Non me resisto a publicar eiquí o que ía ser o discurso inaugural do local social da Asociación Nacionalistas do Ribeiro. Abríanse as actividades cunha exposición sobre o Himno galego e contabamos coa presenza do entón Director Xeral de Relacións Institucionais, Xosé Antón Pérez Lema. Por cortesía, e por deixarlle campo ó poñente, o discurso foi parar á gaveta. Lamentablemente, unha gastroenterite impedíu a asistencia de Xosé Antón, e ninguén tiña copia algunha en papel do texto orixinal. Aí vai agora, simplemente porque me peta:
Bos días, benvidas e benvidos. "Eu sei dun himno xigante e estraño, que anuncia na noite da alma unha aurora..." Así se expresaba Becquer no inicio das súas Rimas.
A exposición que tedes diante dos vosos ollos está baseada no himno composto hai 120 anos polo bardo de Ponteceso, Eduardo Pondal, e estreado hai un século na Habana. Cabe chamarlle druída, porque precisamente unha das categorías dos sacerdotes celtas, e a que máis perdurou ó longo do tempo, foi a de cantor e gardador da historia da tribo. Sen querer entrar na polémica celtas si-celtas non que cada lustro inclina a balanza cara unha banda -e mellor é dicir galegos e punto-, teño que pregoar o valor simbólico e identitario dos versos extraídos do poema Os Pinos. Os tempos de Pondal non podemos xulgalos dende o prisma actual. Eran tempos heroicos para a lingua, para a identidade e para o propio pobo. Sen ir máis lonxe, a globalización de aqueles días acababa de agasallarnos co oidium, chegado no ano 1852, que deixou na ruína e na fame a miles de familias ribeirás.
A música do himno, lonxe das marchas militares polas que optaron outras nacións, é a dun canto coral, unha alborada, un “cantar miudiño, miudiño” que sae da propia terra e saúda ó novo día, polas gargantas das súas fillas e fillos.
A letra, que sirve de base ás láminas desta exposición, é o canto lírico da busca das raíces nos anos do romanticismo e o Rexurdimento. Pódeselle chamar invención, como xa teñen feito con Pondal, con Murguía, con Vicetto,... polo procedemento de extrapolar a nosa imaxe do mundo 150 anos atrás. Hai que lembrar, porén, que aquelas mulleres e homes cantaban e escribían sobre unha tabula rasa, baleira, e sen marxes nos que soster a liña. E tiñan como exemplo ós estados nacionais que construían o seu castelo de crenzas sobre historias e conceptos non menos mitolóxicos que aqueles ós que acudían as nosas poetisas, os nosos poetas, historiadores e recopiladores da tradición...
O importante de todos os seus traballos non é que os celtas sexamos galegos, senón que sentaron as bases pra que Galiza deixase de aculturizarse e fose de novo consciente de seu. As bases para a aparición dunhas Irmandades da Fala, dun Partido Galeguista, dun Castelao, unha Filomena Dato, un Otero Pedrayo, unha Sofía Casanova ou un Blanco Amor.
Por todo iso, nós, como Asociación Nacionalistas do Ribeiro, consideramos esta exposición a máis axeitada para a inauguración diste local. As nosas aspiracións, os nosos obxectivos, tampouco son tan distintos dos expresados nas palabras de Pondal, nin o noso xeito de expresalas, suave pero firme, e sobre todo poético. Nós tamén somos poetas, no senso que lle daba á palabra Robert Graves, de buscadores, de detectives da verdade. Unha verdade que nos di que Galiza inda ten que seguir erguendo a cabeza para saír da postración cultural, da postración lingüística, da postración económica, da postración social. É a nosa unha vocación redentora, mais redentora dende dentro, dende a propia sociedade, que é o único xeito de coñecer as súas necesidades. Cremos que, deste xeito, non caeremos no que dicía aquela personaxe dos deseños do álbum Cousas da Vida de Castelao, con tremendo fatalismo, “Eu estudio para vos redimir”, ó que contesta a tremenda retranca do vello: "E o que escribiu nos libros tamén estudiou nos libros?". Cremos que non é, e de feito non está a ser, un esforzo baldío, como foi o daquela outra personaxe que se veu de América porque “non quería morrer alá”. O noso é máis un retorno á ilusión da nenez, á enerxía da xuventude. Somos conservadoras e conservadores... da nosa cultura, da nosa historia, dos nosos costumes e do noso patrimonio inmaterial; e arelamos unha sociedade sen privilexios, sen dereitos adquiridos, sen discriminacións de xénero, raza, idade, educación ou condición social. No fondo, unha sociedade da que todas e todos nos sintamos orgullosos.
Xa para rematar, quero agradecer a vosa presencia e a vosa paciencia eiquí hoxe, e tamén a presencia e paciencia do Director Xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, que falará a seguir e, a través da súa persoa, a colaboración da dita Dirección Xeral e as facilidades que nos deu para realizar esta exposición; ó alcalde de Castrelo de Miño, que nos honra coa súa presencia, e tamén vai dedicarnos unha palabras. E por último, o meu agradecemento máis especial vai para todas as socias e socios, amigas e amigos que prestaron xenerosamente a súa colaboración para que iste local estea hoxe en condicións de inaugurarse. Moitas gracias a todas e a todos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário