segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

Sachando no Tarrío



Cando eu era pequeno, o sistema que che había era a EGB: Educación General Básica. Que o de General debía ser por un gordiño -ata que se puxo flaquiño e uns cantos ilusos ilusionáronse-, pequeno e con bigote que seica mandaba en todo. Se mandaría, que ata tiñan que facer as monedas coa súa cara. Mira que non habería por aí algún rei que fose máis guapo. Digo eu que sería por iso o de General, porque polo que che aprendían non sería, que todo era moi concreto. Había unha matería que lle chamaban relixión, pero en realidade era relixión católica. Había outra que lle chamaban historia, pero en realidade era o que o General contaba, e todo o demais estaba tan amputado como a parte de Rei de Galiza da porta de Afonso VIII en Viveiro. Inda había outra que lle dicían lenguaje, que cando chegou o 'gallego' pasou a chamarse lengua española, para distinguila. En lenguaje explicávanche cousas como os sintagmas nominales, esí a pau seco, sen salsa nin nada. A ver se che ían facilitar a aprendizaxe contándoche o que era un sintagma e que, por exemplo, fora unha unidade do exército ateniense -de 256 homes, un cuarto de Kb. Pois non. Tiñas que aprendelo porque si e o pé da letra. Todo ó pé da letra, que inda me lembro dunha boa labazada que mamei por dicir que os debuxos da cerámica grega eran de dous tipos: figuras negras sobre fondo vermello ou figuras vermellas sobre fondo negro, cando, burro de min, era ó revés: figuras vermellas sobre fondo negro, ou figuras negras sobre fondo vermello. Claro que o repartidor era esí, e converteuse pra min nunha representación palpable de que a transformación de dictadura en democracia era nada máis que un conto para inxenuos. Aquel ser patético, ignorante, brutal, machista, fascista, aproveitado, torturador, mal pai, covarde, túzaro e todos os adxectivos negativos que se che ocorran, que a nengún fallaba, aquel ser prosperou en democracia e de mestre de primaria inútil, acabou sendo un señor catedrático de pedagoxía inútil, pero con ducias de libros inútiles publicados e unha autoridade lamentábel (como se reflicte polas coleccións de plaxios e tópicos fascistas que son os 'seus' traballos) a quen reverenciar pola forza. Non outra cousa podía saír desta casa de putas, ou dictadura de mestriños que é cidade de Ourense, e a provincia se me apurades. Todo presuntamente, é claro.
E alá que me fun polas puntas dos follatos. Volveremos entrar en materia.

Nenhum comentário: