Chamémoslles energúmenos, indesexables e canto cualificativo ruín e obsoleto se nos pase pola cabeza. É sinxelo. Non teñen defensores. Nengún fiscal ou xuíz vai dar orde de que os ampare un corpo de seguridade do estado ou un instituto armado. Os xuíces e os fiscais están para o que están: para defender ás ‘personas de orden’, para defender ó capital fronte ó provinciano. Así que, ceibemos a lingua a pracer e fagamos amigos coma nós: ‘personas de orden’. Ó cabo, vainos saír de balde. E as palabras non mancan, non sí?
Sería para rir, se non fose tan penoso e esperpéntico. O poder das palabras e a debilidade das palabras. Algunhas son tan febles que son arrinconadas polo meu procesador de textos ianqui ben pensante: prostituta, bastardo, fornicar, mear, culo, pedo (que podo entender o de mexar e o de peido, pero o cu é o cu, que por algo lle chamamos “que” á letra ‘q’, e todas as palabras que o substitúen son eufemismos; e o de bastardo e prostituta? Por iste e outros motivos sigo a considerar ós ianquis coma unhas monxas sádicas. Ademais, subráiame prostituta, pero non proxeneta. Hipócritas!). Outras, en cambio, teñen a forza amparándoas e son correctas para o Word: metralleta, fusil, paredón, coronel, misil. E por se non se defendesen soas, xuíces e fiscais están dispostos a facer un esforzo e mandar a corpos e institutos a protexelas.
As palabras e os contextos. A min tildáronme de sinvergonza e de irracional sen ter culpa algunha, simplemente por non querer someterme ós dictados das ‘personas de orden’, ises que sempre teñen a razón e pensan que os demais só somos os seus escravos. A min, e a outros, incluído un conselleiro, increpounos un grupo de ‘personas de orden’ cando celebrábamos un acto de campaña, gratuitamente, polo feito de non pertencer a un dos dous partidos con patente de corso e ós que sí protexeu de inxurias das mesmas ‘personas de orden’ o instituto armado. E se teño que querelarme con cada un dos monos amestrados que fan o xogo de palabras nazi-onalista, non podería saír dos xulgados.
Cando o ex-presidente da Xunta desculpaba os insultos e inxurias polo contexto da campaña, referíase únicamente ós proferidos por il ou o seu rabaño. O feito de chamar feixista a un feixista, que non se pode considerar delicto porque niste estado de dereito ser feixista non o é, e polo tanto non hai inxuria, sí está penado por xuíces e fiscais que están a esperar á mínima para saltar sobre todo aquil que non pertenza ó escolleito grupo das ‘personas de orden’. Utilizar o cargo público para beneficio persoal ou político é prevaricación, que sí é delicto. Aplíquese a lei.
Por certo, se digo que me cisco nas ‘personas de orden’, enténdase que evidentemente non se pode cualificar de inxuria, e líbreme ‘Dios’ de caer na ameaza. Son só palabras.
Nenhum comentário:
Postar um comentário