quarta-feira, 24 de setembro de 2008

Por qué vinte arrobas de sal?

Cando se fai un exercicio de memoria a trinta e máis anos de distancia, o que menos se pode esperar atopar son lembranzas vívidas. As cores da infancia, aquelas cores que os obxectos levaban dentro e que ansiabas ver coa primeira luz do día, vanse esvaecendo. Os contornos das cousas, os rostros das persoas, os aromas e os sons, vólvense confusos. A bendita fotografía permítenos tentar reconstruír aquel intre no que se tomou, pero endexamais poderemos saber quén estaba dentro de cada figura naquel momento, nin xiquera tratándose da nosa propia figura. A fotografía non pode fixar os sentimentos, a memoria a penas.

Esta historia sucedeu, pois, hai máis de trinta anos, en Oleiros de Castrelo de Miño, en tempo de vendima. Os eixes dos carros cantaban das adegas ás viñas e, máis roucos, das viñas ás adegas cos tinos acugulados. Tamén cantaban os carrexós máis fino cando non cargaban co culeiro cheo. E cantaban ou parolaban as vendimadoras mentres separaban os acios da cepa coa axuda dunha gancha, aquela poda en miniatura que xa case non se ve e en todo caso non se usa. Habíaas con mango de madeira ou dunha soa peza de ferro, as miñas preferidas, coa parte de atrás traballada en espiral para facilitar o agarre.

Os pequenos anarquistas inda non tiñan acceso a semellantes marabillas concentradas da técnica, así que tiñan que arranxarse para apañar unha prestada temporalmente mentres as vendimadoras repoñías forzas xantando. Era a súa hora. Cando o mundo se tomaba un descanso, o pequeno aproveitaba para fedellar en todo aquelo que quedaba, por un pouco, lonxe da atención dos adultos.

Aquil día o seu obxectivo era a prensa. As cuñas levaban a mañá enteira repenicando na adega do avó e nas demais do lugar, como se fose todo il unha enorme ferrería. O neno xa vira moitas veces cómo se manexaba aquil trebello: un home ou dous agarraban dunha panca de ferro macizo e, utilizando moitas veces o seu propio peso, movíana adiante e atrás. Canto máis rápido se movese, máis mosto zurrichaba. De ser un home, tratábase diso, e o fedello xa era un home. Non dicían aquelas mulleres tan simpáticas que estaba feito un home. Pois iso, hoxe ía demostralo manexando un trebello de home.

Cispouse nun descoido da vixilancia adulta e botou a correr para quedar pronto fóra da súa vista. Ó chegar á adega tivo un momento de dúbida, porque estaba só e a prensa quedaba xusto debaixo da entrada do inferno. Da escura porta do faiado da adega asomaban as puntas dos monllos de vides alí almacenados, que axudaban a conservar a frescura que o viño require. Unha porta aberta a un espacio negro e material combustible: o inferno, fixo. Alí ata había estar o demo coa aguillada, pero mentres non asomase..., e il era un home.

A prensada xa ía case rematada e, inda coa barra tan baixa, tiña que estirar moito os brazos para agarrala. Debía ser por iso que aquilo non se movía. Empurrou, tirou, encolgouse da panca con todo o seu peso, pero o ferro só xogaba uns centímetros para adiante e para atrás entre as queixas alporizadas das cuñas. Descansou un pouco e preparouse para outro ataque.

Ó avó Silvio chamabámoslle os netos Papá Silvino, e a verdade é que lle caía a baba con todos nós. Era un home bó e traballador, sempre disposto a axudar ós seus veciños, pero o que máis e mellor lembro dil é que non se podía nin rifar ós netos diante súa.

Ben, estaba o pequeno encetando o segundo ou terceiro ataque á prensa, cando sentiu a voz do avó en ton retranqueiro:

-Quique, qué fas?

O Quique estaba tan concentrado na súa laboura que deu un brinco e só se lle ocorreu dicir:

-Nada, Papá Silvino.

O avó, que xa estaba rindo -no que vai quedando do arquivo da memoria lémbroo sempre rindo- sentenciou:

-Eche moito pra ti. Inda tes que comer vinte arrobas de sal -e ceibou unha gargallada.

Naquil momento o Quique non o entendeu, porque o sal non se comía, en todo caso por veces botábaselle á comida. Non sempre, que il soubera. Tardou un tempo, ata que xa case non o chamaban Quique, en decatarse do que significaba aquela frase que quedara gravada a lume no seu cerebro en formación.

Por iso, en memoria daquil avó que pasou cando eu contaba dez anos, que marchou camiñar as viñas do alén co seu eterno sorriso, leva tal nome iste blo. Dicían os gregos que cando se pasa á outra beira danlle a un de beber o viño do esquecemento, que fai que se borre toda lembranza da vida pasada. Tampouco hai que se fiar moito dos gregos, que lle botaban auga ó viño, para que logo digan da civilización helenística.

quinta-feira, 11 de setembro de 2008

O traxe dos domingos

Experimentando. Vou ver se poño un pouco bonito esto, que se facía un algo desanxelado. Experimentando, porque coma sempre teño por costume, primeiro fuchico e despoixa leo o libro de instruccións.
Primeiro acerto: subir os blos salgados a un lugar destacado da páxina, que alá nos últimos pupitres semellaban os castigados. De momento só está o do amigo Iván, pero xa o aumentarei co resto da lista.
Ben, quero adicarlle a próxima entrada á historia que xustifica o nome do blo. Non sei se o farei tan ben como cando a puxen por primeira vez por escrito fai uns vinte anos. Xa choveu, e daquelas os feitos e os sentimentos estaban máis frescos na memoria. Haberá que tentalo.
E para a semana toca facer autocrítica.

sexta-feira, 5 de setembro de 2008

Azoutacristos

O outro domingo, primeira feira, o 24, fúmoslle á excursión do Horacio. Estaba máis ilusionado ca un neno nunha xoguetería porque por fin ía ver o castro de Santa Lucía e a súa contorna. Algún día, despois de oírlle a outros o que il comentaba do devandito castro, fíxenme unha teoría de se non sería o seu nome orixinal o Arcabria "siue et aliam villam in territorio Castelle in ripa Minei, que est inter Laias et Castrello", entendendo Castrelo como o núcleo hoxe chamado Santa María. As distancias coinciden.

Ben, non acabamos de chegar á croa por un accidente desgrazado no lugar onde menos cabía pensar que se producise, mais polo camiño vimos abrigos prehistóricos impresionantes, penedos inscritos, ribeiras de regatos e cachoeiras, vistas espectaculares do val do Miño, co cal a andaina pagou a pena de sobras.

E lembreime agora da andaina porque estou a ler, horas eran, que van case cinco anos que o merquei, a Viaxe a Galiza que fixo Sarmiento alá polo 1745. Unha boa parte da obra adícaa á descripción da flora e resulta que aquil día vin a maior concentración de azoutacristos dende facía décadas. Esta pranta, o ruscus aculeatus, era moi común nos montes de Oleiros pero, quizais debido a unha excesiva explotación humana para o seu uso como basoiras e bazcullos, converteuse en algo excepcional. Nas marxes do Fragoso, lonxe da excepcionalidade, houbo momentos que botamos de menos que estivese extinta. Cando botas a man para te agarrar ó máis sólido que tes perto, é moi desafortunado atopar unha pranta con puntas en tódalas follas.

Pois ben, no libro de Sarmiento di:

"Mezquita. Chaman así cara Soutelo de Montes á planta, que o latín chama rusco, a botica brusco, en Portugal gilbarbeira, no Bierzo picantel, en Ourense gilvarda ou xilbarda e en Pontevedra xilbardeira, quizás de silva e de bardas, silbarda, xilbarda, etc."

E, máis adiante:

"Mezquita. Chaman así en Cerdedo ó brusco ou xilbardeira, e este nome pronúciano xensibarbeira."

Co cal xa quedan claras dúas cousas: de ónde veñen os topónimos Mezquita, e que o nome de azoutacristos é unha particularidade nosa, porque tampouco ven no diccionario de Franco Grande, no que aparece ata o apelido de solteira da virxe María. Algún día que non teña que facer autocrítica, falareivos da particularidade absoluta castrelá "xena" por "cabra". Absoluta tampouco, que cruza o río un pouquiño, como cruzaban os nosos avós coas vacas pra ir ós prados de unha e outra ribeira.

En fin, gracias infindas Horacio, e non só pola excursión, que miuda paparota e miudo viño que tes, e de paso as miñas condolencias pola recente perda.

E o da autocrítica, xa sabedes, será prá semana.