En 2003, o profesor de filosofía británico Nick Bostrom suscitou a posibilidade de que o universo observable sexa unha simulación informática. En 2012, dous físicos da Universidade de Washington en Seattle e un da Universidade de Bonn publicaron un traballo conxunto no que establecían as bases teóricas desa hipótese. Como din eles, “en principio, sempre queda a posibilidade de que os simulados descubran ós simuladores”.
Deume por xogar un pouco a Matrix no segundo conto para a revista Terra deOutes. Trátase de ciencia ficción, como demostra o feito de que a nova do xornal estea escrita en galego. Como soe dicirse nestes casos, calquera parecido coa realidade é mera coincidencia.
Símbolo
Cando saín do
aseo, quedei unha fracción de segundo prendido no smiley con pingas de sangue
debuxado no interior da porta. O artista ata se molestara deseñando as gotas
noutra cor.
O Anxo seguía remexendo no café coa mente aparentemente concentrada na
lectura do xornal.
Encontrado morto
o catedrático e investigador Xosé Anxo Camalo
O corpo do científico apareceu desangrado, cos pulsos
abertos e sen outro signo de violencia, na bañeira da vivenda unifamiliar que
habitaba na Rúa de San Lázaro desta cidade. Á espera dos resultados da
autopsia, todo apunta a un suicidio.
O científico desenvolvía a súa
actividade docente e investigadora nas Facultades de Física e Filoloxía da
Universidade de Santiago de Compostela. No seu despacho desta última,
recibiunos amablemente a semana pasada. Para este xornal, comentou entre outras
cousas o seu uso presuntamente abusivo das instalacións do Centro de
Supercomputación de Galicia CESGA, relacionado co caso de prevaricación que
investiga a xuíza Arqueta, no que estarían implicados altos cargos da
Consellería de Industria e incluso o propio conselleiro.
Senteime sen que se decatara e dixen o primeiro que se me ocorreu para chamar a
súa atención:
- Xa estará o azucre disolto, ou?
Levantou a vista, aínda coa mirada un pouco perdida.
- Non te sentira.
Fíxate que artigo máis ruín. Xa condenaron ó conselleiro e a min mesmo. É certo
que estou usando moito tempo do Finisterrae, pero grazas a iso temos avanzado
nuns meses máis que en todos os anos que levamos de investigación.
Deixei que se
estendera un pouco, porque semellaba facerlle ben, e despois pregunteille polo
que xa medio me explicara por teléfono.
- É a penas a punta dun fío da trama, pero é o principio de todo o demais.
Temos a linguaxe que describe o Universo e xa só nos falta desenvolvela para
que o abarque todo. Vas ser dos primeiros en velo.
O sábado
estabamos os dous nunha sala grande do CESGA, rodeados dun rumor electrónico.
Díxome de sentar nunha cadeira cómoda mentres el sentaba enfronte diante dun
monitor e un teclado. Despois levantouse, alongoume un aparello e axudoume a
colocalo na cabeza.
- Parecen unha
gafas de realidade virtual.
- Si. A forma é a
mesma, pero o principio é un chisco diferente- dixo, con ese ton retranqueiro
que di moito máis do que contan as palabras.
Así que puxen aquel casco.
Souben da morte do Anxo de forma un tanto brusca. Recibín unha chamada
desde o seu número pero quen se puxo ó teléfono resultou ser un inspector de
policía. Sempre pensei que os policías non son especialmente educados nin
amables e este non fixo por quitarme esa idea. Nin gardei na memoria o seu
apelido. Informoume a un tempo de que o meu figuraba na guía do profesor como
teléfono de emerxencia, do seu presunto suicidio e de que se me requiría
inmediatamente, e insistiu no de inmediatamente, para aclarar as posibles
causas e descartar un homicidio. Naquel momento, non desbotaba eu esta
posibilidade. No noso último encontro, só uns días antes, amosárase
entusiasmado polos últimos avances no que el chamaba o traballo de unha vida.
Estaba, dixera, moi preto de rematar unha sección do deseño, e iso sería como
chegar ó elevador que conduce á cima despois de anos de escalada, e ter o dedo
no botón.
Esquecía contarche que o traballo do profesor –parecerache disparatado-
consistía na procura do símbolo perfecto, o que definiría a totalidade do
Universo. Empregando unha mestura de fractais, iconografía, metalinguaxe, que
sei eu, e unha morea de coñecementos, levaba dúas décadas dedicado a profundar
no que chamaba, retranqueiro porque era profundamente ateo, a escritura de
Deus. Dicía que avanzara máis no último ano que en todos os anteriores. Por fin
conseguira tempo no Centro de Supercomputación de Galicia para acelerar os
cálculos das súas ecuacións, que implicaban unha infinidade de factores, por
non falar da propia representación do símbolo.
Naturalmente, non contei nada de todo isto á policía. Limiteime a explicarlles
o estado de ánimo no que o vira por última vez. Despois dunhas horas, a maioría
de espera en asentos dun frío corredor, deixáronme marchar co meu baleiro.
Sempre é lamentable a morte, máis cando é a dunha boa persoa, un erudito e,
sobre todo, un bo amigo. Cando por fin estaba fóra da vista da comisaría, nun
recuncho da Alameda, permitín que se me encollera o corazón e embazaran os
ollos.
Ó día seguinte tiña unha carta súa na caixa de correo, a carón das
facturas. Símbolos. Facendo un esforzo, conseguín subir ata o andar, abrir a
porta con man trémula e sentarme no salón antes de abrila. Era concisa, como
fóra o autor:
Benquerido Xaime, o símbolo xa está escrito, e non somos nin o til. Bostrom
non ía desencamiñado. Isto é unha caixa de Pandora e xa apareceron forzas que
non dubidarían en cometer calquera atrocidade con tal de que non se coñeza a
verdade. Só ti e máis eu sabemos que estás no secreto. Recoméndoche que
destrúas esta carta en canto a leas, esquezas o asunto e ata que algún día me
coñeciches. Supoño que é un adeus.
Unha inmensa aperta do teu amigo
Anxo.
Estaba metido en algún líquido morno e custábame respirar. Tentaba bracear na
procura de luz e ar, pero nin brazos nin pernas me obedecían. Sentín que alguén
turraba da miña cabeza e cando abrín os ollos alí estaba o Anxo, coa súa bata
de laboratorio engurrada e cara de preocupación. O zunido aumentara varios
decibelios na gran sala, así que case tivemos que berrar para oírnos.
- Estás ben? Podémolo deixar para outro
día.
- Si. Será mellor
deixalo, meu.