Saio da casa e camiño case dous quilómetros ata o meu posto de traballo. Camiñar é bo, mais afortunadamente non estou obsesionado pola miña lingua, porque deixando a parte unha "Perruquería" unisex, e dous bares, tódolos establecementos están rotulados en castellano. Curiosamente, unha porcentaxe abrumadora de quen os atende usa o galego como lingua habitual. Pensa en galego, inda que por veces ou todo o tempo sinta complexo de inferioridade e salte a un castellano abaneante pra agasallar ó cliente castrapeiro ou quedar ben diante do provedor vigués. No limiar do choio hai un anuncio en octavilla amarela "Se compra oro", que xa non é o primeiro nestes tempos de crise, e un aviso do Servizo de Limpeza do Concello de Ourense. É o único en galego. O miolo do texto está en correcto castellano. Recollo a publicidade, deixando a máis nova. Toda, agás a dun supermercado propiedade dun concelleiro nacionalista dunha vila cercana, está en castellano.
A media mañá, chamo á sede de Vigo da empresa que se ocupa das caldeiras de gas natural, por facerlle un favor a unha veciña anciá. A miña interlocutora dime co seu peculiar acento atlántico que non me entende. Baixo o nivel ata o de pailana de cidade e chórolle un pouco coa idade e o estado físico da miña protexida. Accede por fin a mandarlle un técnico.
Segundo chego á casa, despoixa de facer ó revés o mesmo percorrido, chámanme de movistar. Agora o que non entende moito son eu, porén ser o meu castellano mellor que o de moitos académicos da súa lingua. Un individuo co deixe e nugalla lingual transatlántico pretende colarme un novo servizo da empresa telefónica. Recurro a non ser galegamente amable e pasarme ó castellano. Ó cabo de só un minuto, o pobre asalariado desiste.
Teño un intre para abrir o correo. Hai unha notificación da Consellería de Política Territorial, que tamén remata aí o seu galego. Todo o resto ven en castellano, incluído un impreso para rechear cos meus datos. Gárdoa coas demais, que chegaron cando o PsóE era quen levaba esa consellaría, cos mesmos impresos en castellano.
Prendo un anaco a tele. Teño as canles de pago de R. O pago actualízase cada ano, pero as canles de pago cada vez meten máis anuncios. Isto non ten ren a ver co tema da lingua, pero tamén me fode un anaco bo. Teño a elixir, entre unhas e outras, unhas cen canles. Só dúas, a Telegaita e a Telegaita TDT, maltratan a lingua galega. Todas as demais, a que maltratan é a lingua castellana.
Podo seguir así ata a noite, ó longo da semana, do mes, do ano. Claro que coa familia e os amigos falas en galego, pero case só é o que hai.
Cre alguén que houbo ou hai imposición do galego? Si. Tamén hai unha boa porción de xente que cre nun amigo imaxinario e non pasa nada.
Qué orelladas!
Nenhum comentário:
Postar um comentário