quarta-feira, 18 de março de 2009

Veredicto XVI

Listos e raposeiros iles, inda que carezan de todo mecanismo intelectual e anulen o de calquera colega que o teña, os irmaus do hisope levan máis de 2.000 anos tomándolle o pelo -cando non directamente a carteira- a toda a sociedade. O negocio, que prosperou porque souberon no seu día arrimarse ó poder, non en van o pontifex era un alto cargo da administración imperial romana, algo así coma ministro de fomento, ameaza últimamente con entrar en crise. Algo cheira ó ermo en dinamarca. Mentres os prosmas istes loitaron a báculo partido contra o comunismo, a cousa iba de coña. Ata chegaron a ter presidentes, breves por outra parte, do país máis poderoso do mundo. Pero no momento en que o choio da oposición a rusia non pita, resulta que a peña se pon a rillar máis nos macmenús ca nas hostias. E vai agora o Ratzinger Z e saese cunhas declaracións, nada menos ca nunha viaxe á África do SIDA, falando coma esperto experto de que os preservativos non só non serven pra superar o problema, senón que contribúen a aumentalo. Haiche que ser ben irresponsable.

sexta-feira, 13 de março de 2009

Puntualizando

Toca comentar por qué me parece tan indixesta a análise que fai Anxo Quintana dos resultados electorais do 1 de marzo. En primeiro lugar, porque só se ocupa de por qué non se subiu en votos e pra nada de por qué se perdeu algo así coma o 15% en relación co 2005.
Perlas como a "consolidación do bipartito", a "importancia da nosa acción de goberno" ou os "cambios transformadores", que son galletas ácedas pra consumo interno, o alimento dos campións que levamos meses tragando sen axuda de licor algún, falan ben de por onde queren ir os tiros no seu proxecto de BNG. Mais as hipotéticas -digo eu, porque prá redacción parecen seren moi reais- causas de que palmásemos un deputado autonómico, non son precisamente o miolo da cuestión. O duro, o realmente duro, o que non hai moa que mastigue ven á hora de 'suxerir' as solucións. Coma un rapaciño emburricado arremete contra os 'sectores ultraminoritarios', así, sen nomealos concretamente, de xeito que un poida pensar no que lle pete, xa sexa externo ou interno, ou ata que ultraminoritario pode ser un mesmo en canto que non é moi dado a comungar con rodas de muíño, sobre todo se van seladas cun enorme Q.
Empezamos ben, pero máis adiante lucímonos inda máis: "...un novo posicionamento público do BNG ante o proceso de normalización lingüística ... aceptando ... o feito real dunha sociedade bilíngüe...", onde o que falta nos pontos suspensivos non é máis que retórica ou caramelo pra facer pasar o amargo da pilula. Ata a fala tivo a culpa do baixón electoral con tal de non asumir as propias responsabilidades. Porque, como insinuou onte o Jose Luis Gómez no editorial do Xornal, a renuncia de Quin a verse no futuro do Bloque cheira un pouco a seria esperanza de que despoixa lle pidamos por favor que volva.
Da redefinición dunha "nova relación co partido socialista baseada na aceptación e no respeto mutuo" xa prefiro nin falar.
E estas ideas son as que hoxe, dentro de poucas horas, vai poñer enriba da mesa pra "abrir un proceso de reflexión ordenado" e cun "compromiso de xenerosidade" por adiantado por parte de todos? De veras, como inda, cos seus incondicionais e coa UPG, conta cunha maioría entregada e eficaz no Consello Nacional, trémenme as perniñas de pensar o que poida decidirse na reunión. Se xa non chegaba con ter que prantarlle cara ó Feijoo9, agora tamén imos ter que desenroscarlle os parafusos a algúns que lle colleron moito amor á cadeira.

quinta-feira, 12 de março de 2009

Pero isto qué carallo é?

Qué diaño é iste documento infumable, que aparece publicado en Vieiros, seica remitido a 'diferentes' militantes por Anxo Quintana? Menuda análise! E menudos parches, medo me dan. Agora bilíngües!!! Négome frontalmente a que fagas-fagades do noso cú un pandeiro e do BNG unha casa de putas. Se de veras pondes os vosos cargos a disposición do que decida a militancia, xa tendes eiquí un partidario de que vaiades tomar o aire.

segunda-feira, 2 de março de 2009

Tengo la camisa negra

Hoxe vou poñer a camisa negra. Estamos de luto porque definitivamente morreu a intelixencia e o pobo perdeu o norte e avanza cara atrás coma os cangarexos. Non desboto que o enganaran un pouco con vellas mintiras e mintiras novas coma a do subidón da participación. De feito a dereitona máis rancia representada por Feijoo 'n Company a penas subeu 3.000 miserentos votos que lle sobraron pra acadar dous deputados máis e o total de votos foi menor que hai tres anos e medio. De ónde sacaron os medios e a administación que se subiran máis de seis pontos porcentuais na participación? Ónde foron parar ises máis de 300.000 votantes que se contaron no 2005 e non agora? Foi obxectiva ou tendenciosa a información de sobremesa (precisamente cando a esquerda nugallá decide se vai votar) de que se pasara dun 4% menos de participación ó mediodía a un 3% máis?
E cómo se sentirán arestora ises 45.000 votantes nacionalistas que decidiron non votar ou exercer o voto protesta? Espero que ben mal, porque ós demais deixáronnos feitos unha merda. Gracias.