sexta-feira, 25 de setembro de 2009

Adeus ríos, adeus parques

O progreso avanza coa furia cega dun maremoto. Preme na imaxe para verlle a retranca, de certo verdadeiro cinismo, dos nosos gobernantes. As fotos primeira e terceira tiráronse o mesmo día e á mesma hora. A serie fala por si soa.

Fagamos un pouco de historia:
Na década dos 70, o Concello de Ourense fixo un importante recheo na marxe esquerda do Miño, a ámbolos lados da Ponte Novísima (nome moi pouco orixinal, pero que cando menos evita polémicas). Sobre o chan recén botado camiñei un día de volta da verbena da Ponte, e a sensación era como de andar encol dun colchón.

Alá por 1980, construiuse un "velódromo", que hoxe son os restos asfaltados que aparecen nas imaxes. Alí participei na miña primeira, e única, competición ciclista. Non gañei, que pouco podía facer unha bicicleta de paseo contra as de carreiras dos contrincantes, pero rematei o recorrido e engadín algúns puntiños ó meu equipo ó non entrar, incriblemente, de último.

Andando os oitenta, e escangallando o "velódromo" pra meter canos e cabos de corrente, construiuse o parque público. Prantáronse setos e diversas especies de árbores en estadios moi temperás de crecemento. Pódese dicir que esas árbores medraron comigo e esperaba que me sobrevivisen. Vese que non.

O Concello contratou o coidado do parque cunha empresa privada na forma dun único xardineiro, que tiña todo o recinto atendido e impoluto. A finalización do contrato e a aplicación de brigadas no mesmo cometido supuxo a inmediata decadencia. Os setos deformaronse, o lixo e a merda de can inundou o espacio de esparcemento e moitas prantas e arbustos secaron. Chegouse ó esperpento de unha brigada de seis persoas poñerse a podar un seto e retirar a broza e, ó cabo de case cinco horas, ter avanzado 15 metros.

Coa construcción da Ponte do Milenio, o parque sufriu a primeira dentada na súa superficie. Máis tarde, a conducción do gas furou novamente o xa esquecido velódromo e boa parte do parque público. Despois virían a rotonda da estrada de Monforte, o acceso centro da autovía e a rotonda de saída. Últimamente, algún avispado decidíu que as gallas baixas dos abetos, que gardaban o fresco nas tardes destes longos veráns que vimos disfrutando, impedían ver o bosque, e limpáronas ata os tres ou catro metros de altura. E agora...

Agora temos ó Concello empeñado na construcción dunha estación de bombeo, no que foi o casarío de Ponte Lebrona, que enviará a presión toda a merda da cidade á nova depuradora que seica se vai construir tamén en Reza. E para poder bombeala, hai que traela ata a estación de bombeo. Así, a conducción que ven de Vista Fermosa corre 600 metros pola Rúa do Bispo Lourenzo e atravesando -e escarallando- o parque. Amén.

Non dubido de que os nosos políticos son moi listísimos, e que iles teñen os seus chalés no monte para poder fuxir da canícula de Ourense, pero algúns temos que procurar unha sombriña fóra das casas e istes fenómenos veñen de liquidar a pouca que tiñamos no barrio do Couto. Eló non observaron que durante istes meses de calor ninguén visitaba a outra banda do parque, convertida, por falta de árbores de sombra, nun asadeiro máis ca en espazo público?

A alegría con que nesta cidade de Ourense se tira de motoserra só é comparable á incapacidade dos seus rexedores, de todos os seus rexedores sexan da cor que sexan.