Como se pode comprobar na súa edición dixital, o sacro Diccionario de la Real Academia de la Lengua Española segue mantendo as acepcións de “tonto” (en tanto, aclara, que “falto de entendimiento o razón”) e “tartamudo”, para a palabra "Gallego". Ben pouco respecto me merece esta posición numantina de defensa de valores fundamentais, cando a institución leva décadas convertida nunha esterqueira onde se acepta canto refugallo deitan as bocas da parte máis nugallá, como avance, progreso da lingua ou que sei eu. Onde, a día de hoxe, e non sei se por falla de mellores candidatos, plumíferos de medio pelo poden ter asento de letra.
Lembrábame agora, e por iso escribo estas liñas antes de que o pensamento caduque e marche en fume coma un pito abandonado no cinseiro, da teima que tiven no seu día coa nova acepción da palabra obús. Eran tempos nos que inda me preocupaba algo o que puidese acontecer na billa e corte, como se fose mudar algo que eu me alporizase. O conto é que ata fai só un par de décadas, a palabra obús tiña únicamente dúas acepcións, unha peza de artillería e outra peza do coche. Popularmente, por esa parte do pobo ignorante, envexosa, violenta e túzara da que tanto gosta o académico Pérez-Reverte (quen por certo inda non sabe cando vale e cando non a expresión “hasta que no”), a palabra obús tiña tamén, e sobre todo, a acepción de calquera proxectil de artillería. Un imaxinaba, polos comentarios dos presentadores de televisión, artífices de moita da estulticia española no que respecta á súa propia lingua -e a outras cousas-, que os barcos británicos bombardeaban as posicións arxentinas nas Malvinas-Falkland con pezas de artillería, as pezas de artillería voando polo ar e enterrándose no chan ó rematar a súa traxectoria. Por certo, cál será a traxectoria balística dunha peza de artillería? Debe ter un cálculo ben complicado.
A inflexible, cos galegos parvos e tatexos, Academia rematou cedendo fronte ó populacho e imprimindo esa nova acepción, como primeira, en cada unha das seguintes edicións do seu Miccionario. Aquel día fíxenme mal sangue, pero co tempo recapacitei e agora xa só espero, sentado á porta da miña casa, ver pasar a definición de madonals, nini, etc, etc. RIP. Enterrádea antes de que cheire.