quinta-feira, 27 de março de 2008

Puro egoísmo

Ás veces hai que loitar contra as inxustizas, só por egoísmo, só porque o día de mañá nos pode tocar a nós ser as víctimas. Non son un Quixote, opino que cada un debe velar o seu para evitar que o fodan; pero, precisamente, cando evitas que te fodan, estás evitando que fodan a outro. E cada momento que un home-ou muller se rebela contra unha inxustiza, está conquistando un chanzo máis na escada da liberdade e da dignidade do ser humán.
Pois iso, fronte á chulería, especialmente a da Administración e os seus representantes, que poña a outra meixela o arcebispo de Compostela.
E outro día, xa falaremos do Goberno.

quinta-feira, 13 de março de 2008

Aves de presa

Hai vinte anos era eu asiduo da viaxe Ourense-Compostela. Daquelas leváballe duas horas e media, así fose o carro de mulas coma o camelo, para facer un pouco máis que cen quilómetros, cunha media de menos de 45 por hora. Iso cando non eran cinco horas, por accidentes técnicos.

Fai vinte anos, os únicos trens ou comboios para Portugal saían de Vigo unha vez ó día e chegaban a Vigo unha vez á noite. Se querías chegar a Porto dende Ourense, tiñas que baixarte en Guillarei e esperar dúas horas a que pasase o que viña de Vigo. Ademais, non era enlace, collíalo porque paraban alí un e o outro tren, pero o Vigo-Porto non esperaba por ninguén. Puiden comprobalo cando o que me levaba a Vigo estivo parado en Frieira case dúas horas por problemas técnicos, os eternos problemas técnicos, ou os eternos cruces con outros trens en sentido contrario, e para cando chegamos a Guillarei non me quedou máis remedio que coller o único taxi ata Valença. E inda bó que estaba alí o taxi. E inda bó que chegamos a Valença ó mesmo tempo que o comboio que quería eu coller.

O tren que fai a liña Castejón de Ebro-Iruña, de 70 quilómetros, para en tódolos apeadeiros, e inda así cubre o traxecto en 45 minutos. A media supera os 90 quilómetros por hora.

Hoxe, o traxecto Ourense-Compostela fano os mesmos trens en... duas horas e media. Pecháronse dende aquela moitos apeadeiros máis. A odisea para ir a Portugal segue a ser a mesma. Pasou unha xeración e os medios técnicos dos camiños de ferro galegos non mudaron, coma non fose para pior por achaques de idade.

Mais, tachán: Dannos o AVE, en realidade un TAV (ou Tren de Alta Velocidade), e xa está. O AVE ou o TAV é a fórmula máxica, a pedra filosofal, a panacea que vai solucionar todos os nosos problemas. Por un lado cabe aledarse de que non sexa un AVE coa E insidiosa, poren polo outro, ulo os problemas que soluciona ós usuarios dos trens galegos? E inda esperemos que non se use de xustificación para non investir un can nos camiños de ferro do País, coma de costume.

Vouno dicir claramente: señores vendedores de motos, poden vostedes instalar os luxos que lles pete, sempre e cando ANTES nos dean o básico. E o básico é dobre vía en tódolos traxectos, é dar cobertura a unha poboación dispersa coma a nosa volvendo parar nos apeadeiros, é crear unha comunicación regular con Portugal,...

Namentres, en canto un poida desprazarse entre Bilbo e Urduña -20 quilómetros- cada cuarto de hora, e para facelo entre Ourense e Ribadavia -20 quilómetros- teña catro trens diarios, e un diles ó módico prezo de 12 euros -0,60 por quilómetro-, a AVE podíana comer con cachelos.

sábado, 8 de março de 2008

Xantar

Non vou meterme agora a crítico de cociña, inda que probablemente estea máis capacitado que moitos que exercen de tales. Hoxe, por primeira vez, e por deber de amizade, fun a Expourense, e nada menos que a cear no Xantar. Por esixencias de número, collimos o menú do Xurés, e teño que dicir que o servizo foi impecable, cando non agarimoso.

O problema veu cos pratos. Xa me cheiraba mal tanto nome tan longo. Xa os sabedes: a cantidade, e moitas veces a cualidade, do prato vai en proporción inversa á lonxitude do seu nome. Empezaba o menú cun Querelle de mousse de ombreiro de porco larengo... Co cal, unha trapallada resesa de lacón. Alí ficou a maior parte. E o cheiro a Avecrem. Mimadriña, mareaba.

As tripas, de segundo, porén, merecían un notable alto se nos poñemos a cualificar. Únicamente requerirían un minutiño máis de cocción os garabanzos. E eran escasos, escasos, escasos. Ditosos recipientes xaponeses!

Veu despois o que pensei fóra a piece de resistence: a cachena con moitos palabros franceses. E veu acompañada co galo pica no chan. A cachena, deliciosa, e o galo, tres cuartos do mesmo. Lástima o recheo doce ser dátil. Demasiado seco. Probablemente a carne tan saborosa sentaríalle de carallo unha piña tropical en almibre. E dende logo, teñen que correxir o de deixarlle o oso ó dátil, ou iso ou van pagar moitos empastes.

O pica no chan sabía ben. Lástima únicamente de que a min me tocase o chan. Cociñetas, a carcasa é residuos, por se non o sabías.

O corzo, caralludo. Lástima do cheiro arrepiante a Avecrem que tamén destilaba. E do exiguo do prato. Dende logo, todo o conxunto non era para comer con Joaquín Rebolledo, o mellor da cea e para máis INRI, non era da comarca.

Os postres, sobresaínte, ben e moi deficiente, según falemos das filloas, o xeado de sopas de burro cansado e o cristal. O cristal, meniños, évos unha leite fritida rechea de FIDEOS!!! Cánto mal levan feito os programas de cuciña (cu-ciña) francesa da TV!

Inda porriba, a comida en vaixelas de prezo e o café en vasos de plástico. Iso sí, o licor de herbas estaba bó.

En fin. Primeira e última vez. Por 30 euros, máis os 3 da entrada, como o que quero, canto quero, e nun local mellor, mellor acompañado, non a dez metros do Rogelio da Arnoia, bluaarg, e promociono o sector hosteleiro do lugar onde como, non unha fundación cutre-salchicheira.

En fin. É tarde e mañán o día é longo.

quarta-feira, 5 de março de 2008

Palabras

Chamémoslles energúmenos, indesexables e canto cualificativo ruín e obsoleto se nos pase pola cabeza. É sinxelo. Non teñen defensores. Nengún fiscal ou xuíz vai dar orde de que os ampare un corpo de seguridade do estado ou un instituto armado. Os xuíces e os fiscais están para o que están: para defender ás ‘personas de orden’, para defender ó capital fronte ó provinciano. Así que, ceibemos a lingua a pracer e fagamos amigos coma nós: ‘personas de orden’. Ó cabo, vainos saír de balde. E as palabras non mancan, non sí?

Sería para rir, se non fose tan penoso e esperpéntico. O poder das palabras e a debilidade das palabras. Algunhas son tan febles que son arrinconadas polo meu procesador de textos ianqui ben pensante: prostituta, bastardo, fornicar, mear, culo, pedo (que podo entender o de mexar e o de peido, pero o cu é o cu, que por algo lle chamamos “que” á letra ‘q’, e todas as palabras que o substitúen son eufemismos; e o de bastardo e prostituta? Por iste e outros motivos sigo a considerar ós ianquis coma unhas monxas sádicas. Ademais, subráiame prostituta, pero non proxeneta. Hipócritas!). Outras, en cambio, teñen a forza amparándoas e son correctas para o Word: metralleta, fusil, paredón, coronel, misil. E por se non se defendesen soas, xuíces e fiscais están dispostos a facer un esforzo e mandar a corpos e institutos a protexelas.

As palabras e os contextos. A min tildáronme de sinvergonza e de irracional sen ter culpa algunha, simplemente por non querer someterme ós dictados das ‘personas de orden’, ises que sempre teñen a razón e pensan que os demais só somos os seus escravos. A min, e a outros, incluído un conselleiro, increpounos un grupo de ‘personas de orden’ cando celebrábamos un acto de campaña, gratuitamente, polo feito de non pertencer a un dos dous partidos con patente de corso e ós que sí protexeu de inxurias das mesmas ‘personas de orden’ o instituto armado. E se teño que querelarme con cada un dos monos amestrados que fan o xogo de palabras nazi-onalista, non podería saír dos xulgados.

Cando o ex-presidente da Xunta desculpaba os insultos e inxurias polo contexto da campaña, referíase únicamente ós proferidos por il ou o seu rabaño. O feito de chamar feixista a un feixista, que non se pode considerar delicto porque niste estado de dereito ser feixista non o é, e polo tanto non hai inxuria, sí está penado por xuíces e fiscais que están a esperar á mínima para saltar sobre todo aquil que non pertenza ó escolleito grupo das ‘personas de orden’. Utilizar o cargo público para beneficio persoal ou político é prevaricación, que sí é delicto. Aplíquese a lei.

Por certo, se digo que me cisco nas ‘personas de orden’, enténdase que evidentemente non se pode cualificar de inxuria, e líbreme ‘Dios’ de caer na ameaza. Son só palabras.

Candidatos

Quedan tres días campaña e inda é hoxe que as fotos de Rajoy e Zapatero son, quitando algunha despistada do candidato do PP, as únicas que se ven nos muros e letreiros de Ourense. É incrible o esforzo que están a facer tanto o PP coma o PsóE por convertir ésta e ,por feitos consumados, as vindeiras, nunha campaña presidencialista.

Fai algo máis de catro anos pensei en debuxar unha banda deseñada do Aznar e a Constitución na que aquil lle dixera á última “Tranquila, violareite pero non te reformarei”. Por aquelas datas viña o do bigote de declarar unha guerra sen seguir os cauces que a lei suprema estabelece. E declarar unha guerra, deixando a parte a lamentable perda de vidas, inocentes ou non, conleva que entren en vigor excepcións que contempla a propia Constitución, que, no artigo 15, deixa en mans dos sempre piadosos e comprensivos militares dispor a pena de morte. Eiquí hai quen me rebate que o Código de Justicia Militar aboliu tal pena, pero amiguiños as leises múdanse e algúns debecen por demostrar poder e cheirar un pouco de sangue, e o artigo 169 só estabelece que non se pode reformar a Constitución en tempo de guerra, non que o Código de Justicia Militar permaneza como está. A ver cando a algún dos que agora son tan progresistas e democráticos se lle ocorre (que tampouco é pedir tanto) que o 15 quede simplemente en “Queda abolida la pena de muerte”. E punto com.

Ven a conto porque semella que ambolosdous partidos maioritarios queiran importar de facto o modelo bipartidista ianque (Sí, ianque. E se ofenden ós fachas da cruz do sur, pois que os ofendan), sen reformar unha Constitución que estabelece claramente un modelo político, inda que outras cousas, como todo o Título II, sexan pouco claras e de todo incongruentes co resto da Lei. Sempre fun republicano , dos de todo o poder para o pobo, non dos falabaratos que se conforman con fachadas enlucidas, pero o tema da bicefalia Presidente-Primeiro Ministro, non acabo de entendelo. Debe ser cousa dos que precisan dun Xefe de Estado, evolución normal, inda que non lóxica, dos reximes monárquicos precedentes. O modelo remata en situacións francamente esperpénticas, cun Presidente dunha tendencia e un Primeiro Ministro da oposta. E o pobo a rir ou botar peseta.

O carallo é que, como o pobo remata por cair na trampa e vota Presidente, mandamos a Madrid individuos coma Celso Delgado, que semella un aparecido: aparece por eiquí unha vez cada catro anos para nos pidir o voto e despois nin se acorda de nós. Nin nós dil, todo hai que dicilo. Ou Elena Espinosa, Ministra que nos fai un favor presentándose por Ourense, en palabras de Manuel Fidalgo, e que me lembra o que teño lido da Primeira República. Alguén lembra xa que Calvo Sotelo, ex-titular de media Rúa do Paseo, conseguíu o seu escano en Madrid pola provincia de Ourense e, igual que lle pasou e pasará á Ministra en funcións, despois do 9 de marzo: Orense, si te he visto, no me acuerdo. E o de ‘Orense’ está posto a propio intento, ou qué vos apostades?

Cándo espabilarás, paisano, e mandarás de representante teu a un teu veciño, e non a un “Galego coma ti”, pero de Madrí? E hoxe por hoxe, só unha formación, das tres con posibilidades, leva xente que se preocupa polo lugar onde vive, e vive no lugar polo que se preocupa. E esa formación é o Bloque Nacionalista Galego.