sábado, 31 de dezembro de 2016

Uvas de aninovo, un costume madrileño

Esta noite toca papar unha ducia de uvas, si ou si. É tradición, igual que torturar un boi ata a morte ou rirse dos parvos. No estado español non callará a tradición de regalar libros, pero calquera estupidez arraiga enseguida.
Parece ser que a finais do século XIX, en Madrid, ante un edicto represivo do alcalde, algúns cidadáns decidiron representar na rúa as ceas da alta burguesía con esa retranca madrileña que os caracteriza. Esta cea incluía uvas, un produto moi exclusivo porque non era época delas, así que os simpáticos foron á Puerta del Sol papar un bago con cada badalada. O chiste transformouse en tradición como se estendeu a peste ou a tuna, por osmose entre iguais, como GH ou OT –MYHYV queda como caso aparte para monguers premium. Para acabala de rematar, en 1909 houbo unha colleita enorme de uva en Alicante e a campaña para vendela viña ó pelo para tapar os excesos gobernamentais dese ano. Estaba servido o escenario para que cen anos máis tarde haxa que esganarse co froito da vide mentres escoitas estupideces e badaladas ata nas teles autonómicas.

Pola miña parte, este ano non. Que o ano sexa bo e punto. A ver se os cataláns van abrindo o camiño da independencia e boa parte do meu pobo abre os ollos.
Feliz 2017 e a Madrid deséxolle que pronto xa só sexamos veciños.

sexta-feira, 9 de dezembro de 2016

Só unha presa de bits

En 2003, o profesor de filosofía británico Nick Bostrom suscitou a posibilidade de que o universo observable sexa unha simulación informática. En 2012, dous físicos da Universidade de Washington en Seattle e un da Universidade de Bonn publicaron un traballo conxunto no que establecían as bases teóricas desa hipótese. Como din eles, “en principio, sempre queda a posibilidade de que os simulados descubran ós simuladores”.


Deume por xogar un pouco a Matrix no segundo conto para a revista Terra deOutes. Trátase de ciencia ficción, como demostra o feito de que a nova do xornal estea escrita en galego. Como soe dicirse nestes casos, calquera parecido coa realidade é mera coincidencia.

Símbolo



Cando saín do aseo, quedei unha fracción de segundo prendido no smiley con pingas de sangue debuxado no interior da porta. O artista ata se molestara deseñando as gotas noutra cor.


O Anxo seguía remexendo no café coa mente aparentemente concentrada na lectura do xornal.

Encontrado morto o catedrático e investigador Xosé Anxo Camalo
O corpo do científico apareceu desangrado, cos pulsos abertos e sen outro signo de violencia, na bañeira da vivenda unifamiliar que habitaba na Rúa de San Lázaro desta cidade. Á espera dos resultados da autopsia, todo apunta a un suicidio.
O científico desenvolvía a súa actividade docente e investigadora nas Facultades de Física e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. No seu despacho desta última, recibiunos amablemente a semana pasada. Para este xornal, comentou entre outras cousas o seu uso presuntamente abusivo das instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia CESGA, relacionado co caso de prevaricación que investiga a xuíza Arqueta, no que estarían implicados altos cargos da Consellería de Industria e incluso o propio conselleiro.



Senteime sen que se decatara e dixen o primeiro que se me ocorreu para chamar a súa atención:
- Xa estará o azucre disolto, ou?
Levantou a vista, aínda coa mirada un pouco perdida.
- Non te sentira. Fíxate que artigo máis ruín. Xa condenaron ó conselleiro e a min mesmo. É certo que estou usando moito tempo do Finisterrae, pero grazas a iso temos avanzado nuns meses máis que en todos os anos que levamos de investigación.

Deixei que se estendera un pouco, porque semellaba facerlle ben, e despois pregunteille polo que xa medio me explicara por teléfono.

- É a penas a punta dun fío da trama, pero é o principio de todo o demais. Temos a linguaxe que describe o Universo e xa só nos falta desenvolvela para que o abarque todo. Vas ser dos primeiros en velo.

O sábado estabamos os dous nunha sala grande do CESGA, rodeados dun rumor electrónico. Díxome de sentar nunha cadeira cómoda mentres el sentaba enfronte diante dun monitor e un teclado. Despois levantouse, alongoume un aparello e axudoume a colocalo na cabeza.
- Parecen unha gafas de realidade virtual.
- Si. A forma é a mesma, pero o principio é un chisco diferente- dixo, con ese ton retranqueiro que di moito máis do que contan as palabras.
Así que puxen aquel casco.


Souben da morte do Anxo de forma un tanto brusca. Recibín unha chamada desde o seu número pero quen se puxo ó teléfono resultou ser un inspector de policía. Sempre pensei que os policías non son especialmente educados nin amables e este non fixo por quitarme esa idea. Nin gardei na memoria o seu apelido. Informoume a un tempo de que o meu figuraba na guía do profesor como teléfono de emerxencia, do seu presunto suicidio e de que se me requiría inmediatamente, e insistiu no de inmediatamente, para aclarar as posibles causas e descartar un homicidio. Naquel momento, non desbotaba eu esta posibilidade. No noso último encontro, só uns días antes, amosárase entusiasmado polos últimos avances no que el chamaba o traballo de unha vida. Estaba, dixera, moi preto de rematar unha sección do deseño, e iso sería como chegar ó elevador que conduce á cima despois de anos de escalada, e ter o dedo no botón.

Esquecía contarche que o traballo do profesor –parecerache disparatado- consistía na procura do símbolo perfecto, o que definiría a totalidade do Universo. Empregando unha mestura de fractais, iconografía, metalinguaxe, que sei eu, e unha morea de coñecementos, levaba dúas décadas dedicado a profundar no que chamaba, retranqueiro porque era profundamente ateo, a escritura de Deus. Dicía que avanzara máis no último ano que en todos os anteriores. Por fin conseguira tempo no Centro de Supercomputación de Galicia para acelerar os cálculos das súas ecuacións, que implicaban unha infinidade de factores, por non falar da propia representación do símbolo. 
Naturalmente, non contei nada de todo isto á policía. Limiteime a explicarlles o estado de ánimo no que o vira por última vez. Despois dunhas horas, a maioría de espera en asentos dun frío corredor, deixáronme marchar co meu baleiro. Sempre é lamentable a morte, máis cando é a dunha boa persoa, un erudito e, sobre todo, un bo amigo. Cando por fin estaba fóra da vista da comisaría, nun recuncho da Alameda, permitín que se me encollera o corazón e embazaran os ollos.


Ó día seguinte tiña unha carta súa na caixa de correo, a carón das facturas. Símbolos. Facendo un esforzo, conseguín subir ata o andar, abrir a porta con man trémula e sentarme no salón antes de abrila. Era concisa, como fóra o autor:

Benquerido Xaime, o símbolo xa está escrito, e non somos nin o til. Bostrom non ía desencamiñado. Isto é unha caixa de Pandora e xa apareceron forzas que non dubidarían en cometer calquera atrocidade con tal de que non se coñeza a verdade. Só ti e máis eu sabemos que estás no secreto. Recoméndoche que destrúas esta carta en canto a leas, esquezas o asunto e ata que algún día me coñeciches. Supoño que é un adeus.

Unha inmensa aperta do teu amigo
Anxo.



Estaba metido en algún líquido morno e custábame respirar. Tentaba bracear na procura de luz e ar, pero nin brazos nin pernas me obedecían. Sentín que alguén turraba da miña cabeza e cando abrín os ollos alí estaba o Anxo, coa súa bata de laboratorio engurrada e cara de preocupación. O zunido aumentara varios decibelios na gran sala, así que case tivemos que berrar para oírnos.
- Estás ben?  Podémolo deixar para outro día.

- Si. Será mellor deixalo, meu.

domingo, 16 de outubro de 2016

Un recanto de paz


O mundo era de pedra e madeira, ferro e tela. Terra, auga, lume e aire do pobo. Mulleres de pedra baixaban coa tina de roupa á cabeza camiño do regueiro. Había un lavadoiro ben preparado e cómodo pé da estrada que viña da capital, pero algunhas por quedarlles lonxe e as máis por buscar o fresco, no verán preferían aquela alternativa, nun recanto da canle protexido a nacente e poñente por senllos muros dun casarío e unha viña.
O regato baixaba ledo nas pendentes, melancólico nas chairas, desmedrado porque era o estío. As mulleres ían buscar a sombra dos amieiros onde usaban de lavadoiro unha poza pouco profunda que elas mesmas prepararan e na que cada unha arranxara a súa pedra cunha cara máis ou menos lisa para poder refregar a roupa. De xeonllos na herba ou nunha peza de roupa que quedaba para o final, mergullaban, degrumaban, batían e refregaban varias veces antes de enxaboar con xabón Lagarto ou, as máis das veces, cun caseiro elaborado a base de sosa e graxa animal, o que lle daba un aspecto comestible. Despois repetían a operación de bater e refregar antes de escorrer e devolver a roupa xa lavada á tina. Laretaban de todo o humano, criticaban ós veciños e rían moito. Pobre da que ese día non estivese no corro.
Despois, rematado o traballo case simultaneamente con independencia da cantidade que levase cada unha, recollida a roupa nas tinas de latón e, axudándose unhas ás outras a erguer, cargábanas sobre a cabeza en equilibrio, amortecida a presión por unha rodilla de pano. Marchaba entón cada unha tendela na casa, na horta ou onde mellor lle parecese.
Quedaba aquel curruncho tranquilo do mundo só para os seus outros habitantes. Inda ben non se silenciaran na distancia os pasos das lavandeiras, tomaban a charca os zapateiros, tan leve fóra a agresión, e pelexaban por un anaco do territorio. As rás, pequeniñas como saltóns, eran máis tímidas e dúas ou tres aparecían pasado un tempo. Cabaliños do demo azul metálico despegaban entón dos seus pousadoiros para disputarlles os bocados voadores.
Chegaba a hora da sesta e unha figura pequena e delgada aparecía polo sendeiro. Seguramente xa traía na man unha vara acabada de cortar cun coitelo collido emprestado do comedor. As mellores eran as de vimbio, coas que rozaba limpamente a herba que nacía pé dos muros.
Nun mundo sosegado, do que era amo e señor, navegaba barcos de papel cando o había, e senón de cortiza de piñeiro ou simples follas secas dos propios amieiros. Pousaba os navíos corrente arriba e íaos esperar na poza, disputáballa con eles ós zapateiros en guerras cruentas só na imaxinación do pequeno. Arrincaba a semente da avea e bombardeaba con ela amplas zonas da charca, provocando o pánico dos seus habitantes. Cazaba os cabaliños chegando silandeiro desde atrás e apreixándolles as ás con dous dedos, para ceibalos inmediatamente despois de miralos un intre ás mil facetas, polo puro pracer de demostrarlles quen mandaba naquel tramo do río.
Cada vez máis, a medida que pasaba o tempo, conformábase con sentarse nunha pedra, nun tronco inclinado ou nunha póla baixa, e disfrutar daquela paz inabarcable que, por algunha razón, non era quen de levar consigo.
Pasaron os anos. O neno fíxose mozo e un día, antes de marchar lonxe, escribiu na cortiza dun dos amieiros aquela frase atribuída ó xefe Seattle, que resultaría tristemente profética:
“Cando se corte a última árbore, cando se envelene o último río, cando se mate o último animal, o home decatarase de que o diñeiro non se come”

Pasaron os anos. O mozo fíxose home e soubo que o novo propietario da viña cortara os amieiros porque lle facían sombra ás cepas. O novo propietario da viña pronto morreu de vello. Pouco lle aproveitou a cobiza e ruindade.
Pasaron os anos. O home volveu ó seu curruncho tranquilo. As pedras de lavar estaban movidas. Non había amieiros. Non había zapateiros, nin rás, nin cabaliños do demo. Aquel recanto de paz inabarcable xa non estaba máis que na súa memoria.


E o neno chorou.

Espreguizándose

Espreguizarse, despois dunha sesta de anos, como Ero de Armenteira pero sen visións do Paraíso, e porse en marcha outra vez; velaí o que lle toca ó vello Vinte arrobas. E qué mellor que cun contiño que andaba hai tempo dando voltas e non acababa de tomar forma.
Acaba de publicarse na revista Terra de Outes, co pseudónimo de Henrique Figueiredo.