sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

Partido SÓ Español

Levo un par de décadas pensando que o PSOE de Socialista e Obreiro, pouco ou nada. Cando empezou a mudanza?, vaite saber. Co compañeiro Isidoro está claro e seguramente para il moito antes de tirar a chaqueta de pana, mais sospeito que a "modernización" xa viña encamiñada dende máis atrás. Alá iles coas súas andrómedas. O caso é que o outro día ocorreuseme que se ben esas duas letras xa non significan nada, tampouco son prescindibles, porque reducindo a Partido SÓ Español indícase caralludamente o único interese que lle queda hoxendía ós do puño e a rosa (Ou xa pasaron tamén daquil logotipo?).

O caso é que fixen unha procura restrinxida á frase exacta co google e só me saíu esta referencia no semanario -agora tamén xornal dixital- A Nosa Terra. Polo tanto, a adaptación ó anagrama é unha primicia. Lástima non fose unha primicia económica, coma a idea de fixar o anel nas latas. Medio céntimo ou o que sexa por cada refresco, cervexa,... que se vende a diario no mundo. Quen o pillara.

quarta-feira, 19 de dezembro de 2007

Coincidencia

Só un pequeno comentario, porque a portada de La Voz de Galicia de hoxe, aparecen labregos agasallando ós transeuntes con verduras e coello nunha reivindicación de prezos dignos para os seus productos e limitación do beneficio dos intermediarios. Qué dixen eu o domingo, primeira feira, pasado? Se é que por veces estas coincidencias danme un aquel de arrepío.

Con dez cánones por banda

Vento en popa a toda vela, así singla istes días a nave dos artesáns, que non artístas, da farándula. Poderán estar contentes Caco –sempre fiel ó seu nome– Senante, Ramoncín –ou será xa Don Ramón?–, e toda a compañía da SGAE, do cedro ou do piñeiro galego. Novamente concúlcase (do latín conculcare, esmagar co chanco) un principio básico do ordeamento democrático, como é o da presunción de inocencia.

Os señoritos do non creo máis, que coa merda fracasada que xa levo creada tedes dabondo, pero cobro polo que crean outros hoxe: eís os impostos revolucionarios ás actuacións que contratan as comisións de festas, ou ás animacións culturais patrocinadas polos concellos, independentemente de que unhas e outras sexan ou non de creación propia dos ARTISTAS, istes sí verdadeiros, xa fan a confirmación (lástima dun Vandán oficiando de bispo para lles meter a preceptiva hostia). E na santa igrexa do Partido só Español, nada menos. Por unha vez e sen que sirva de precedente, estou dacordo co portavoz do PP. O canon hai que eliminalo, inda que sexa a canonazos.

E conste que hoxe quería falar de outro tema.

domingo, 16 de dezembro de 2007

Terra de chumbo

Éche ben certo que cando as opiniós verquidas nun xornal proceden do seu director ou subdirector, éstas van a misa. Tamén é certo que non teñen que ser en absoluto veraces ou razoadas. Así, se o subdirector da Voz de Galicia, sangue novo me comenta o pescudador de internet, dictamina o exterminio de catro especies bravas da Galiza, está a crear opinión pública, sobre todo cando o seu artigo publícase en contraportada un domingo, que se supón ó lector con máis tempo para ler.

Cabería preguntarlle en calidade de qué fala. As pingas castrapeiras dan unha pista pero non rematan por convencer: "puerco bravo", "rabudo" que non teñen en castelán o significado pretendido, sonan a pretensión de campechanía. O uso do termo talibán coma adxectivo indica falla de cultura ou aspiración de impoñer a de propia creación. Taliban é o plural de talib e non significa outra cousa que 'estudante de relixión', o que eiquí poderiamos chamar seminarista por facer un simil intelixible, con independencia do que os tales taliban se adiquen a facer e do que a parte iñorante da profesión periodística se empeñe en facer incluír no diccionario da RAE.

Evidentemente, despoixa do despido de Bieito Rubido e de facerlle o baleiro a algúns dos seus colaboradores máis manifestamente esquerdosos, como eran Chao e Ramonet, La Voz encetou unha nova xeira no seu obxectivo de non perder pé na amarelización xeralizada que está a sofrer a prensa escrita, e a maioría dos medios de comunicación.

Ben a conto todo esto porque o Lois Blanco –o nome galego non lle pega coa língua que emprega nin coa súa redacción que me lembra a un tal Valladares, que creo que inda anda estragando a da revista dunha coñecida empresa alimentaria– tira hoxe, na contraportada da Voz, de ventilador e culeiro de esterco para ceibar un par de verdades pontifícias: os porcos bravos paseanse polas rúas da capital da Galiza e van comer ás marisquerías, polo tanto, e como non queremos que istes fenómenos se repitan, hai que proceder ó seu control por medio de batidas. Ata aí collemos a idea, pero para reforzala trae ó razoamento os estragos que os animais causan na agricultura, e os que causan os lobos na gandería, e os teixugos na agricultura, outravolta, e, aí amigo xa me deixa pasmado, as londras nos nosos ríos.

Podo entender que un labrego que ven de ver a producción dunha herdade de millo, ou dunha viña,... transformada en esterco pola laboura duns cantos xabaríns, se me queixe da desfeita. Non podo entender que o faga un cidadán, no senso estricto da palabra, que cando vai ó supermercado parécelle unha salvaxada pagar 1,50 por un repolo e que se queixa do que estorban o tráfico os labregos ou gandeiros que van reclamar un prezo digno –non para facerse ricos, só para poder vivir da agricultura– para os seus productos.

Se por min fose, non habería unha soa escopeta no monte en nengunha época do ano. Non hai cousa máis arrepiante que saír ós cogumelos ou simplemente a dar un paseo por desfrutar un pouco da natureza e relaxarse dunha semana de auténtico traballo, non de teclear sandeces para que se publiquen, e empezar a sentir tiros cerca. Que ben me coñezo ós cazadores: a maioría transfórmanse coa escopeta ó lombo igual que fan moitos conductores ó se sentar ó volante. Coñezo xente que, sendo de carácter pacífico e solidario na sua vida diaria, convértense en posesos con só describir como perseguiron e mataron a tiros a un marrau ou outro animal cazable.

Ademais, que eu saiba, se ben o marrau é un animal cinexético, seguindo as normas e a tempada, ó lobo só se lle pode dar morte en batidas autorizadas cando os estragos que está causando entre o gando dunha determinada zona fanse demasiado contiosos; e teixugos e londras están totalmente protexidos. Para poñer un exemplo da mitoloxía en canto a abondosidade salvaxe, eu, que vou a contracorrente da maioría que se inclina pola praia e son de patear monte, o único dises catro animais que tiven oportunidade de ver foi o marrau. O teixugo, e o lobo menos que xa nin no tempo dos pais se vía, foron animais cos que se nos metía medo ós nenos para que non nos alonxásemos moito da aldea. E a londra era completamente descoñecida ata para os avós.

Témolle máis ós porcos, os burros, os lobos de duas patas, e os galiñas que os deixan campar. De qué raza serían aquiles dous animais de Muxía que cando se dispoñían a iniciar unha xornada de pesca deportiva no mar, viron un marrau nadando e deixárono todo, porque esas oportunidades tan boas de matar só se dan unha vez na vida, e foron liquidar ó animal a gancho e coitelo? E os fillos da súa nai de submarinistas que lles emprestaron a arma? Debeu ser todo un espectáculo a auga avermellándose co sangue, o animal bramando en agonía e os ¿homes? berrándolle: Morre, fillo de puta, morre! Non me invento esta frase, son diste tipo as que ceiban os cazadores cando contan cómo remataron dun tiro ou a coitelo a un animal. Frases que nunca escoitei nunha matanza do porco tradicional, coa que sí que se meten ben os politiquiños urbanitas de merda.

domingo, 19 de agosto de 2007

Un rumbo trabucado

A penalización dos actos ou das intencións é precisamente o que diferencia a democracia de feixismo. Isa perigosa deriva é a que está levando á sociedade occidental a un futuro que nin os piores pesadelos de Orwell, no seu 1984, ou Huxley, no seu Mundo Feliz, puideron contemplar. É un camiño polo que nos conducen sen decatármonos, paseniño, paseniño. Hoxe limitamos o uso do tabaco –que veremos qué escusa poñen cando a xente deixe de fumar maioritariamente e siga a palmar de cancro a esgalla-, mañá cargamos un imposto preventivo –lease canon da SGAE- que considera a todo o paisanaxe potenciais delincuentes, presuntos ou como queira chamársenos, e pasado tódolos calvos contra a parede e a parar balas co peito. Pero qué carafio de mal lle pegou ó mundo? Señor Censor, fai algo útil e suicídaste.

segunda-feira, 23 de julho de 2007

Unha xostra

Vai amañecer en poucas horas e eiquí estou, esbardallando. Unha xostra era o que lle compría ós bós e xenerosos para manexar a tanto nepotista desmandado. O estado español, ou inglés, ou ianqui, ou birmano, ou chinés, ou cubano,... escolleu istes días para tirar da carauta e amosarse do xeito que é: un feixista insobornable. Cadrou que foi co esperpento da portada do El Jueves. E dalle que non sona. A mesma revista que fixo escarño de situacións moi pouquichiño democráticas só por non ser da Liga das Estrelas Española. Vaite ver: o IVÁ onde il vai que palmou, o Oscar está capado,...

A ver se mañá son quen de lle poñer uns vencellos a proba, como (non) está mandado.