Non vou meterme agora a crítico de cociña, inda que probablemente estea máis capacitado que moitos que exercen de tales. Hoxe, por primeira vez, e por deber de amizade, fun a Expourense, e nada menos que a cear no Xantar. Por esixencias de número, collimos o menú do Xurés, e teño que dicir que o servizo foi impecable, cando non agarimoso.
O problema veu cos pratos. Xa me cheiraba mal tanto nome tan longo. Xa os sabedes: a cantidade, e moitas veces a cualidade, do prato vai en proporción inversa á lonxitude do seu nome. Empezaba o menú cun Querelle de mousse de ombreiro de porco larengo... Co cal, unha trapallada resesa de lacón. Alí ficou a maior parte. E o cheiro a Avecrem. Mimadriña, mareaba.
As tripas, de segundo, porén, merecían un notable alto se nos poñemos a cualificar. Únicamente requerirían un minutiño máis de cocción os garabanzos. E eran escasos, escasos, escasos. Ditosos recipientes xaponeses!
Veu despois o que pensei fóra a piece de resistence: a cachena con moitos palabros franceses. E veu acompañada co galo pica no chan. A cachena, deliciosa, e o galo, tres cuartos do mesmo. Lástima o recheo doce ser dátil. Demasiado seco. Probablemente a carne tan saborosa sentaríalle de carallo unha piña tropical en almibre. E dende logo, teñen que correxir o de deixarlle o oso ó dátil, ou iso ou van pagar moitos empastes.
O pica no chan sabía ben. Lástima únicamente de que a min me tocase o chan. Cociñetas, a carcasa é residuos, por se non o sabías.
O corzo, caralludo. Lástima do cheiro arrepiante a Avecrem que tamén destilaba. E do exiguo do prato. Dende logo, todo o conxunto non era para comer con Joaquín Rebolledo, o mellor da cea e para máis INRI, non era da comarca.
Os postres, sobresaínte, ben e moi deficiente, según falemos das filloas, o xeado de sopas de burro cansado e o cristal. O cristal, meniños, évos unha leite fritida rechea de FIDEOS!!! Cánto mal levan feito os programas de cuciña (cu-ciña) francesa da TV!
Inda porriba, a comida en vaixelas de prezo e o café en vasos de plástico. Iso sí, o licor de herbas estaba bó.
En fin. Primeira e última vez. Por 30 euros, máis os 3 da entrada, como o que quero, canto quero, e nun local mellor, mellor acompañado, non a dez metros do Rogelio da Arnoia, bluaarg, e promociono o sector hosteleiro do lugar onde como, non unha fundación cutre-salchicheira.
En fin. É tarde e mañán o día é longo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário