Viñeron onte á noite por nós, por Orang e por min. A mamá quixo meterse no medio, cuspíu ó soldado que me quería levar preso e bateulle na cara ó que termaba para levar ó Nadim, o fillo maior dos veciños. Custounos horrores que non a levaran connosco. Razoei un anaco cos das metralletas e conseguín que deixaran a Orang na casa. Estou convencido de que sairei ben desta. Semellan xente razoable. O Nadim dubida e tento animalo.
Batéronos nada máis chegar ó cuartel. De feito, xa nos cuspiron e tiraron pedras e vasos segundo entrabamos no campo militar. Cústame animar a Nadim e ós demais, porque teño unha brecha na cella dereita que sanga sen parar. Os soldados borrachos que asediaban o camión non me certaron, pero o sarxento que goberna o pelotón si que me atinou coa pistola. Xa non me parecen tan razoables, pero tento tranquilizar ós compañeiros.
Un rapaz que vai connosco e que se chama Nallam, empeza a berrar. Temos que calmalo como podemos, porque o sarxento, que non cheira para nada a alcohol pero debe tomar algunha outra substancia, manda parar, abre a porta e asoma a pistola cada vez. De feito, Karim, o tipo que está ó lado de Nadim, ten un tiro nunha perna dun rebote. Todos rezamos a Alá para que o sarxento non dispare, e para que deixe de tomar o que sexa que se está a meter.
Acabo de ver, cando o sarxento abre a porta, pouco antes de abrirme a outra cella, que estamos chegando ó monte da Muller Deitada. Pensei que estabamos máis lonxe da casa e empezo a ter esperanzas. Ó mellor ceibannos eiquí e podemos estar na aldea en menos dunha hora, coa lección aprendida.
Mándannos sair do camión. Apartan e levan con eles a Karim. Lévano con moita delicadeza, supoño que a unha ambulancia da cruz vermella que vimos pola regaña da porta antes de pararen o camión. Para min que están a punto de mandarnos á casa. Non sei por que, pero de súpeto lémbrome do arrecendo das filloas de millo miudo. O sarxento está levando unha boa por partirme as cellas. Acabo de ver a un tenente ou algo así mandarlle unha bofetada que case o chimpa. O tenente mira para min e sorrí amistoso.
Trabuqueime. O tenente acaba de darlle unha puñada fortísima no peito ó Nadim, que non pode evitar caer. Xa no chan, mándalle dúas patadas nas costelas antes de berrar algo en americano. Un soldado moreno traduce: “Íspete. Saca os pantalóns. Queremos ver que non levas unha bomba atada ó corpo”. Nadim, o meu amigo que me levou espiar a poza na que se bañan as mulleres, xa é maior. Ten quince anos. Baixa os pantalóns e mira para nós cun medio sorriso. Chíscolle o ollo sen que nos vexa. O chiste é que os soldados teñen o rifle grande pero a pirola pequena.
Non nos da tempo a saborear a camaradeiría. Nunha sucesión de ordes, obrigan ó Nadim a quitar tamén os calzóns e refucir a camisola. Estou medio asustado, porque se me fan baixar a min os pantalóns van descubrir que non teño para calzóns. Un soldado moi noviño saca unha cámara dixital e empeza a tirarlle fotos ó Nadim. É curioso, pero inda nantronte estabamos falando de aforrar entre toda a tropa para mercar esa cámara. Pídolle que nos fotografe ós que estamos esperando, e mándanos unha ducia de flashes. Nunha delas, achégase a nós e plántame a compacta no narís. O que me faltaba. Xa non sei por que parte da cara non sango. O soldado americano ri.
De súpeto, todo se transforma. O Nadim está refucindo a camisola, cos pantalóns e os zapatos baixados, e pon cara di rir do noso chiste. Oense tiros. Vexo a cabeza do Nadim, da que só queda a cara. E vexo unha pistola cun burato coma un túnel, e vexo lume.
2 comentários:
Moi bo relato... podería ter sucedido en calquera lugar do mundo e neste ou noutro tempo pasado ou futuro con estes ou outros protagonistas coñecidos por nos ou non. Parabéns!
Grazas, Xosé. Ando estes días un pouco ocupado e non tiven tempo de respostarche. A verdade é que certache de pleno. Púxenlle nomes afgáns ós protagonistas, pero a idea era expresar a indefensión dos "danos colaterais" de todas as guerras e mesmo dos 'excesos' do poder.
Postar um comentário