segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

As contas do coengo



O feito é que os españois deben ser iguais diante da lei, independentemente, entre outras cousas, da relixión. O feito é que a sacrosanta -cando convén- Constitución Española sinala claramente que ningunha confesión terá carácter estatal, inda que no mesmo parágrafo abra a fiestra da cooperación. O certo é que a Constitución Española de 1931 resultaba abrumadoramente máis avanzada que iste texto de consenso ou de baixada de pantalóns diante do feixismo inda no poder.
700.000 euros, que se di pronto, da Consellería de Sanidade prós curas dos hospitais. Son 54, a 13.000 e pico euros por ano. En realidade, non me sorprende. Sorprendíame, polo minguado, a cantidade de 187 millóns de euros que, pretendendo asustar, anunciaba hai pouco certo medio que lle palmaba Facenda á igrexa católica en razón dos idiotas (léase en versión etimológica e inclúaseme, pero non pola escolla) que sinalan cun aspa a cadrícula correspondente. Isto tamén contravén a sacrosanta constitución, pero qué se lle vai facer. Como diría dela o eterno Aznar, “Tranquila, te violaré pero no te reformaré”.
Digo minguado porque os 187 millóns non contan coas subvencións a colexios privados concertados, que son no 90% de un ou outro clube católico, léase xesuitas, franciscanas, maristas, salesianos, xosefinas,… e xesuitos, franciscanos, maristos, salesianas, xosefinos,… Esta subvención, só na Galiza, supera os 400 millóns de euros. Fágase a conta. E de paso, considérese que por cada 10 euros que se invisten nun alumno público, invístense 7 nun alumno concertado. E certamente, ós pais do alumno concertado non lle cobran só os 3 restantes.
Engadamos as residencias de vellos, os balnearios, todas as fundacións de unha e outra actividade, e ducias de cousas máis. Unha mina mellor que toda a prata do Potosí e o ouro de México.
Dicía o artigo dos 187 millóns que se non for por esa ‘aportación’ do estado á igrexa, poderiamos xubilarnos ós 61 anos. Creo que teñen razón, pero a conta non sae se non se teñen en conta todas as demais derramas a favor dos do amigo imaginario. Probablemente, botando todas as contas, poidésemos xubilarnos antes dos 60. Pois ben, a miña proposta é que o fagamos. E senón, polo menos, que nos deamos de baixa do clube para que xa non teñan escusas. No de ser españois, xa falaremos.

Nenhum comentário: