Seguen os indignados nas nosas prazas, argallando cataplasmas mornas para solucionar todos os problemas da sociedade cun só toque de variña máxica. Increpan aos políticos sen distinción, ou non? A verdade é que o fan con máis pracer e saña con aqueles que levan décadas loitando por unha sociedade máis xusta, mentres bican as lousas por onde pasan aqueles outros que os encirraron inicialmente e que só esperan o esnaquizamento dos últimos anacos da sociedade do benestar para facerse co poder, co poder absoluto. Descobren que a policía, os supostos defensores da lei, non actúa con ética tampouco contra eles. Non eran quen de crelo cando os que recibían porrazos e pelotazos non eran eles. Eran nais e pais de familia que defendían o seu posto de traballo ou os seus dereitos, pero que endexamais morrían en cumprimento do deber nin deixaban desconsolados fillos como os uniformados. O fillo dun obreiro non ten capacidade para estar desconsolado e se chora, ben pode aproveitar para lavar a cara. As vítimas desa banda sempre “algo farían”.
Preocúpanlles os ‘privilexios’ dos políticos e dos funcionarios. Se por eles fóra, un enfermeiro iría traballar de balde e cunha bola de ferro encadeada a un nocello. Para eles, o cumio da revolución é retirar 150 euros do caixeiro, todo o mundo ó mesmo tempo. Non pensan que para iso primeiro haberá que telos.
E mentres, a sociedade non está enferma polos salarios dos funcionarios, nin polas xubilacións dos deputados. A enfermidade social está nos millóns de apalermados que sofren durante toda a semana debaixo da bota do amo e o domingo vanlle lamber o cú no estadio porque resulta ser o presidente do equipo dos seus amores. A enfermidade está nas rúas das cidades, onde impera a lei do máis chulo e a dictadura do tempo.
Inda me contaba onte unha amiga que sufríu un deses accidentes estúpidos pasando por unhas galerías comerciais. Caeu e escordou un pé. Contoume que botou un bo anaco tirada no chan, pasando xente a carón dela, sobre todo xuventude, e só ó cabo de varios minutos un señor axudouna a erguerse. Esa é a mesma sociedade que se aleda de que a un funcionario lle rebaixen o 5% do seu salario.
Esa é a mesma sociedade que non se indigna por aparcar nun paso de peóns -e as cadeiras de rodas, os carros de neno e os da compra que pasen polo ar-, que non se indigna por levar estirada ó máximo a correa do can ou por deixar as beirarrúas sementadas de esterco, que non se indigna por saturar as urxencias dos hospitais públicos por nimiedades, que non se indigna por ter que ir coa tarxeta sanitaria na boca retirar unha receita médica da farmacia, ou por ter que levar sempre o DI do reino de españa para non ser detido e identificado, que non se indigna por ter que pagar para entrar en Expourense cando xa lle cobran aos expositores e quen ben se pode permitir pagar, vai convidado.
A mesma sociedade desta cidade hipócrita, capital da provincia máis empobrecida do reino de españa, que vai ter que axustarse ás novas demandas da vaca alemana e, porén, vai seguir sendo a primeira importadora de coches teutóns. A cidade de Fíos, si, dos deseñadores máis innovadores no corte e máis fachas no social e no igualitario. Malditos Verino e Domínguez. Císcome nas vosas teas, nos vosos viños e na vosa suficiencia. E císcome nos talleres de costura en baixos que apenas dan pra aparcar dous coches, sen unha miga de luz natural nin máis aireación que a que veña de subir un chisco a persiana metálica. E isto non tiveron que contarmo. Isto vino eu. Así se xustifica o parque móbil do cancro das Burgas.
Indignadiños, queredes que me indigne e vos acompañe nas prazas? A qué? A insultar ós políticos probos mentres lle facemos festas ós feixistas? A ceibar consignas sen comprometerse? A mudarlle o nome á Praza Maior por Plaza del 15 de Mayo, eh madrileñiños meus? Pois non vai ser, porque xa levo toda a vida indignado e non me sae do escroto descobrir estas alturas a pólvora mollada.