quinta-feira, 30 de outubro de 2008

Do not disturb

Estamos traballando pra vostede, desculpen as molestias. O lema das obras públicas, por moito que non deixe de ser dunha hipocrisía evidente, non se aplica no Concello de Ourense. Esta mañá tiven que entrar por rexistro uns documentos, dos que tres precisaban do correspondente cotexo. Pra matar dous paxaros dun tiro, preguntei na recepción onde mos podían compulsar e mandáronme a unha xanela na que me fixeron a conta pra ir pagar ó banco. Total 6,30 euracos. O tempo apremiaba, esí que alá me fun soltar a mosca, botando sapos e cobras pola boca.

Cando voltei e fun ó propio rexistro, que era onde mos tiñan que cotexar, o funcionario encargado non tardou nada en facelo. Tempo empregado: menos de un minuto e polo tanto menos de 0,05 € de salario do persoal. Custe do material gastado: menos de 0,01 €. En fin, un beneficio mínimo pró Concello de 6,24 euros.

A conclusión posible é que á Administración Local de Ourense non lle interesa que o público, os que pagamos os seus salarios, molestemos ós seus chicos cando están traballando. Cabe preguntarse en qué, e darlle a volta ó eslogan de Obras Públicas: Non queremos traballar, non molesten.

Afortunadamente, xa non vou ter que votar por ningún dises 27 inútiles. A lástima é que ista inutilidade, a pesar de todo premiada cun bó pico dos euros arrapañados ó Goberno central, vai afectar ó computo xeral de votos. E compren todos.

terça-feira, 28 de outubro de 2008

Outra de lingua

Agora que seguimos a voltas co bilingüismo, inda que Suso de Toro nos pida que pasemos das provocacións porque a lingua é un patrimonio de todos que simplemente non se debe discutir, no que non deixo de estar de acordo con il, vou comentar un feito que observei onte e que cando menos resulta rechamante.

Tocou mañá de médicos, porque acompañei ó meu pai que se operaba dun epidermoide no hospital e despoixa fun buscar a receita do antibiótico. Seguen a facer igual, cústalles moito facerche un papel que cuspe a impresora nun instante e ti, que tes tempo, veste obrigado a irlla pedir ó médico de familia. Pero o conto de hoxe vai por outros camiños. Resulta que na soa mañá e só entre os que esperaban ser atendidos no quirófano de dermatoloxía e os que máis rente tiña na cola pra pedir cita médica, catro persoas actuaron da mesma maneira.

Catro persoas de distintos xéneros e idades, da cidade e do rural, que se expresaban habitualmente en galego –polo menos esí o fixeron durante todo o tempo que os ouvín-, dirixíronse ó persoal sanitario e ós funcionarios de recepción en castelán. Da que pensar, porque cáles poden ser os seus motivos? A crenza de que van ser mellor atendidos ou entendidos? Nise caso, disinto. Sempre me dirixín ó persoal do SERGAS en galego e sempre fun ben atendido. Houbo algunha excepción, pero non tivo que ver coa lingua. As eivas da sanidade pública galega están na súa administración e non na competencia dos seus profesionais e funcionarios, nin na súa capacidade para comprender o que se lles transmite na lingua propia do país.

Quero dicir que se pode poñer uniforme ós funcionarios de recepción da Residencia, -tampouco pasaba nada porque seguiran "de calle"-, pódense poñer dispensadores de fundas para os paraugas –mira, iso non me parece mal, que aforramos en esvaróns-, e pódense tomar outras medidas de maquillaxe. Pero tamén se pode estudar a funcionalidade dos novos edificios antes de construílos, pódense prever e axilizar os trámites derivados dun tratamento e facilitarllos ós usuarios,...

E pódese falar galego, paisano, que non por tal che van derivar ó veterinario.

domingo, 19 de outubro de 2008

Comungar con rodas de muíño

Escribín o núcleo desta entrada vai pra quince días, publiqueina e despoixa penseino e borreina. Non quería ferir susceptibilidades nin ser políticamente incorrecto, inoportuno, inconvinte e o fato inteiro de ins que os acompañan. Daquelas estaba só un pouco incómodo e descontento. Daquelas. Hoxe estou bufando e hai unhas cantas cousas que gostaría de solucionar esfolando outras tantas mintiras para que a verdade resplandeza. Así, polas boas, físicamente, sen retóricas nin outras vaselinas da linguaxe. Como queira que a unha serie de benpensados sistemáticos e poderosos -porque os deixamos- non lles ía prestar que empezase a quentarlle o duro morro ós seus compañeiros e ibanme botar enriba ós seus cans de uniforme ou simplemente de óculos escuros, non me vai quedar máis remedio que soltar presión diste xeito.

Ista entrada íase chamar asem-oblea, pero creo que xa vai sendo hora de chamar ás cousas polo seu nome e o título que lle puxen, e que desta vez non lle vou quitar, axéitaselle moito mellor. Sen falsas retrancas, que o forno non está pra bolos e tanta nenobenez xa cheira a legoas de distancia, coma se fose a puñeteira caldeira inoperante de Coren.

Non sei cómo me deixei convencer, porque niste intre síntome como cando o gato acaba de lavar o cú e airea a boca cun azano de noxo de si mesmo. O domingo 5, alá lle fun coma delegado na asem-oblea, ou hostia que hai que tragar cos ollos pechados e os dedos no narís, e rematei votando a favor do único candidato a candidato polo BNG á Presidencia da Xunta de Galicia e, témome, duns cantos candidatos a cargos e carguiños que se outorgarán ledamente despoixa de "gañar" as vindeiras eleccións autonómicas. Qué burro fun! Qué burro son! Qué crédulo por pensar que a nosa casa estaba abondo limpa de Saulos convertidos á relixión trunfadora! Qué estúpido por non decatarme antes e poder escoller a tempo entre deixar o xogo ou colocarme, e ista decisión sería a máis improbable porque me cisco en todo amo e en todo escravo, na puñeteira recta de saída a base de dar moita coba nas voltas de clasificación.

Funlle vendo as orellas ó lobo, e despoixa os fuciños, e máis tarde os dentes, e ata chegou a me trabar. E eu caladiño, porque me convencín de que o lobo era un dos meus que simplemente facía aquilo por estratexia, cun fin. Así era, pero o fin non era precisamente acadar os obxectivos que entre todos nos marcaramos. O merdento fin era engordar.

Ó cabo, e á vista do que vou sabendo e que cada día me da máis gana de me trousar, considérome ceibo de compromisos. Alá cada puta co que fai da súa cona. E se os lobos me queren botar do seu rebaño, que o fagan. Se a codia que criei serveu pra me defender dos caciques, tamén valerá pra plantarlla nos fuciños a toda esta grea de invertebrados. Xa chegou de calar. Non pode ser que aquiles que menos pensan na Terra se lles encha a boca coa mariconada do nazi de JFK de "non preguntes o que América pode facer por tí, pregúntate o que tí podes facer por América". Xa o dicía Antonio Machado no seu Juan de Mairena: "Deixan o cocido e veña de burger kings. Xa veredes, nuns anos, americones todos". Non era exactamente iso, pero algo dicía.

Continuará... , ou non. De momento, xa me quedei un pouco descansado.