quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

Negados

Pero negados os operarios, negados os capataces e, máis que ningún, negados os responsables políticos. Esto era unha árbore de folla perenne en bó estado de saúde ata que pasaron por alí as brigadas de poda-tala do Concello de Ourense fai unhas horas. Qué sorte teñen os dos viveiros!

terça-feira, 26 de janeiro de 2010

O roubo das xoias

Si, señor inspector, leváronmas todas. Entráronme na casa e marcháronme coas xoias. Nós non lle somos moito de fachendear, que cada un é como é, e terma de si como pode. Por iso estaban todas na casa. A miña muller gardaba no xoieiro vagalumes, xoaniñas, mouras, monicreques, panxolilñas, brincos e outras cousas. Eu, que, sempre mo di, son moi basto, tiña nunha bulsa de lona, lucecús, azoutacristos, escornabois, carballos, amieiros, vacalouras, cupodres, teixugos, miñouvas e cínifes, que non serían tan finas, pero tamén eran de prezo.
Que se falta algunha outra cousa, señor inspector? Fáltalle o máis importante. Faltan os recordos de familia. Leváronme gabia, rendar, pallagueiro, rodrigar, xena, vendimar, gabear, bocoi, billa, rousío, qué sei eu. Ata os marcos me moveron. E vexa, señor inspector que aí estaban os meus pais e os meus avós, os meus irmáns, os meus tíos, os meus curmáns e todos os meus parentes.
Mire, señor inspector, se non pode procuralo todo, atópeme polo menos o da casa. Que poida, nada máis, almorzar cun roxón acompañado dunha pataquiña feita na borralla e, só que sexa, xantar cun chourizo quentado nas brasas e unha cunca de viño.

quarta-feira, 13 de janeiro de 2010

Probando a propia menciña

Semella que a Felipe González non lle agrada moito o agre sabor da receita que tan ledamente aplicou durante o seu goberno e que os seus conmilitóns seguen a aplicar sen se preocupar de posibles efectos colaterais. Hoxe ó ex-presidente preocúpalle "que dos periodistas puedan ir a la cárcel por contar la verdad y la fiscalía lo apoye". Non lle preocupou no seu día o acoso que sufríu o tamén periodista Pepe Rei, que remataría co seu ingreso en prisión acusado de sinalar obxectivos a ETA. Sería excarcelado, despois de cinco meses, por falta de probas. Coma de costume, en segundo qué casos, alá foi pola barreira a presunción de inocencia.
Non hai moito, coa chegada do bipartito PsóE-PP ó goberno de Euskadi, ó flamante equipo que entrou a dirixir a televisión e a radio públicas dende que é lehendakari Patxi López, faltoulle tempo para dispoñer a expulsión de Antonio Álvarez-Solís do programa de ETB2 Pásalo. En novembro déronlle o finiquito dos programas Boulevard e Más que palabras de Radio Euskadi.
A min fai tempo que me preocupa o que está a pasar coa liberdade de expresión, incluida a do director da SER e o seu director de informativos. Incluida esa.

quarta-feira, 6 de janeiro de 2010

Bo Nadal


Velaí a viñeta do Carrabouxo, do 26 de Nadal. Grazas, Xosé Lois.