Quedan tres días campaña e inda é hoxe que as fotos de Rajoy e Zapatero son, quitando algunha despistada do candidato do PP, as únicas que se ven nos muros e letreiros de Ourense. É incrible o esforzo que están a facer tanto o PP coma o PsóE por convertir ésta e ,por feitos consumados, as vindeiras, nunha campaña presidencialista.
Fai algo máis de catro anos pensei en debuxar unha banda deseñada do Aznar e a Constitución na que aquil lle dixera á última “Tranquila, violareite pero non te reformarei”. Por aquelas datas viña o do bigote de declarar unha guerra sen seguir os cauces que a lei suprema estabelece. E declarar unha guerra, deixando a parte a lamentable perda de vidas, inocentes ou non, conleva que entren en vigor excepcións que contempla a propia Constitución, que, no artigo 15, deixa en mans dos sempre piadosos e comprensivos militares dispor a pena de morte. Eiquí hai quen me rebate que o Código de Justicia Militar aboliu tal pena, pero amiguiños as leises múdanse e algúns debecen por demostrar poder e cheirar un pouco de sangue, e o artigo 169 só estabelece que non se pode reformar a Constitución en tempo de guerra, non que o Código de Justicia Militar permaneza como está. A ver cando a algún dos que agora son tan progresistas e democráticos se lle ocorre (que tampouco é pedir tanto) que o 15 quede simplemente en “Queda abolida la pena de muerte”. E punto com.
Ven a conto porque semella que ambolosdous partidos maioritarios queiran importar de facto o modelo bipartidista ianque (Sí, ianque. E se ofenden ós fachas da cruz do sur, pois que os ofendan), sen reformar unha Constitución que estabelece claramente un modelo político, inda que outras cousas, como todo o Título II, sexan pouco claras e de todo incongruentes co resto da Lei. Sempre fun republicano , dos de todo o poder para o pobo, non dos falabaratos que se conforman con fachadas enlucidas, pero o tema da bicefalia Presidente-Primeiro Ministro, non acabo de entendelo. Debe ser cousa dos que precisan dun Xefe de Estado, evolución normal, inda que non lóxica, dos reximes monárquicos precedentes. O modelo remata en situacións francamente esperpénticas, cun Presidente dunha tendencia e un Primeiro Ministro da oposta. E o pobo a rir ou botar peseta.
O carallo é que, como o pobo remata por cair na trampa e vota Presidente, mandamos a Madrid individuos coma Celso Delgado, que semella un aparecido: aparece por eiquí unha vez cada catro anos para nos pidir o voto e despois nin se acorda de nós. Nin nós dil, todo hai que dicilo. Ou Elena Espinosa, Ministra que nos fai un favor presentándose por Ourense, en palabras de Manuel Fidalgo, e que me lembra o que teño lido da Primeira República. Alguén lembra xa que Calvo Sotelo, ex-titular de media Rúa do Paseo, conseguíu o seu escano en Madrid pola provincia de Ourense e, igual que lle pasou e pasará á Ministra en funcións, despois do 9 de marzo: Orense, si te he visto, no me acuerdo. E o de ‘Orense’ está posto a propio intento, ou qué vos apostades?
Nenhum comentário:
Postar um comentário