quinta-feira, 17 de abril de 2008

O Guggenheim coma exemplo

Hoxe abre a boquiña un tal Alfredo Vara -director de organización, seica, do xornaliño- na contracapa da Voz, veña a comparar a superchachimegapirulimente boa xestión do Museo Guggenheim coa da, inda inconclusa obra da Cidade da Cultura. Nace a pobre, ou nacerá, orfa e berrando de fame no deserto. Se inda fose a cidade da televisión, ou, inda mellor, do fútbol, xa non era un pan o que traía no sobaco; era toda a denominación de orixe Pan de Cea.

Pobre cultura, niste país de analfabetos funcionais con título e titulitis. Eu teño que preguntar, por veces, ós vellos cómo se chamaba tal ou cal cousa da nosa idiosincrasia de non hai tantos anos. Iles, os que se postulan para nos gobernar e nos gobernan, nin xiquera preguntan. Ás veces, con sorte, aparece entre iles unha pérola, como semella ser a Secretaria Xeral de Política Lingüística, polo menos é o que se deduce do seu artigo de hoxe no mesmo xornal, que me parece mais cañeiro na defensa da língua que as esbardalladas dalgún meu Portavoz Nacional. E inda outros, os plumíferos de moda, articulistas de pago, nin xiquera se molestan en pensar. Oxalá e a Cidade da Cultura fose o doble de grande, co doble de costo e o doble de problemas, e fose a imprescindible Cidade da Cultura Galega.

Do Guggenheim, qué vou dicir. Os 9,50 euros máis tirados da miña vida. Só puntualizar: o Guggenheim, dado que os fondos permanentes son de risa, NON É UN MUSEO; É UNHA SÁ DE EXPOSICIÓNS: se tes sorte, igual che toca unha exposición molona e na que, polo prezo dunha comida, pasar unha mañá ou unha tarde caralludas. A min tocoume un autor repetitivo e afeccioado ó chumbo ata fartar, Anselm Kiefer, e inda porriba cheiraba aquelo a ximnasio que tiraba para atrás, supoño que moito viña de semellante cantidade de chumbo que usa o tipo nas suas obras. Unha pena. Pero unha pasada de xestión. A min, os 9,50 euros non mos devolveron.

Cando teña tempo, colgarei a foto dunha xaponesa apoiada na baranda da terraza do museo, con cara de decepción. Debeume dar unha pista.

Nenhum comentário: