terça-feira, 4 de novembro de 2008

Afranio

Vai pra vintecinco anos, que manda carallo cómo pasa o tempo, que me lin a novela autobiográfica de Antón Alonso Ríos, O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte. A novela, que merquei nun postiño de lance porque daquelas as pesetas eran contadas, a parte de ben escrita -non cabía outra cousa- narra unha historia apalpable, unha odisea persoal nun mundo patas arriba no que os asasinos fan o papel de xuízes e as víctimas son os culpables condenados polo delito que comenten os seus torturadores. Se repasamos as sentencias dos xuízos sumarísimos da época, atopamos centos de condenados, incluso á pena capital, por "auxilio a la rebelión". E inda pretenden que esquezamos.

Hoxe está a ser -ou xa foi, supoño- levada ó cinema esta historia. Alén Filmes encargou a Víctor Coyote a realización dun road-movie -máis ben un walk-movie en palabras do director- sobre a fuxida do deputado galeguista dunha morte segura. Alonso Ríos salvou o pelexo porque soubo usar o único recurso que funciona cando os imbéciles se arman e deciden cazar ós outros: correr e agocharse. O filme está protagonizado por Luis Tosar, co cal podemos estar seguros de que bordará o papel.

Um comentário:

Mariño disse...

Pois eu manteñome á espera do filme, cobízame ve-lo.