Hoxe, que veu de auga, tiven que saír facer un recado alá polo medio de Ervedelo e xa de ida cendinme un pouco co chiste ise da Humanización do Couto que promove a Concellalía de García Mata e pagamos todos. Humanización seica lle chaman a tirarlle prazas de aparcamento ós pobres, poñer as beirarrúas de pedra e as rúas de adoquíns.
Eló fostes á mesma escola de urbanismo ca os do PP? Hai que ir á moda e así cada poucos anos ciscamos outra partida de cartos? Paga Europa? Pois que saibades que cando paga Europa os cartos tamén saen dos nosos petos, dos petos dos paganos. Ou pensabades que en Bruxelas tiñan unha máquina de fabricar cartos?
Algunha vez andivestes pola pedra mollada? Lembro, que foi en tempos históricos, non antes da guerra, ir choiar unha mañá de xiada despoixa de que merexase pola noite, que nesas lousas tan verdes e lindas que puxo Cabezas enfronte do Pavillón patinaba eu coas botas e as velliñas daban tremendas cuadas con risco de romper osos. Iso si, ó chegar ésas lousas tan vellas, tan cuadriculadas, tan antiestéticas, de Antonio Puga, rematou a patinaxe. Porque esas lousas son o cumio do deseño ergonómico feito lousa. Non serán bonitas, non molarán mazo, pero funcionan, e ademais son baratas.
E qué dicirvos do adoquín? Qué chau tan firme, que bó de andar pra peóns e vehículos, cómo lle presta ós amortiguadores. Dende logo, o adoquín non ten máis ca avantaxes. Non sei cómo non o poño no meu cuarto. Se un día teño cartos, igual me animo.
E mentres ciscades case un millón de euros en humanizar un par de rúas do Couto, ninguén ven limpar a beirarrúa que contorna o terreo dos futuros xulgados, do futuro centro médico e de non sei cántas cousas ¨futuras" máis. Que nos comen as silvas. Ah, que non é cousa de Tenencia, que é de Alcaldía? E a qué esperades pra dicirlle que faga as cousas?
Mentres preparades unhas pistas de patinaxe chulísimas, cada vez que chove, como é o caso hoxe, ármase unha ducha tal en Bispo Lourenzo, ó seu paso por debaixo da ponte Novísima, que hai que saír á estrada e xa ó segundo carril; a gavia do sumidoiro contén algo así coma unha tonelada de terra dende hai tanto tempo que así que tal virán os paleontólogos tomar mostras dos estratos; o cruce, cada vez que chove cun pouco de xeito, convértese nunha fermosa piscina porque ninguén se ocupa de desatascar os sumidoiros. E así ata o infinito. Para que forades tan inútiles coma os peperolos, non precisabamos mudanza nengunha.
En fin, que Ourense debe ser a excepción que confirma a famosa regla de que onde o BNG funciona tanto electoral coma socialmente, está xestionado por xente de determinado colectivo. Como diría Nelson Muntz, ha, ha!
Nenhum comentário:
Postar um comentário