domingo, 16 de outubro de 2016

Un recanto de paz


O mundo era de pedra e madeira, ferro e tela. Terra, auga, lume e aire do pobo. Mulleres de pedra baixaban coa tina de roupa á cabeza camiño do regueiro. Había un lavadoiro ben preparado e cómodo pé da estrada que viña da capital, pero algunhas por quedarlles lonxe e as máis por buscar o fresco, no verán preferían aquela alternativa, nun recanto da canle protexido a nacente e poñente por senllos muros dun casarío e unha viña.
O regato baixaba ledo nas pendentes, melancólico nas chairas, desmedrado porque era o estío. As mulleres ían buscar a sombra dos amieiros onde usaban de lavadoiro unha poza pouco profunda que elas mesmas prepararan e na que cada unha arranxara a súa pedra cunha cara máis ou menos lisa para poder refregar a roupa. De xeonllos na herba ou nunha peza de roupa que quedaba para o final, mergullaban, degrumaban, batían e refregaban varias veces antes de enxaboar con xabón Lagarto ou, as máis das veces, cun caseiro elaborado a base de sosa e graxa animal, o que lle daba un aspecto comestible. Despois repetían a operación de bater e refregar antes de escorrer e devolver a roupa xa lavada á tina. Laretaban de todo o humano, criticaban ós veciños e rían moito. Pobre da que ese día non estivese no corro.
Despois, rematado o traballo case simultaneamente con independencia da cantidade que levase cada unha, recollida a roupa nas tinas de latón e, axudándose unhas ás outras a erguer, cargábanas sobre a cabeza en equilibrio, amortecida a presión por unha rodilla de pano. Marchaba entón cada unha tendela na casa, na horta ou onde mellor lle parecese.
Quedaba aquel curruncho tranquilo do mundo só para os seus outros habitantes. Inda ben non se silenciaran na distancia os pasos das lavandeiras, tomaban a charca os zapateiros, tan leve fóra a agresión, e pelexaban por un anaco do territorio. As rás, pequeniñas como saltóns, eran máis tímidas e dúas ou tres aparecían pasado un tempo. Cabaliños do demo azul metálico despegaban entón dos seus pousadoiros para disputarlles os bocados voadores.
Chegaba a hora da sesta e unha figura pequena e delgada aparecía polo sendeiro. Seguramente xa traía na man unha vara acabada de cortar cun coitelo collido emprestado do comedor. As mellores eran as de vimbio, coas que rozaba limpamente a herba que nacía pé dos muros.
Nun mundo sosegado, do que era amo e señor, navegaba barcos de papel cando o había, e senón de cortiza de piñeiro ou simples follas secas dos propios amieiros. Pousaba os navíos corrente arriba e íaos esperar na poza, disputáballa con eles ós zapateiros en guerras cruentas só na imaxinación do pequeno. Arrincaba a semente da avea e bombardeaba con ela amplas zonas da charca, provocando o pánico dos seus habitantes. Cazaba os cabaliños chegando silandeiro desde atrás e apreixándolles as ás con dous dedos, para ceibalos inmediatamente despois de miralos un intre ás mil facetas, polo puro pracer de demostrarlles quen mandaba naquel tramo do río.
Cada vez máis, a medida que pasaba o tempo, conformábase con sentarse nunha pedra, nun tronco inclinado ou nunha póla baixa, e disfrutar daquela paz inabarcable que, por algunha razón, non era quen de levar consigo.
Pasaron os anos. O neno fíxose mozo e un día, antes de marchar lonxe, escribiu na cortiza dun dos amieiros aquela frase atribuída ó xefe Seattle, que resultaría tristemente profética:
“Cando se corte a última árbore, cando se envelene o último río, cando se mate o último animal, o home decatarase de que o diñeiro non se come”

Pasaron os anos. O mozo fíxose home e soubo que o novo propietario da viña cortara os amieiros porque lle facían sombra ás cepas. O novo propietario da viña pronto morreu de vello. Pouco lle aproveitou a cobiza e ruindade.
Pasaron os anos. O home volveu ó seu curruncho tranquilo. As pedras de lavar estaban movidas. Non había amieiros. Non había zapateiros, nin rás, nin cabaliños do demo. Aquel recanto de paz inabarcable xa non estaba máis que na súa memoria.


E o neno chorou.

Espreguizándose

Espreguizarse, despois dunha sesta de anos, como Ero de Armenteira pero sen visións do Paraíso, e porse en marcha outra vez; velaí o que lle toca ó vello Vinte arrobas. E qué mellor que cun contiño que andaba hai tempo dando voltas e non acababa de tomar forma.
Acaba de publicarse na revista Terra de Outes, co pseudónimo de Henrique Figueiredo.