Vai xa a décimocuarta edición da Festa da Anguía en Castrelo de Miño e, polo que parece, hai quen quere utilizar as presuntas eivas da mesma para torpedear ó goberno local. A teima de mesturar a política en tódolos eidos da vida non é nova, inda que é curioso que sempre proveña dos mesmos grupos de opinión. Desta vez, houbo quen quixo facer un paralelismo co feito de que os pementos da Festa do Pemento da Arnoia non son da Arnoia. Seica tamén é pecado que as anguías da Festa da Anguía non sexan de Castrelo de Miño, sendo que por banda nengunha se afirma que sexan locais. De feito, seica son francesas ou iso me dixeron, inda que cando me dirixín ás da miña ración en parlevú, non tiveron a educación de me respostar, polo que deducín que ou ben eran sordomudas ou outorgaban. Co cal, alá que me puxen a papar nelas, e ben boas que estaban.
Do que non se pode dicir o mesmo é do viño, cousa que é absolutamente indecente nunha comarca que produce tan afamados caldos. Será que a Comisión pensa que ó que vai o visitante é a embebedarse para esquecer que mañá ten que traballar. Que esa é outra, o segundo, e aí remata a conta, fallo da festa, polo demais fantástica, o feito de que teña que coincidir exactamente co día da celebración relixiosa. E tanto ten que, como sucedeu iste ano, teña que ser en luns, martes e mércores, días en que, como non esteas de vacacións, fastídiache un tanto trasnoitar. Está de noraboa o Goguelio, que non lle facemos a competencia, inda que, por variadas fontes entereime que seica iste ano a súa foi bastante triste.
En fin, que todo moi chachi, só que suxiro que corran a festa ó fin de semán máis perto e que, e isto non é negociable, poñan uns viños decentes. Que os cobren, pero que non fagan pasar vergonza ós castreláns e ribeiraos en xeral que leven invitados e, querendo honrar a festa, adquiran o viño alí en troca de o levar da casa.
Tamén estaría ben que para o ano lle mudasen a campaíña do inicio dos avisos por altofalante por outra menos ferroviaria. Que cada vez que soaba, encontrábame esperando escoitar: “Señores viajeros, el expreso procedente de Madrid con destino Vigo, estacionado en vía tres, andén primero, va a efectuar su salida”. E falando diso, que dean os avisos en galego, que para dous toristas da meseta que poidan vir á festa, non temos por qué baixar os pantalóns. E se non o entenden, con preguntar ó veciño solucionado, que coas mans e os fuciños engraxados, todos somos amigos.
Um comentário:
como se nota que les a region,as veces case mellor non entrar...
Postar um comentário