terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

En resumo

Os de Figueira da Foz sonvos xente práctica. Aí o tendes. Quen dixo que o da Santísima Trindade era un misterio? Como se pode comprobar, catro golpes de cicel e o misterio xa non é tal misterio. E igual que fan tallas que son o esquema dos esquemas, tamén teñen fortes de xoguete, fortes testemuñais, que os señores ingleses ou franceses a penas ousaban asaltar, conscientes de que se asaltaban demasiado acababan na outra banda do forte. Un forte triangular protexido por un canón grandísimo pousado sobre un andamio derreado. Non todo pode ser perfecto. Ou si?

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009

Eu non digo nada

Estes municipais da vila. E a coña é que puxeron o valado iles mesmos e alí está o pavo tan tranquilo, sen camisa de forza nin nada.

quarta-feira, 18 de fevereiro de 2009

segunda-feira, 9 de fevereiro de 2009

Mani-festación

Ás veces hai que recoller velame e deixar que as cousas sigan o seu curso. Tal é o caso da mani bilíngüe, na que participou con toda ledicia Falange, falangina y falangeta e, medio agochados -a título individual, seica- xerifaltas e xerifaltes do Partido Popular. Non sei se é virtude ou defecto, mais defendo o seu direito a facer público o seu punto de vista, por moito que non o comparta. Creo que non teñen razón, ou máis ben estou seguro, pero por principios defendo o seu direito a expresarse, inda que sei que iles non defenderían o meu. É a diferencia entre ser DEMÓCRATA e demócrata de toda a vida, inda que se empeñen en tildarme de nazi. Son esí de bó, ata darme noxo por veces, cando me lembro das solucións violentas que lles encanta aplicar.
O caso é que teño a leve sospeita -xa lle digo, señoría, sospeita leve; non estou afirmando ren, líbreme san Castelao delo, que a vostede non lle tremería a man pra me empurar- de que algo cheira a podre en Dinamarca. Pra poñer un simple exemplo, pode un mirar a esta pobre vítima, sempre segundo La Voz -democratiquísima, o seu dire dixit- de galicia, co seu ollo inchado e pode mirar estas imaxes que se emitiron pola TV e que demostran que de vítima non ten nada; que en cambio foi il o agresor e que se se mancou que espabile e practique os reflexos, ou que vaia pensando que xa non ten anos pra tentar canear mozos.
Non te esforces, que non sae. Algo cheira a podre nas redes de Dinamarca, serán os peixes chamados verderolos. Ben, vou describir o que vin: o vítima está a ser retido por dous policias no seu afán de meterlle "dos yoyas o más" a algún dos "rojos mierdosos" disfrazados de vacas e, se lles da por atravesarse, a algún dos medios. Un outro demócrata bilíngüe, supoño que algo demócrata, acode a templar gaitas e retén circunstancialmente ó energúmeno, mentres os vacunos preguntan amigablemente ós policías se non van identificar tamén ó individuo. O ogro acendido simula calmarse e carga por un lado do cordón policial, a pesar do tento de placaxe que lle fan dous policías, contra o rapaz co que aparece abrazado no chau na foto da Voz. Vítima e vitimario, who is who?
Insisto en que non xustifico nengún tipo de contramanifestación, e conste que non protestei -fagoo agora- por un ovo, que nos foi guindado e agochada a man, na mani pola paz en Palestina. Só digo que hai que ir coa verdade por diante, sexa a que sexa, inda que vaia na contra dos nosos propios intereses. En todo caso, cala, pero non mintas, bífido meu.
E antes de me despedir por hoxe, unha homenaxe a Don Lisardo, cura facha onde os haxa da parroquia de Santa Teresita. Estás coma un marrau cebado. Mala herba endexamais morre. Non sei por qué nestes días reaparécenseme os nazi-fascistas da miña nenez. Xa non chegaba co sádico inútil do Tarrío, que ven de publicar un libro, por chamalo dalgún xeito. Hai que ver qué mal escribe este ¿home?, que agora a queridísima televexo podre do cambio vaille á homenaxe ó cura máis preconciliar que coñecín na miña vida. Isto dexenera que da gusto. Falas en galego, logo mereces unha homenaxe, un libro, un óscar ou un leite pascual. A leria é que éstes individuos non lles coñecín falando galego. Máis ben falaban hostia va, hostia viene. Nai que os paríu. A ver se o meu famoso mal de ollo -algún amigo sabe de qué falo- da resultado tamén con estes suidos.

quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009

Lamias, ou por qué todos os filólogos teñen que ser lusistas?

Jantes em liga leve, seica é o xeito correcto de dicir "llantas de aleación ligera"... en portugués. E pra os nosos letrados, léase filólogos de facultade. Seica.
Niste tema, coma en moitos outros, teño que discrepar. Semella que nos move unha certa arela de poñer o carro diante dos bois, empezar a casa polo tellado ou sentar as bases dun futuro incerto pra todos aquiles que non sexan membros da caste privilexiada ou das súas mascotas preferidas. Estou a pensar no tenterentrén, ou no tren que non vai pola beira do Miño porque torce moito pra acadar o seu destiño ás velocidades que se marca. A galiña dos ovos de ouro pra determinados explotadores do país e de fóra, o pan pra hoxe e palla pra mañá dos seus obreiros, un ave con moita pluma e moito morro que agora Torito estase a inventar ata pra chegar a Porto. Qué raro que il non diga Eluroporto ou algunha das súas pasmosas gansadas. E, mentres, os que andamos a pé teremos que seguir desfrutando dun tren de terceira división -seneghalesa, polo menos, e que me perdoen- que nos levará de Ourense a Compostela en menos de tres horas e media, e "reghreso a la terminación" polo mesmo prezo e o mesmo tempo.
Ven a conto, que me estou indo polas desoladas alturas de Pena Trevinca, porque algo que os meus decidiron (nin sei cantos, nin cantos meus) sobre algo que é sagrado pra min, non me agrada. Aproximar o máis posible o galego ó portugués. Cousas de bois e tellados... Cando tanto queda por facer no galego, e tanta lingua está a perderse irremisiblemente por defección certa dos seus "utentes", ir procurar cómo lle chaman á caneta, á cabeleireiria ou á camioneta os falantes con papas na boca, é non xa só suicida, senón ata ofensivo prá lingua e pra os nosos maiores.
Mentres palabras galegas están a ser desbotadas por pura desidia (porque chico, nom xe voi fablar cu viexo este que fuele até mal, el) recurren esa leda cuadrilla de recén licenciados e mantidos da Real Academia Gagá, e das Academias non tan reais porén tamén gagás, á pedra filosofal da grande casa común galaico-portuguesa. Algún día, se vivo e teño tempo, falareivos de verbas propias da miña terra que nin a RAG nin o Estraviz contemplan, como son pallagueiro, vidrao, rousío,...
Debe haber como dous anos que me metín en camisa de once varas ó sentir a un rapaciño -non soen ter moito máis de vinte anos, e despoixa pasan do lusismo e cólanse de carguiños na xunta- defender o nome de jantes en liga leve pra aquilo que tododios chama en tódolos talleres do país llantas de aleación lixeira. Pra min é unha putada que lle chamen os compañeiros mecánicos así, pero éche o que hai. Dende logo, non vai haber xeito, por moi cegado pola secta que estea o mesías de turno, de convencelos de que lle chamen polo nome portugués. Estaría boa.
Eu propuxen chamarlle polas palabras galegas que significan o que é o obxecto. E por dios que case me comen, coma naquil chiste do Carrabouxo de hai máis de vinte anos (O Carrabouxo crismado no chau e sostendo unha pancarta que pon "Ensino público, laico e gratuito pra todos"; dille o colega: -Eló, foche á manifestación pola liberdade do ensino? -Fun -E qué tal? -Qué tal? Pensei que me comían!; co cal xa vedes que a defensa da liberdade que fai a direita non é d'agora). A cousa non era tan complicada llantas-lamias (palabro galego que non ten que recurrir ó francés), aleación-aliaxe (idem), ligera-liviá (máis idem). E todo xunto, como nos dicían en parvulitos: lamias en aliaxe liviá. Cómo vos soa? Pois iso mesmo, que pensei que me comían. Hai que ver qué violenta é a tecla, porque postos de pé e a mala hostia non teñen nin media.

domingo, 1 de fevereiro de 2009

Inauguramos o novo local de Nacionalistas do Ribeiro

Esta mañá, despoixa de moito traballiño (e o que queda por facer, que ise si que mete medo), inauguramos finalmente o novo local, o primeiro, de Nacionalistas do Ribeiro. Daba gusto velo colmado de vellos e novos amigos. Daba gusto ver cómo, mentres lle íamos dando forma á materia, acumulábanse os compromisos pra facer actividades ó seu abeiro, como mananciais contidos que só precisasen novas canles pra correr. Daba gusto ver a ilusión en tódalas caras, ise sentimento que constitúe a millor crema rexuvenecedora.

A exposición coa que arrancan as actividades do novo espacio está adicada ó himno e, baseándose nos seus principais versos, vai debullando a historia do complicado renacer da Terra, a través dos seus símbolos, os antigos mapas, as mulleres e homes do Rexurdimento,... Como un presaxio parabenizador, detrás dos poñentes está precisamente o panel que desenvolve o verso OS BOS E XENEROSOS. Podo asegurar que a súa posición é absolutamente casual, e inda que nos decatamos antes do acto, preferimos non mudalo. Que sexa un bó agoiro.

Algo moi grande está xermolando no Ribeiro. Algo imparable medra xa en Castrelo de Miño.