Alá chegaba o ‘progreso’ ó Ribeiro, armado con enxeñeiros, expropiacións e toneladas de cemento. Alá marchaban máis de 200.000 copelos da mellor terra de cultivo da provincia, para que un señorito de Madrid enchera as faldriqueiras. E, polo mesmo camiño, termas, campos de festa, muíños, posturas da anguía e da lamprea, e, por fin, alá marchaba a xente, ó rumbo, polo mundo adiante na procura do pan que na súa terra lles negaban. E alá, tamén, veu a resposta dun pobo que, en palabras dun cronista do Conde de Monterrei, señor en tempos daquelas terras, era orgulloso coma poucos. En noites pechas ardían as casetas dos operarios e dos enxeñeiros, saboteábase o material e, ó son das badaladas das igrexas do concello, xurdía un río de xente, encabezado polas bravas mulleres, a manifestarse –ata a palabra estaba prohibida– contra a falcatruada.
A mobilización das veciñas e veciños de Castrelo de Miño marcou un fito no rexurdir da conciencia galega e democrática. No verán de 1965, no concello ribeirao estreouse na axitación social a recén creada Unión do Pobo Galego. No banquete de despedida a Celso Emilio Ferreiro, que emigraba ó País dos Ananos, no Hotel Roma de Ourense, había unha ampla representación de labregos de Castrelo. Despoixa virían as Encrobas e tantos outros froitos do xenio popular, porén as sementes naceran alí, naquil “val tan fermosiño”.
Ó cabo, por fin estabamos nunha dictadura, a presa construíuse e pechouse, madia leva. Unha producción anual de dez mil toneladas da mellor uva do Ribeiro quedou debaixo de moitos metros de auga e, por décadas, as esqueléticas ponlas dos amieiros afogados clamaron ó ceo a inxustiza.
Ó correr dos anos, o pobo foise adaptando á nova situación. O val transformárase no Parque Náutico da Galiza. A presa, con ser un mal, aportaba ós concellos locais unha parte considerable do seu presuposto, e o insulto doía menos. Pero chegou unha nova normativa, un agasallo dun Goberno supostamente socialista ós productores de enerxías ‘renovables’. E o concello de Castrelo de Miño atópase agora na tesitura de ver reducido o IBI que percibía polo encoro, de 240.000 euros a menos da cuarta parte: 59.000. A medida, que une a aldraxe ó insulto, supón a perda da quinta parte do orzamento anual do concello, condenándoo á mera supervivencia nun momento en que se dispuña a asumir o reto de rendibilizar todas as súas potencialidades.
Xa case non sorprende, mais non acaba un de acostumarse a que un partido que se di socialista lle faga a cama ás empresas eléctricas fronte ós intereses do pobo. Dende o Goberno de Madrid argalláronse as novas leis que as favorecían, e na FEGAMP non teñen azos para se enfrontar ó seu propio partido e defender ós concellos que din representar.
Por iso, porque é de xustiza, as veciñas e veciños de Castrelo de Miño iniciamos, no Día da Patria, unha mobilización en protesta pola nova falcatruada que o Goberno central, en favor unicamente do gran capital, emprende contra o pobo e o interese social.
Castrelo de Miño 1965-2008
Um comentário:
A nosa enerxía ten valor!
Quen son eles para devalua-la?
Que soen as campás!
Que toquen a rebato ou a trono se fai falla!
Non volveremos consentir que xoguen co noso futuro!
Nin dende Madride nin dende a cona que os botou.
O pobo non quer máis aldraxes e luitará polo fermoso porvir co que todos soñamos e para o que traballaremos cóbado con cóbado.
As inxurias non serán esquencidas!
Sempre teremos quen loite con nós tal e como aconteceu nos 60.
Adiante Castrelo!
Sempre teremos quen loite con nós tal e como aconteceu nos 60.
Postar um comentário