terça-feira, 28 de outubro de 2008

Outra de lingua

Agora que seguimos a voltas co bilingüismo, inda que Suso de Toro nos pida que pasemos das provocacións porque a lingua é un patrimonio de todos que simplemente non se debe discutir, no que non deixo de estar de acordo con il, vou comentar un feito que observei onte e que cando menos resulta rechamante.

Tocou mañá de médicos, porque acompañei ó meu pai que se operaba dun epidermoide no hospital e despoixa fun buscar a receita do antibiótico. Seguen a facer igual, cústalles moito facerche un papel que cuspe a impresora nun instante e ti, que tes tempo, veste obrigado a irlla pedir ó médico de familia. Pero o conto de hoxe vai por outros camiños. Resulta que na soa mañá e só entre os que esperaban ser atendidos no quirófano de dermatoloxía e os que máis rente tiña na cola pra pedir cita médica, catro persoas actuaron da mesma maneira.

Catro persoas de distintos xéneros e idades, da cidade e do rural, que se expresaban habitualmente en galego –polo menos esí o fixeron durante todo o tempo que os ouvín-, dirixíronse ó persoal sanitario e ós funcionarios de recepción en castelán. Da que pensar, porque cáles poden ser os seus motivos? A crenza de que van ser mellor atendidos ou entendidos? Nise caso, disinto. Sempre me dirixín ó persoal do SERGAS en galego e sempre fun ben atendido. Houbo algunha excepción, pero non tivo que ver coa lingua. As eivas da sanidade pública galega están na súa administración e non na competencia dos seus profesionais e funcionarios, nin na súa capacidade para comprender o que se lles transmite na lingua propia do país.

Quero dicir que se pode poñer uniforme ós funcionarios de recepción da Residencia, -tampouco pasaba nada porque seguiran "de calle"-, pódense poñer dispensadores de fundas para os paraugas –mira, iso non me parece mal, que aforramos en esvaróns-, e pódense tomar outras medidas de maquillaxe. Pero tamén se pode estudar a funcionalidade dos novos edificios antes de construílos, pódense prever e axilizar os trámites derivados dun tratamento e facilitarllos ós usuarios,...

E pódese falar galego, paisano, que non por tal che van derivar ó veterinario.

4 comentários:

xOsedorrio disse...

Son estereotipos herdados doutras épocas non moi lonxanas difíciles de desterrar, na que a lingua castelá era a lingua dos que mandaban, a lingua do poder. Dalle tempo. Conservase por inercia e por inercia irá desaparecendo.

Mariño disse...

A min danme vergoña meus compatriotas ás veces.

A semán pasada estaba eu falando cunha veciña (de profesión xuíza) e andaba a súa crianza por aló xogando cun moneco, e o neno no meio da súa xoldra soltou "o polo, o polo!" por o meco que tiña entre máns, entón ela recriminoulle toda enfurecida "mal! como se dice!? pollo, se dice pollo".

Porqué lle facemos isto aos nosos pícaros? Non ten ela estudos suficientes para comprender a realidade do país e falarlle ao seu fillo na nosa lingua?

A sorte é que a esta xente sempre lle sae un fillo comunista, nacionalista ou as dúas cousas de vez.

Saúdos!

Henrique disse...

Esperemos que a inercia funcione. Sempre me río eu só cando lembro un caso que vin nas galerías Proyflem hai poucos anos. Viña unha nai cunha filla cativa que debía estar empezando a falar -isa idade en que os nenos son tan encantadores para todo o mundo, inda que sexa a pior época prós pais-, e vai a dona dunha tenda que fala o galego habitualmente e sóltalle á pequena: "Y luego, cómo vinistes?".

Tiven que me morder a lingua pra non ceibar a gargallada. É que ós nenos hai que dicirlles sempre... o que sexa pero en castelán. XD

Anônimo disse...

In it something is. Clearly, thanks for an explanation.