segunda-feira, 20 de março de 2017

O revólver

–O momento de marchar as moscas é cando ven o rabo.
–Ei, qué? – Custábame saír do sopor.
–Hai que marchar.
–Os lagartos?
–Si. Non veñen por nós, tranquilo. Tamén se veñen ocupar, pero temos que liscar. Colle a roupa e as armas. Xa te vestirás na calexa.
Xa estaba poñendo as botas. A Minia espertaba coa axitación.
–Mmm... pasa?
–Marcho, que teño que marchar.
–Tomé?.
–Qué?
–Dime que non teño as pernas gordas.
–Non tes as pernas gordas.
Xa estaba na porta. É mentira. A Herminia ten as pernas gordas, si, pero ben feitas. Ademais ten outras virtudes. Ningunha outra se houbera botado a min sen antes bañar a sucidade de un mes no monte, lavándome como os gatos cando se podía.
–Daquela, o día da feira.
–Si. Na feira do seis. Cómpralle roupa de abrigo ós rapaces, e víveres. Levades unhas cestas, como se fosedes comer de campo, e tirades ata o Souto. Alí xa vos saio eu. Quédanche duascentas pesetas debaixo da almofía.

O Sindo esperaba no corredor, medio en coiro, nunha man a roupa e o macuto e a pistola na outra. Saltamos por unha fiestra á calexa que comunica a rúa e a ribeira. Fedía a mexo. Buscamos un lugar seco e agochado onde acabarnos de vestir.
–Qué era iso da feira?
–Voume con ela. Ímonos a América, a México. Xa teño pasaxes nun barco que sae de Lisboa o quince.
­–Pero, coa Minia? Se é unha puta.
–Xa. E quen non é unha puta nestes días?
–Só digo, xa sabes, que a cabra tira ó monte.
–Mira, Sindo, – respirei profundamente – a Minia perdeu ós pais o primeiro ano da guerra. El estivo nas gardas roxas que se formaron, con armas confiscadas, para manter a orde. Cando se disolveron ó saberse que o exército controlaba a situación en Ourense, foise a casa. En setembro, viñérono buscar e nunca máis se soubo.
“A nai perdeu a cabeza. Din, pero seguramente non son máis que rumores, que lle contara todo en confesión ó cura que lle denunciou ó home. E a Minia, que era a maior, tivo que ocuparse dos tres irmáns. Despois foi cando raparon ás mulleres dos fuxidos e dos mortos, déronlles aceite de rícino e paseáronas arriba e abaixo pola vila. Tocoulle á Minia, porque a nai xa parecía un peixe. Puido ser ó ver á filla chegar rapada e sucia da súa propia merda, pero a nai, que xa non reaccionaba, colgouse dunha trabe da corte. A Minia tivo que buscarse a vida para manter ós irmáns.
“Aí tes á túa puta.
–Retiro o que dixen. Teño algúns cartos, se queres.
–Gracias. Teño todo arranxado. Pídoche só que non o comentes.
–Eu non sei nada.

Gastamos o día nun salgueiral pé do río, fóra da vista tanto da poboación como da outra beira. As horas pasaron lentamente sen poder nin fumar para non delatar a nosa presenza. Chegou a noite. Polo camiño máis longo, contornando a vila, achegámonos á casa rectoral desde o norte. Deixamos os macutos ben ocultos entre unhas matogueiras. Chamamos á porta, uns golpes tímidos, contidos, como se fósemos suplicar os últimos sacramentos para un defunto.
“Se son máis bocalán, cólleme un chanco”, ía pensando. Non se me quitaba da cabeza. O Tomé ía diante, cara contrita e gorra entre as mans. O revólver oculto no pantalón. O revólver que eu mesmo anotara a nome de Belarmino Rubiana, sacerdote, cando tomaba nota da incautación. O cura recibiunos coa escopeta na man. Había que ter coidado e andar áxiles.
–Don Belarmino...
Non lle deu tempo a máis. O cura coñeceume, a pesar de ter a gorra baixada e buscar as sombras.
–Sindo. Roxo do demo, qué fas eiquí?
O Tomé foi sacar o revólver e chegou a telo na man. O cura disparoulle os dous canos no peito. Os nervios. Mentres o Tomé caía, disparei ó cura. Caeu batendo cunha arca e acabou sentado contra a parede. Non estaba malferido, pero a súa actitude cambiara completamente:
–Non me mates, Sindo. Sindiño, non me mates. Xa sabes que fun eu quen te bautizou.
Apañei do chan o revólver do Tomé. Non había moito tempo. Con tanto tiro, seguro que xa alguén corría dar a alarma ó cuartel.
–Sindiño, ten piedade. Sindiño...
Apuntei o revólver coidadosamente.
–Don Belarmino, só lle devolvo o que é seu.
O 38 bateulle no medio do peito e por fin calou.

O Sindo desembarcou en Veracruz, xunto con Minia e as dúas irmás pequenas –Ramiro, o segundo, non quixera acompañalos.  A súa intención era seguir ata Newark, onde tiña familia, en canto reunise algo de diñeiro. Acabou retomando o seu antigo oficio de taberneiro, casou coa Minia e criaron fillos jarochos. Á Minia levouna unha embolia en 1983. O Sindo volveu o Val, pero non encontrou acougo. Visitou cada sábado a Minia no Cementerio Particular de Veracruz, ata que en 1997 decidiu quedar con ela.

Nenhum comentário: