

Fagamos un pouco de historia:
Na década dos 70, o Concello de Ourense fixo un importante recheo na marxe esquerda do Miño, a ámbolos lados da Ponte Novísima (nome moi pouco orixinal, pero que cando menos evita polémicas). Sobre o chan recén botado camiñei un día de volta da verbena da Ponte, e a sensación era como de andar encol dun colchón.

Alá por 1980, construiuse un "velódromo", que hoxe son os restos asfaltados que aparecen nas imaxes. Alí participei na miña primeira, e única, competición ciclista. Non gañei, que pouco podía facer unha bicicleta de paseo contra as de carreiras dos contrincantes, pero rematei o recorrido e engadín algúns puntiños ó meu equipo ó non entrar, incriblemente, de último.

Andando os oitenta, e escangallando o "velódromo" pra meter canos e cabos de corrente, construiuse o parque público. Prantáronse setos e diversas especies de árbores en estadios moi temperás de crecemento. Pódese dicir que esas árbores medraron comigo e esperaba que me sobrevivisen. Vese que non.

O Concello contratou o coidado do parque cunha empresa privada na forma dun único xardineiro, que tiña todo o recinto atendido e impoluto. A finalización do contrato e a aplicación de brigadas no mesmo cometido supuxo a inmediata decadencia. Os setos deformaronse, o lixo e a merda de can inundou o espacio de esparcemento e moitas prantas e arbustos secaron. Chegouse ó esperpento de unha brigada de seis persoas poñerse a podar un seto e retirar a broza e, ó cabo de case cinco horas, ter avanzado 15 metros.

Coa construcción da Ponte do Milenio, o parque sufriu a primeira dentada na súa superficie. Máis tarde, a conducción do gas furou novamente o xa esquecido velódromo e boa parte do parque público. Despois virían a rotonda da estrada de Monforte, o acceso centro da autovía e a rotonda de saída. Últimamente, algún avispado decidíu que as gallas baixas dos abetos, que gardaban o fresco nas tardes destes longos veráns que vimos disfrutando, impedían ver o bosque, e limpáronas ata os tres ou catro metros de altura. E agora...

Agora temos ó Concello empeñado na construcción dunha estación de bombeo, no que foi o casarío de Ponte Lebrona, que enviará a presión toda a merda da cidade á nova depuradora que seica se vai construir tamén en Reza. E para poder bombeala, hai que traela ata a estación de bombeo. Así, a conducción que ven de Vista Fermosa corre 600 metros pola Rúa do Bispo Lourenzo e atravesando -e escarallando- o parque. Amén.

Non dubido de que os nosos políticos son moi listísimos, e que iles teñen os seus chalés no monte para poder fuxir da canícula de Ourense, pero algúns temos que procurar unha sombriña fóra das casas e istes fenómenos veñen de liquidar a pouca que tiñamos no barrio do Couto. Eló non observaron que durante istes meses de calor ninguén visitaba a outra banda do parque, convertida, por falta de árbores de sombra, nun asadeiro máis ca en espazo público?

A alegría con que nesta cidade de Ourense se tira de motoserra só é comparable á incapacidade dos seus rexedores, de todos os seus rexedores sexan da cor que sexan.

sexta-feira, 7 de agosto de 2009

Indignación

Meu benquerido rianxeiro: aí os tes, apertándose entre babas e bághoas porque xa teñen ós ghaleghos axionllados e mirando cara á Meca. Quén o diría, e sobre todo a ti que loitache ata o derradeiro alento por unha Terra ceibe destas lesmias.

Aghora mandan iles, aghora xa non hai imposición. Cousa rara, meu, endexamais me sentín impositor e seica aghora son, pero dos gordos, un estilote Pinochet, Pol Pot, Franco, Stalin, ou esí. Quén mo diría!

Aghora resulta que todo, absolutamente todo, o que se fixo nos case catro anos do bipartito estivo mal feito. O do decreto da linghua xa ti sabes, porque xa cho teño comentado, que é un conto. O decreto foi aprobado en tempos daquil ministro franquista que rematou de presidente da xunta. Si aquil que me dixeras que o viche de neno un día por Vilalba e que na vida esperabas ver un neno que che arrepiase, pero aquil si. Cousas da vida, meu. O raparigho trunfou e inda foi quen de parir monstros piores ca il.

Aghora resulta que todo é lexítimo se o fai un paifoco feo, parvo e aprendido en Madride. Aghora pódese liquidar, co só ar da pluma, un contrato, polo simple feito de que non se fixo con amigholos de bufé libre e sabe diola que máis. Aghora resulta que empresas tan sospeitosas de ser nacionalistas e de esquerdas coma Coren, Copasa e Ghadisa (Andavía) colaboraron á prevaricación e, seguramente, ata puxeron cartos neghros por detrás do telón pra obter unha concesión de muíños eólicos. Unha verghoña, Daniel. Unha verghoña. Os nosos prevaricando.

Menos mal que temos ese rapaciño (feo coma Picio, todo hai que dicilo) de Orense que vai arranxalo todo, e de paso tapar todos os descalabros que fixo a anterior xunta bipartita. Nai que o pariu.

Prá próxima, benquerido Daniel, falareiche do ben que nos vai ir en cuestión de lingua con iste amiguiño, dos que non pedimos, porque "xa nolos mandan de Madride".


P.S.: Ti xa sabes que eu teño o corazón partido co tema dos muíños eólicos, polo seu enorme impacto paisaxistico, medioambiental e ata climático, co que iso supón prás economías que non son Andavía nin Iberdrola, pero de ter que comer merda, polo menos que paghen ben. O outor día saía unha nova na capa dise xornal tan amarelo do que che teño falado, que dicía que cada muíño paghará un canon de ata 5.900 euros. Daí ó 14% de millóns que ía reportar ó ano cada maquinillo vai un treito. Cóidate.

sexta-feira, 24 de julho de 2009

Outra vaca no millo


Regando a beirarrúa de Ervedelo ás 10:15. Deica 2011 sobra o tempo pra seguir cos despropósitos e que en Ourense volvan gobernar os mangantes durante outra xeración. Ánimo Rodríguez. Ánimo García. Estades a facelo de puta pena.

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Crítica da razón impura. II parte.

Hoxe, que veu de auga, tiven que saír facer un recado alá polo medio de Ervedelo e xa de ida cendinme un pouco co chiste ise da Humanización do Couto que promove a Concellalía de García Mata e pagamos todos. Humanización seica lle chaman a tirarlle prazas de aparcamento ós pobres, poñer as beirarrúas de pedra e as rúas de adoquíns.
Eló fostes á mesma escola de urbanismo ca os do PP? Hai que ir á moda e así cada poucos anos ciscamos outra partida de cartos? Paga Europa? Pois que saibades que cando paga Europa os cartos tamén saen dos nosos petos, dos petos dos paganos. Ou pensabades que en Bruxelas tiñan unha máquina de fabricar cartos?
Algunha vez andivestes pola pedra mollada? Lembro, que foi en tempos históricos, non antes da guerra, ir choiar unha mañá de xiada despoixa de que merexase pola noite, que nesas lousas tan verdes e lindas que puxo Cabezas enfronte do Pavillón patinaba eu coas botas e as velliñas daban tremendas cuadas con risco de romper osos. Iso si, ó chegar ésas lousas tan vellas, tan cuadriculadas, tan antiestéticas, de Antonio Puga, rematou a patinaxe. Porque esas lousas son o cumio do deseño ergonómico feito lousa. Non serán bonitas, non molarán mazo, pero funcionan, e ademais son baratas.
E qué dicirvos do adoquín? Qué chau tan firme, que bó de andar pra peóns e vehículos, cómo lle presta ós amortiguadores. Dende logo, o adoquín non ten máis ca avantaxes. Non sei cómo non o poño no meu cuarto. Se un día teño cartos, igual me animo.
E mentres ciscades case un millón de euros en humanizar un par de rúas do Couto, ninguén ven limpar a beirarrúa que contorna o terreo dos futuros xulgados, do futuro centro médico e de non sei cántas cousas ¨futuras" máis. Que nos comen as silvas. Ah, que non é cousa de Tenencia, que é de Alcaldía? E a qué esperades pra dicirlle que faga as cousas?
Mentres preparades unhas pistas de patinaxe chulísimas, cada vez que chove, como é o caso hoxe, ármase unha ducha tal en Bispo Lourenzo, ó seu paso por debaixo da ponte Novísima, que hai que saír á estrada e xa ó segundo carril; a gavia do sumidoiro contén algo así coma unha tonelada de terra dende hai tanto tempo que así que tal virán os paleontólogos tomar mostras dos estratos; o cruce, cada vez que chove cun pouco de xeito, convértese nunha fermosa piscina porque ninguén se ocupa de desatascar os sumidoiros. E así ata o infinito. Para que forades tan inútiles coma os peperolos, non precisabamos mudanza nengunha.
En fin, que Ourense debe ser a excepción que confirma a famosa regla de que onde o BNG funciona tanto electoral coma socialmente, está xestionado por xente de determinado colectivo. Como diría Nelson Muntz, ha, ha!

quarta-feira, 1 de julho de 2009

Unha outra ración de lingua

Veño de volta do traballo por Doutor Fleming e, sen pretendelo, escoito unha conversa de mociñas do Zorelle. O curso académico xa rematou, pero a tenda das chuches de enfronte semella un bó sitio onde quedar. Di unha "Pues a mi me gusta cuando hablan en gallego, porque..." (eiquí pasou un pepino tripulado por outro no cruce e perdinme o resto da frase). Inconscientemente prestei unha pouca de atención, e salta a que máis fondo acento, case insultante, tiña: "Pues a mi nu". Millor, por non ceibar algunha barbaridade ou gargallada inoportuna, deixámolo esí.

terça-feira, 30 de junho de 2009

Xa empezaron as rebaixas

Inda non rematou xuño, non sendo no tempo diste vrau case eterno que se nos implantou na casa coma ise parente que veu pasar un finde e quedou pra sempre, e velaí veñen as rebaixas do Corte Galego. Da corte galega, coma se dixeramos, e eu discutindo que se o eñe é máis galego ca o ene agá. Os amigos reintegras non me cren, pero son moi teimudo.
Xa empezaron as rebaixas e o fenómeno Reixa vai á feira cos cartos na mau. E non é o único que se pranta no mercado nise plan, que veño de cruzarme por onda os cochos cunha destacada figura do nacionalismo visible, e alá diante vexo a outra. A lingua tornouse en moeda de troco e os seus 'defensores' saen á palestra cos calzós baixados.
Ignoro que costumes se levan no trato en tan outas latitudes, pero por equí abaixo o que vende pide máis e o que compra ofrece menos, ata que chegan ó acordo. Se no caso da lingua, os 'defensores', e insisto nas apóstrofes, xa parten de considerar imposible que o galego se convirta na lingua hexemónica do país, pois apaga a lús, marilús, que marchamos. Se nunha negociación, que é do que se trata, unha banda parte de que lle está impoñendo algo a outra, polo menos que isa banda sexa a que impón. Que tanta pixada e tanta correución política está empezando a poñerme dos nervos.
Polo demais, de momento, o mono da nicotina levoo ben.

segunda-feira, 29 de junho de 2009

Eu quero tren. Metei polo cú a galiña

Seguimos a voltas co AVE galego -que non, carallo, que xa vos teño dito que é un Tren de Velocidade Alta, ou sexa un ave de vó baixo- e veña alá con prazos e con que se Blanco e Feijoo están en boas relacións. Que se biquen! Que se biquen! Agora o Feijoo é un supercampióndelamuerte porque conseguíu unha data fixa prá finalización da puta galiña dos collós. Entrando na movida -que iste imbécil alá lle foi patear e pasar calor a Lubión, maldito o día, autotraición chámase iso-, o 2015, que non poño eu nin as unllas no lume por ela, é unha data de merda. A iste paso, a pixada do país e os políticos, van ter que estar indo a Madrid en avión perante unha xeración máis, cando menos.
Pero esta conachada (chuminada din os casteláns), ó final, a qué nos leva? Porque que catro mangantes de toda a vida, fillos, netos e tataranetos de mangantes, que ostentan o capital do país, e outros catro palanganeiros -chámeselle políticos- que van ir da moca, porque pagamos todos, poidan viaxar á capital do mamoneo por vía terrestre en menos tempo, a nós, ós paduanos, ós paganos, os cidadáns e rurais de a pé, QUÉ NOS SOLUCIONA?
Eu, e coma mín milleiros, e ata me atrevería a apostar que centos de milleiros, o que quero é unha comunicación fácil e rápida coa cidade, a vila e a aldea máis próxima, cousa que hoxe converteuse nunha entelequia maior ca irse de chiquiteo á lúa. Non vai e non vai. Cada día péchanse máis e máis apeadoiros. Non se abren a penas vías dobles. O parque móbil ferroviario galego está envellecido, e o que é inda máis penoso, aliméntase do que xa non queren en Madrid.
E, quitante ó Iago Tabarés, non lle escoitei a ninguén das nosas fileiras defender o tren de verdade, o de toda a vida, aquil no que os avós ían á feira ou no que o tío volveu do servicio. Non existe.
Falan compañeiros e compañeiras de desconexión coa sociedade. Qué máis desconexión coa sociedade queredes, pixos de merda, que estarmos loitando polo tren dos ricos.
E non vou aceptar críticas. Se algunha hai, paramos de falar e arranxámolo estilo celta.

quarta-feira, 13 de maio de 2009

Bilingüísmo



Galego-chinés, qué pasa?

Con flores a María


Mira ti por onde, despoixa de descubrir hai un par de décadas de onde viña o sombreiriño do Papa de Roma, e hoxe confirmalo coas imaxes do Ratzinger arrodeado de xudeos coas súas puchiñas diante do que queda do último templo (manda carallo que arañós son que están sempre a queixarse pero soltar un peso pra reconstruilo, nin de leria), voume enterar hoxe, de casualidade de por qué a cala é a frol preferida dos Marianistas do Noveno Día do Templo de Fátima de Ervedelo.

terça-feira, 5 de maio de 2009

A despolitizar, ala.

Feixonciño, que está máis perdido ca un parrulo nun centro comercial, ven de comentarlle ó Gominas que vai despolitizar o deporte. E a pregunta que cabe facerse é se vai mandar ó Gominas ó paro, sendo iste armario sen cerebro o que máis politizou o deporte durante o mandato do bipartito. Daviz Cal empeñouse en saír nos papeis impresos pra bicar o santo con declaracións de que non estaba a recibir subvención algunha da Consellería de Cultura e Deporte, porque os seus titulares eran unos rojos y tal. Despoixa descubriuse que estaba a percibir moitas máis aportacións públicas galegas das que recibira en vida da longa noite de pedra, fase I. Calete, do que admirei no seu momento esa capacidade de deixar sós na saída ós seus competidores deportivos, resultou non ter nengún mérito. É normal que gañe, porque non gasta un gramo de enerxía no cerebro, órgano que na especie humana consume a maioría das calorías que inxerimos. Daquela os seus trunfos non teñen mérito, porque xoga con vantaxe.

E agora Frijolito faille unha 'confidencia' pública: tiñas razón, chico, hai que despolitizar o deporte i yo voi facelo. Co cal o recén estreado presidente da Xunta de Galiza está a demostrar que non só non esperaba a victoria nin estaba preparado pra ela, senón que ten tanto gasto intelectual coma Daviz Cal (o z é a propio intento, pra que o entenda o interesado, e inda así...), e mete pavura o que lle pode pasar ó país, o que nos pode pasar a todos con semellante presidente, con semellantes conselleiros, con semellantes superdelegados (dous pra Pontevedra, eló F, había que pagar algún favoriño, ou?).

Outra posibilidade, tamén patética, é que o napias siga de campaña. Chicooo, a campaña electoral das autonómicas rematou o 27 de febreiro. As mintiras sobre mintiras poden valer pra gañar unhas eleccións, pero en nengún caso pra gobernar un país.

Antipáticamente, un que non comunga con rodas de muíño.

segunda-feira, 6 de abril de 2009

Crítica da razón impura. I parte.

Co gallo da última actuación 'democrática' da Executiva e o Consello Nacional, vou comentar un par de cousas, en plan eu non fun.
O martes pasado, sen coñecer ren da movida, entereime* de que a Executiva propoñía ó Consello Nacional concurrir ás eleccións europeas en coalición con ERC, EA e Aralar. Non sei, mais seguramente algún-ha das mentes pensantes creu que nós, os críticos independentes, estabamos desexando de ire cos cosocios -isto é, os do mesmo nivel de ideas- cataláns e baskos. E será un soño co que espertan as nosas mentes pensantes, porque o que é eu, e coma mín a ringleira dos críticos, non comungo con ir tomarlle nada con outra parella calquera.
De casualidade, porque os ribeiraos e as ribeirás somos como somos, discutiuse do tema na última asemblea comarcal, co resultado de que máis da metade dos presentes, entre iles/elas eu, apoiaban que o BNG fose en solitario ás europeas.
O sábado, 4 de abril, o Consello Nacional decidía, case por unanimidade, apoiar a coalición electoral coa esquerda independentista catalá e baska. E ló, non vos dixemos hai xa cinco anos que estabamos fartos de que non nos preguntarades? Pois iso.

*Polos medios menos afíns, que manda carallo na Habana.

quarta-feira, 18 de março de 2009

Veredicto XVI

Listos e raposeiros iles, inda que carezan de todo mecanismo intelectual e anulen o de calquera colega que o teña, os irmaus do hisope levan máis de 2.000 anos tomándolle o pelo -cando non directamente a carteira- a toda a sociedade. O negocio, que prosperou porque souberon no seu día arrimarse ó poder, non en van o pontifex era un alto cargo da administración imperial romana, algo así coma ministro de fomento, ameaza últimamente con entrar en crise. Algo cheira ó ermo en dinamarca. Mentres os prosmas istes loitaron a báculo partido contra o comunismo, a cousa iba de coña. Ata chegaron a ter presidentes, breves por outra parte, do país máis poderoso do mundo. Pero no momento en que o choio da oposición a rusia non pita, resulta que a peña se pon a rillar máis nos macmenús ca nas hostias. E vai agora o Ratzinger Z e saese cunhas declaracións, nada menos ca nunha viaxe á África do SIDA, falando coma esperto experto de que os preservativos non só non serven pra superar o problema, senón que contribúen a aumentalo. Haiche que ser ben irresponsable.

sexta-feira, 13 de março de 2009

Puntualizando

Toca comentar por qué me parece tan indixesta a análise que fai Anxo Quintana dos resultados electorais do 1 de marzo. En primeiro lugar, porque só se ocupa de por qué non se subiu en votos e pra nada de por qué se perdeu algo así coma o 15% en relación co 2005.
Perlas como a "consolidación do bipartito", a "importancia da nosa acción de goberno" ou os "cambios transformadores", que son galletas ácedas pra consumo interno, o alimento dos campións que levamos meses tragando sen axuda de licor algún, falan ben de por onde queren ir os tiros no seu proxecto de BNG. Mais as hipotéticas -digo eu, porque prá redacción parecen seren moi reais- causas de que palmásemos un deputado autonómico, non son precisamente o miolo da cuestión. O duro, o realmente duro, o que non hai moa que mastigue ven á hora de 'suxerir' as solucións. Coma un rapaciño emburricado arremete contra os 'sectores ultraminoritarios', así, sen nomealos concretamente, de xeito que un poida pensar no que lle pete, xa sexa externo ou interno, ou ata que ultraminoritario pode ser un mesmo en canto que non é moi dado a comungar con rodas de muíño, sobre todo se van seladas cun enorme Q.
Empezamos ben, pero máis adiante lucímonos inda máis: "...un novo posicionamento público do BNG ante o proceso de normalización lingüística ... aceptando ... o feito real dunha sociedade bilíngüe...", onde o que falta nos pontos suspensivos non é máis que retórica ou caramelo pra facer pasar o amargo da pilula. Ata a fala tivo a culpa do baixón electoral con tal de non asumir as propias responsabilidades. Porque, como insinuou onte o Jose Luis Gómez no editorial do Xornal, a renuncia de Quin a verse no futuro do Bloque cheira un pouco a seria esperanza de que despoixa lle pidamos por favor que volva.
Da redefinición dunha "nova relación co partido socialista baseada na aceptación e no respeto mutuo" xa prefiro nin falar.
E estas ideas son as que hoxe, dentro de poucas horas, vai poñer enriba da mesa pra "abrir un proceso de reflexión ordenado" e cun "compromiso de xenerosidade" por adiantado por parte de todos? De veras, como inda, cos seus incondicionais e coa UPG, conta cunha maioría entregada e eficaz no Consello Nacional, trémenme as perniñas de pensar o que poida decidirse na reunión. Se xa non chegaba con ter que prantarlle cara ó Feijoo9, agora tamén imos ter que desenroscarlle os parafusos a algúns que lle colleron moito amor á cadeira.

quinta-feira, 12 de março de 2009

Pero isto qué carallo é?

Qué diaño é iste documento infumable, que aparece publicado en Vieiros, seica remitido a 'diferentes' militantes por Anxo Quintana? Menuda análise! E menudos parches, medo me dan. Agora bilíngües!!! Négome frontalmente a que fagas-fagades do noso cú un pandeiro e do BNG unha casa de putas. Se de veras pondes os vosos cargos a disposición do que decida a militancia, xa tendes eiquí un partidario de que vaiades tomar o aire.

segunda-feira, 2 de março de 2009

Tengo la camisa negra

Hoxe vou poñer a camisa negra. Estamos de luto porque definitivamente morreu a intelixencia e o pobo perdeu o norte e avanza cara atrás coma os cangarexos. Non desboto que o enganaran un pouco con vellas mintiras e mintiras novas coma a do subidón da participación. De feito a dereitona máis rancia representada por Feijoo 'n Company a penas subeu 3.000 miserentos votos que lle sobraron pra acadar dous deputados máis e o total de votos foi menor que hai tres anos e medio. De ónde sacaron os medios e a administación que se subiran máis de seis pontos porcentuais na participación? Ónde foron parar ises máis de 300.000 votantes que se contaron no 2005 e non agora? Foi obxectiva ou tendenciosa a información de sobremesa (precisamente cando a esquerda nugallá decide se vai votar) de que se pasara dun 4% menos de participación ó mediodía a un 3% máis?
E cómo se sentirán arestora ises 45.000 votantes nacionalistas que decidiron non votar ou exercer o voto protesta? Espero que ben mal, porque ós demais deixáronnos feitos unha merda. Gracias.

terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

En resumo

Os de Figueira da Foz sonvos xente práctica. Aí o tendes. Quen dixo que o da Santísima Trindade era un misterio? Como se pode comprobar, catro golpes de cicel e o misterio xa non é tal misterio. E igual que fan tallas que son o esquema dos esquemas, tamén teñen fortes de xoguete, fortes testemuñais, que os señores ingleses ou franceses a penas ousaban asaltar, conscientes de que se asaltaban demasiado acababan na outra banda do forte. Un forte triangular protexido por un canón grandísimo pousado sobre un andamio derreado. Non todo pode ser perfecto. Ou si?

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009

Eu non digo nada

Estes municipais da vila. E a coña é que puxeron o valado iles mesmos e alí está o pavo tan tranquilo, sen camisa de forza nin nada.

quarta-feira, 18 de fevereiro de 2009

segunda-feira, 9 de fevereiro de 2009

Mani-festación

Ás veces hai que recoller velame e deixar que as cousas sigan o seu curso. Tal é o caso da mani bilíngüe, na que participou con toda ledicia Falange, falangina y falangeta e, medio agochados -a título individual, seica- xerifaltas e xerifaltes do Partido Popular. Non sei se é virtude ou defecto, mais defendo o seu direito a facer público o seu punto de vista, por moito que non o comparta. Creo que non teñen razón, ou máis ben estou seguro, pero por principios defendo o seu direito a expresarse, inda que sei que iles non defenderían o meu. É a diferencia entre ser DEMÓCRATA e demócrata de toda a vida, inda que se empeñen en tildarme de nazi. Son esí de bó, ata darme noxo por veces, cando me lembro das solucións violentas que lles encanta aplicar.
O caso é que teño a leve sospeita -xa lle digo, señoría, sospeita leve; non estou afirmando ren, líbreme san Castelao delo, que a vostede non lle tremería a man pra me empurar- de que algo cheira a podre en Dinamarca. Pra poñer un simple exemplo, pode un mirar a esta pobre vítima, sempre segundo La Voz -democratiquísima, o seu dire dixit- de galicia, co seu ollo inchado e pode mirar estas imaxes que se emitiron pola TV e que demostran que de vítima non ten nada; que en cambio foi il o agresor e que se se mancou que espabile e practique os reflexos, ou que vaia pensando que xa non ten anos pra tentar canear mozos.
Non te esforces, que non sae. Algo cheira a podre nas redes de Dinamarca, serán os peixes chamados verderolos. Ben, vou describir o que vin: o vítima está a ser retido por dous policias no seu afán de meterlle "dos yoyas o más" a algún dos "rojos mierdosos" disfrazados de vacas e, se lles da por atravesarse, a algún dos medios. Un outro demócrata bilíngüe, supoño que algo demócrata, acode a templar gaitas e retén circunstancialmente ó energúmeno, mentres os vacunos preguntan amigablemente ós policías se non van identificar tamén ó individuo. O ogro acendido simula calmarse e carga por un lado do cordón policial, a pesar do tento de placaxe que lle fan dous policías, contra o rapaz co que aparece abrazado no chau na foto da Voz. Vítima e vitimario, who is who?
Insisto en que non xustifico nengún tipo de contramanifestación, e conste que non protestei -fagoo agora- por un ovo, que nos foi guindado e agochada a man, na mani pola paz en Palestina. Só digo que hai que ir coa verdade por diante, sexa a que sexa, inda que vaia na contra dos nosos propios intereses. En todo caso, cala, pero non mintas, bífido meu.
E antes de me despedir por hoxe, unha homenaxe a Don Lisardo, cura facha onde os haxa da parroquia de Santa Teresita. Estás coma un marrau cebado. Mala herba endexamais morre. Non sei por qué nestes días reaparécenseme os nazi-fascistas da miña nenez. Xa non chegaba co sádico inútil do Tarrío, que ven de publicar un libro, por chamalo dalgún xeito. Hai que ver qué mal escribe este ¿home?, que agora a queridísima televexo podre do cambio vaille á homenaxe ó cura máis preconciliar que coñecín na miña vida. Isto dexenera que da gusto. Falas en galego, logo mereces unha homenaxe, un libro, un óscar ou un leite pascual. A leria é que éstes individuos non lles coñecín falando galego. Máis ben falaban hostia va, hostia viene. Nai que os paríu. A ver se o meu famoso mal de ollo -algún amigo sabe de qué falo- da resultado tamén con estes suidos.

quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009

Lamias, ou por qué todos os filólogos teñen que ser lusistas?

Jantes em liga leve, seica é o xeito correcto de dicir "llantas de aleación ligera"... en portugués. E pra os nosos letrados, léase filólogos de facultade. Seica.
Niste tema, coma en moitos outros, teño que discrepar. Semella que nos move unha certa arela de poñer o carro diante dos bois, empezar a casa polo tellado ou sentar as bases dun futuro incerto pra todos aquiles que non sexan membros da caste privilexiada ou das súas mascotas preferidas. Estou a pensar no tenterentrén, ou no tren que non vai pola beira do Miño porque torce moito pra acadar o seu destiño ás velocidades que se marca. A galiña dos ovos de ouro pra determinados explotadores do país e de fóra, o pan pra hoxe e palla pra mañá dos seus obreiros, un ave con moita pluma e moito morro que agora Torito estase a inventar ata pra chegar a Porto. Qué raro que il non diga Eluroporto ou algunha das súas pasmosas gansadas. E, mentres, os que andamos a pé teremos que seguir desfrutando dun tren de terceira división -seneghalesa, polo menos, e que me perdoen- que nos levará de Ourense a Compostela en menos de tres horas e media, e "reghreso a la terminación" polo mesmo prezo e o mesmo tempo.
Ven a conto, que me estou indo polas desoladas alturas de Pena Trevinca, porque algo que os meus decidiron (nin sei cantos, nin cantos meus) sobre algo que é sagrado pra min, non me agrada. Aproximar o máis posible o galego ó portugués. Cousas de bois e tellados... Cando tanto queda por facer no galego, e tanta lingua está a perderse irremisiblemente por defección certa dos seus "utentes", ir procurar cómo lle chaman á caneta, á cabeleireiria ou á camioneta os falantes con papas na boca, é non xa só suicida, senón ata ofensivo prá lingua e pra os nosos maiores.
Mentres palabras galegas están a ser desbotadas por pura desidia (porque chico, nom xe voi fablar cu viexo este que fuele até mal, el) recurren esa leda cuadrilla de recén licenciados e mantidos da Real Academia Gagá, e das Academias non tan reais porén tamén gagás, á pedra filosofal da grande casa común galaico-portuguesa. Algún día, se vivo e teño tempo, falareivos de verbas propias da miña terra que nin a RAG nin o Estraviz contemplan, como son pallagueiro, vidrao, rousío,...
Debe haber como dous anos que me metín en camisa de once varas ó sentir a un rapaciño -non soen ter moito máis de vinte anos, e despoixa pasan do lusismo e cólanse de carguiños na xunta- defender o nome de jantes en liga leve pra aquilo que tododios chama en tódolos talleres do país llantas de aleación lixeira. Pra min é unha putada que lle chamen os compañeiros mecánicos así, pero éche o que hai. Dende logo, non vai haber xeito, por moi cegado pola secta que estea o mesías de turno, de convencelos de que lle chamen polo nome portugués. Estaría boa.
Eu propuxen chamarlle polas palabras galegas que significan o que é o obxecto. E por dios que case me comen, coma naquil chiste do Carrabouxo de hai máis de vinte anos (O Carrabouxo crismado no chau e sostendo unha pancarta que pon "Ensino público, laico e gratuito pra todos"; dille o colega: -Eló, foche á manifestación pola liberdade do ensino? -Fun -E qué tal? -Qué tal? Pensei que me comían!; co cal xa vedes que a defensa da liberdade que fai a direita non é d'agora). A cousa non era tan complicada llantas-lamias (palabro galego que non ten que recurrir ó francés), aleación-aliaxe (idem), ligera-liviá (máis idem). E todo xunto, como nos dicían en parvulitos: lamias en aliaxe liviá. Cómo vos soa? Pois iso mesmo, que pensei que me comían. Hai que ver qué violenta é a tecla, porque postos de pé e a mala hostia non teñen nin media.

domingo, 1 de fevereiro de 2009

Inauguramos o novo local de Nacionalistas do Ribeiro

Esta mañá, despoixa de moito traballiño (e o que queda por facer, que ise si que mete medo), inauguramos finalmente o novo local, o primeiro, de Nacionalistas do Ribeiro. Daba gusto velo colmado de vellos e novos amigos. Daba gusto ver cómo, mentres lle íamos dando forma á materia, acumulábanse os compromisos pra facer actividades ó seu abeiro, como mananciais contidos que só precisasen novas canles pra correr. Daba gusto ver a ilusión en tódalas caras, ise sentimento que constitúe a millor crema rexuvenecedora.

A exposición coa que arrancan as actividades do novo espacio está adicada ó himno e, baseándose nos seus principais versos, vai debullando a historia do complicado renacer da Terra, a través dos seus símbolos, os antigos mapas, as mulleres e homes do Rexurdimento,... Como un presaxio parabenizador, detrás dos poñentes está precisamente o panel que desenvolve o verso OS BOS E XENEROSOS. Podo asegurar que a súa posición é absolutamente casual, e inda que nos decatamos antes do acto, preferimos non mudalo. Que sexa un bó agoiro.

Algo moi grande está xermolando no Ribeiro. Algo imparable medra xa en Castrelo de Miño.

domingo, 25 de janeiro de 2009

Temporal


Pois si que soprou de carallo do venres pró sábado. Iste foi o panorama co que batín cando voltaba polo parque Ribeiriño. Eran case as oito e media e as farolas alumbran como pra unha operación a corazón aberto, así que case bato literalmente coas ponlas do choupo. Víase vir. Hai case un ano que secou; cousa de andarlle cortando as raíces pra meter non sei que conducción con non sei que absurdo obxectivo, porque esa vía leva da nada a onde cristo perdeu a pucha. Son as grandes avantaxes de ter funcionarios e operarios nugallaos e políticos inútiles, cobardes ou as dúas cousas. Inda bó foi que non collese a ninguén debaixo.

Agora podarán (a acepción ourensá significa unha tala a entre dous e tres metros de altura, e se non retoña a seguirlle enchendo o peto ó do viveiro) o resto da ringleira. Bush pequeno tamén dicía que pra solucionar o problema dos incendios abondaba con talar todas as árbores dos USA. Quén foi o que asou a manteiga?

sábado, 24 de janeiro de 2009

Borrado

Iste blog nin pretende ser políticamente correcto, nin respectar as regras do xogo, porén hai veces que retirarse en tempo é unha virtude. Eu non quero ofender a xente que me importa, polo tanto, inda que sigo a ciscarme en todas as conveniencias e todos os protocolos, borrei a mensaxe que escribín a última tarde.
Pídoche desculpas, XOsse, por levarme por diante tamén o teu comentario, mais esta caixa de tronos debe seguir provisionalmente pechada. Xa chegará o seu tempo.

quinta-feira, 22 de janeiro de 2009

quarta-feira, 21 de janeiro de 2009

Menos mal que somos nacionalistas

Y dale molino

Veño de escoitar hai nada ó concellal de turismo do Carballiño repetir por tres veces Carballino. No acento xa non me meto, que cada un ten o que ten e San Pedro llo beizoe. Porén, que todo un responsable de turismo da máis grande vila de Ourense non saiba pronunciar correctamente o nome da mesma, é para mexar coa risa, senón fose para chorar.
Perdoolle as "fiestas astronómicas", os "más de sietecientos" e outras burramias de hai un par de anos ó pámpano de "Garabanes", pero na vila suponse que hai máis agricultura.

quinta-feira, 8 de janeiro de 2009

Agasallo de Nadal

Afirma Shlomo Sand, escritor e profesor de Historia na Universidade de Tel Aviv, que o que se espallou polo mundo trala destrucción do templo de Xerusalén -a diáspora- non foi un pobo, senón unha idea en forma de relixión. Esí, os que a día de hoxe se fan chamar xudeus non son outros que os descendentes dos prosélitos daquela relixión no seu momento de auxe, cun forte compoñente kázaro, pobo que se converteu en masa, en canto ós xudeus de Europa Oriental. E daquela, ónde van os descendentes dos hebreos bíblicos? Seica, segundo o mesmo autor, ó que os valentes anónimos ameazan e califican de "noxento can nazi" (kelev natzi masria), endexamais se moveron de Palestina, convertéronse ó islam e hoxe chamámolos palestinos. Ises mesmos palestinos cos que Israel está a practicar unha política que, agás a "solución final", é cuspidiña á que os nazis empregaron cos seus. E non falo polo agasallo de Nadal que lles están a repartir, inda que por algunha razón semella unha boa época prá mata do palestino. Lembro unha portada, de hai igual dez ou máis anos, da revista de humor El Jueves, a mesma que secuestrou un xuiz porque seica os de sangue azul fecúndanse por polinización ou esí, na que se vía un Portal de Belén escangallado polas bombas e as figuras todas crismadas. Falo polos guetos, polos controis, pola absoluta falla de dereitos humanos, incluído o dereito á vida, xa non digamos o da dignidade da persoa. Falo pola mau de obra barata que non lle importa aproveitar ós señoritos israelís. Falo polas casas derrubadas e polas froiteiras arrincadas polas bulldozers. Falo polas nenas abatidas pra practicar o tiro...
Qué froitos espera colleitar o Goberno de Israel despoixa de practicar esa política? Qué carallo quere? Bicos e apertas? E qué, en nome da racionalidade, é o que cre estar sementando hoxe na franxa de Gaza? Lembremos que millón e medio de persoas amoreanse nun territorio que é máis pequeno que o concello da Fonsagrada. Unha vez que os proxectís son disparados, cómo van evitar a civís inocentes?
Ó Goberno de Israel non lle importan os 'danos colaterais', esa versión pija daquelo que contaba Gila de que nós disparamos e vós xa vos repartides as balas. Non lle importa un monte de danos colaterais (mortos) con tal de acadar os seus obxectivos fixados. E o Goberno de Israel ten o apoio masivo da súa poboación (un 70% apoia o ataque, e supoño que o trinta que falta serán os palestinos de cidadanía israelí), con moi honrosas pero escasísimas excepcións. E conta co apoio incondicional dos USA, tanto ten que sexa o presidente republicano coma demócrata, branco coma negro.
É David contra Goliat outravolta. Dentro de cen anos, as crónicas volverán contar que os habitantes de Gaza eran malísimos, moitísimos, grandísimos e armados ata os dentes, e un cativo cun cóctel molotov liquidounos a todos. A historia é unha puta e só se deixa escribir polo que paga.
E visto pró que teñen valido todas as manifestacións pola paz, un xa desespera da súa utilidade. Ó cabo, xa que non se pode dicir, só nos quedará pensar -coma naquil conto en banda deseñada de Horacio Altuna no que nunha sociedade futura o Grande Irmau é omnipresente e controla todo o que se di-: PERO QUÉ FILLOS DA PUTA!!!

quarta-feira, 7 de janeiro de 2009

Mesturas

Hoxe, mentres ceo coa serie de Antena3 El internado de fondo, moi ó meu pesar, dame por cavilar que a mestura non é tan mala. Polo menos non o é tanto como se empeñan en dicir os esquinetes bravús. Digo eu, porque se mesturamos unha merda coma esta con outra merda coma Venres13, ben pode darnos algo digno de se ver. Imaxinai a que pode armar Jason polas aulas dise internado tan particular. Ía precisar dunha pedra de afiar de tanto traballo que lle esperaba ó gume do coitelo. Habería que gravar cando lle tocase ó Martín (antes Martiño) Rivas o turno co da carauta de porteiro de Hockei.
Estou pensando que tampouco farían mal partido Los hombres de Paco mesturados con Alien. Veriamos qué chiste cutre (modalidade Pajares e Esteso) se lle ocorría os guionistas cando os paiasos se toparan coa cascuda cabreada. É que os artistiñas que pairen semellantes charramangueiradas tiñan que deixar as drogas psicodélicas dunha boa vez.
Non sei. Algún día dicíannos que unha historia ten que ter "introducción, nudo y desenlace". E está claro que este tipo de serie só teñen nudo, e nudo gordiano; inda que algo de introducción tamén hai, porque meter métennola dobrada.
Polo menos as telenovelas, esa praga que naceu con Cristal, inda que son un monte de merda e máis pesadas ca unha cea de cocido, teñen un desenlace previsible. Xa sabedes: moza pobre remata casando con mozo rico, e polo medio envexas, puteos (dos dous tipos), e nalgunha ata algún bombo repartido a destempo.
Menos mal que sempre nos quedará o cabrón de House e o descerebrado de Pai de familia.