segunda-feira, 7 de fevereiro de 2011

Dúas novas taxas sobre a auga




Non é leria nengunha, nin un invento do BNG, como xa os voceiros do PP andan a espallar. O canon da auga e o seu xemelgo, o coeficiente de vertedura, xa están na liña de saída á espera únicamente do desenvolvemento regulamentar da Lei de Augas, aprobada polo PP en novembro pasado. Non fai falla ser adiviño para decatarse de que a penas celebradas as vindeiras municipais, empezaran a repercutir as novas taxas sobre os nosos recibos da auga, obrigarannos a poñerlle un contador ó noso pozo e a pagar pola nosa propia auga, e outra serie de agarimos da desadministración pepeira. A seguir déixovos un resumo da Lei para que vaiades rillando o que nos espera:

Todo o mundo é usuario de auga e polo tanto contribuínte. O titular, que pode ser unha empresa subministradora, unha comunidade de usuarios ou unha persoa física (2.45 a, b e c) é quen ten a obriga de pagar directamente a Augas de Galicia (46.2 e 3). No caso das empresas subministradoras, serán estas as encargadas de repercutilo, e obrigadas a facelo (72), de oficio, no cobro ó usuario final, que ten a obriga de soportalo (63.1 e 4). Ademais prohíbese facturalo por separado (63.5). Por qué será?
Créase o Organismo Autónomo Augas de Galicia, que será o encargado de aplicar os tributos (11.8 e 62)
O canon da auga é un TRIBUTO NOVO, COMPATIBLE con calquera outro anterior (41.1 e 63.1)
O canon grava o consumo da auga coa escusa da súa afección ó medio (43)
O canon afecta ó uso ou consumo real OU POTENCIAL de calquera auga (45.1)
O canon afecta incluso ó consumo ou uso das augas de fontes propias, pozos ou pluviais (45.3) Nestes casos AdG cobraralles o canon no prazo e forma que queda por establecer regulamentariamente (65)
O canon afecta a todos os usuarios ou consumidores reais ou potencias de auga (46.1)
Defínense como responsables solidarios (os que pagan) as persoas titulares do contrato de subministración e as propietarias, no caso das vivendas; no caso de captacións propias (pozos, fontes, depósitos de recollida de augas pluviais,…), as persoas titulares dos aproveitamentos e as titulares das instalacións de captación e/ou verteduras (pon contaminantes, pero pódese asimilar a todas); no caso de comuneiros, a comunidade de usuarios (46.4)
Non suxeitos e exentos (47): Poucos e non todos bos.
A base impoñible é o volume real OU POTENCIAL de auga usado ou consumido por mes (48.1) Pode determinarse tamén polo volume da vertedura, caso no que AdG poderá exixilo directamente do suxeito pasivo (61.2)
Os usuarios están obrigados a instalar e manter pola súa conta un contador de auga… (48.2)
…De non facelo nos 6 meses posteriores á entrada en vigor do regulamento que desenvolva esta Lei, entenderase que se acolle a sistemas de ESTIMACION OBXECTIVA (en outras palabras, que che cobrarán o que lles saia do nabo) (48.3)
A base impoñible poderá determinala Augas de Galicia en función dos volumes de dotación básica de auga para vivendas (é dicir: tanto ten que a casa estea ocupada ou non. O titular vai pagar o canon que eles determinen igual).
Págase no momento da utilización, que habería que esperar –os collós!– ó que desenvolva o regulamento, pero imaxino que pagarás por adiantado (51.1)
Establece (56 a 61) as cotas para o uso ou consumo de auga (2,50 euros ó mes por cabeza como mínimo) e os prezos por cada tipo de contaminante verquido.
A xestión, inspección, recadación e sanción no seu caso do canon corresponden a AdG (62.1)
Créase ademais, como outro imposto paralelo ó canon, o coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas, que nos recibos aparecerá diferenciado do canon (66) Este novo tributo apónselle á depuración de augas e os seus ingresos repercutirán nas depuradoras públicas e, olliño, nos consorcios que xestionen depuradoras (67). Xa sabemos que Chorín Feihood rouba ós pobres pra dárllelo ós ricos.
Polo que parece, as cantidades devengadas e os paganos son os mesmos que para o canon(68 a 70), co que unha familia de catro membros vai bater de fuciños cun mínimo de suba no seu recibo de auga de 20 euros se é mensual e 40 se bimensual.
Establécense sancións pecuniarias para as entidades subministradoras que non repercutan o canon e o coeficiente de vertedura (72).

Nenhum comentário: