sexta-feira, 13 de março de 2009

Puntualizando

Toca comentar por qué me parece tan indixesta a análise que fai Anxo Quintana dos resultados electorais do 1 de marzo. En primeiro lugar, porque só se ocupa de por qué non se subiu en votos e pra nada de por qué se perdeu algo así coma o 15% en relación co 2005.
Perlas como a "consolidación do bipartito", a "importancia da nosa acción de goberno" ou os "cambios transformadores", que son galletas ácedas pra consumo interno, o alimento dos campións que levamos meses tragando sen axuda de licor algún, falan ben de por onde queren ir os tiros no seu proxecto de BNG. Mais as hipotéticas -digo eu, porque prá redacción parecen seren moi reais- causas de que palmásemos un deputado autonómico, non son precisamente o miolo da cuestión. O duro, o realmente duro, o que non hai moa que mastigue ven á hora de 'suxerir' as solucións. Coma un rapaciño emburricado arremete contra os 'sectores ultraminoritarios', así, sen nomealos concretamente, de xeito que un poida pensar no que lle pete, xa sexa externo ou interno, ou ata que ultraminoritario pode ser un mesmo en canto que non é moi dado a comungar con rodas de muíño, sobre todo se van seladas cun enorme Q.
Empezamos ben, pero máis adiante lucímonos inda máis: "...un novo posicionamento público do BNG ante o proceso de normalización lingüística ... aceptando ... o feito real dunha sociedade bilíngüe...", onde o que falta nos pontos suspensivos non é máis que retórica ou caramelo pra facer pasar o amargo da pilula. Ata a fala tivo a culpa do baixón electoral con tal de non asumir as propias responsabilidades. Porque, como insinuou onte o Jose Luis Gómez no editorial do Xornal, a renuncia de Quin a verse no futuro do Bloque cheira un pouco a seria esperanza de que despoixa lle pidamos por favor que volva.
Da redefinición dunha "nova relación co partido socialista baseada na aceptación e no respeto mutuo" xa prefiro nin falar.
E estas ideas son as que hoxe, dentro de poucas horas, vai poñer enriba da mesa pra "abrir un proceso de reflexión ordenado" e cun "compromiso de xenerosidade" por adiantado por parte de todos? De veras, como inda, cos seus incondicionais e coa UPG, conta cunha maioría entregada e eficaz no Consello Nacional, trémenme as perniñas de pensar o que poida decidirse na reunión. Se xa non chegaba con ter que prantarlle cara ó Feijoo9, agora tamén imos ter que desenroscarlle os parafusos a algúns que lle colleron moito amor á cadeira.

Um comentário:

Anônimo disse...

Na súa análise fálase de que se fixo unha mala lectura da "situación" política de Galiza. Supoño que quen fixo a análise postelelectoral é a mesma persoa e/ou que fixeron a análise preelectoral. Estánse lucindo!