Hai vinte anos era eu asiduo da viaxe Ourense-Compostela. Daquelas leváballe duas horas e media, así fose o carro de mulas coma o camelo, para facer un pouco máis que cen quilómetros, cunha media de menos de 45 por hora. Iso cando non eran cinco horas, por accidentes técnicos.
Fai vinte anos, os únicos trens ou comboios para Portugal saían de Vigo unha vez ó día e chegaban a Vigo unha vez á noite. Se querías chegar a Porto dende Ourense, tiñas que baixarte en Guillarei e esperar dúas horas a que pasase o que viña de Vigo. Ademais, non era enlace, collíalo porque paraban alí un e o outro tren, pero o Vigo-Porto non esperaba por ninguén. Puiden comprobalo cando o que me levaba a Vigo estivo parado en Frieira case dúas horas por problemas técnicos, os eternos problemas técnicos, ou os eternos cruces con outros trens en sentido contrario, e para cando chegamos a Guillarei non me quedou máis remedio que coller o único taxi ata Valença. E inda bó que estaba alí o taxi. E inda bó que chegamos a Valença ó mesmo tempo que o comboio que quería eu coller.
O tren que fai a liña Castejón de Ebro-Iruña, de 70 quilómetros, para en tódolos apeadeiros, e inda así cubre o traxecto en 45 minutos. A media supera os 90 quilómetros por hora.
Hoxe, o traxecto Ourense-Compostela fano os mesmos trens en... duas horas e media. Pecháronse dende aquela moitos apeadeiros máis. A odisea para ir a Portugal segue a ser a mesma. Pasou unha xeración e os medios técnicos dos camiños de ferro galegos non mudaron, coma non fose para pior por achaques de idade.
Mais, tachán: Dannos o AVE, en realidade un TAV (ou Tren de Alta Velocidade), e xa está. O AVE ou o TAV é a fórmula máxica, a pedra filosofal, a panacea que vai solucionar todos os nosos problemas. Por un lado cabe aledarse de que non sexa un AVE coa E insidiosa, poren polo outro, ulo os problemas que soluciona ós usuarios dos trens galegos? E inda esperemos que non se use de xustificación para non investir un can nos camiños de ferro do País, coma de costume.
Vouno dicir claramente: señores vendedores de motos, poden vostedes instalar os luxos que lles pete, sempre e cando ANTES nos dean o básico. E o básico é dobre vía en tódolos traxectos, é dar cobertura a unha poboación dispersa coma a nosa volvendo parar nos apeadeiros, é crear unha comunicación regular con Portugal,...
Nenhum comentário:
Postar um comentário