Estaba eu a pensar con qué tema encher hoxe unha liñas para non rachar coa media que leva o blo dende que volvín das vacacións, cando me atopei cunhas notas que tomara dunha nova, creo que da Voz, referente ós parasitos autorizados polo estado do benestar iles. Á SGAE xa a coñece todo o mundo e, quen máis quen menos, císcase no imposto revolucionario que nos mechan en cada adminículo ou consumible capaz de conter información. De momento, creo que non se taxa o papel, pero todo se andará.
Para acabala de rematar, refollando nos xornais dixitais, achei esta nova do Boletín Parroquial, que fala da absolución dun hostaleiro acusado PENALMENTE pola SGAE de amenizar os convites con música sen a súa autorización, previo pago.
Na nota teño estas outros tres sanguesugas que viven do que papaíño Estado lles permite limparnos: CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), que se leva unha cantidade por cada fotocopia que se fai, inda que sexa a do teu documento de identidade; EGEDA (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales), que autoriza, previo pago, a emisión das obras e gravacións audiovisuais; AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), que cobran dereitos sobre actuacións; poñamos por caso que os teus nenos representan no colexio Cats, pois prepara a carteira para pagar os dereitos antes ou os dereitos e a multa despois.
Todas estas entidades son asociacións, sociedades ou fundacións PRIVADAS, que só deberan recadar os dereitos correspondentes ós seus asociados. No caso da SGAE, coa autorización dun Goberno supostamente progresista, lévase tamén o seu anaco en obras e autores alleos – cobrando, por exemplo dereitos ós concellos pola representación de obras orixinais dos propios actores que as representan encadradas dentro dos circuítos culturais organizados pola Consellería de Cultura -, ademais de conculcar un dos principios vertebradores da democracia, tal é o da presunción de inocencia, ó cobrar canon sobre soportes – cds, dvds, discos duros, gravadoras,... – nos que, pola súa regra de tres, presúmese delicto. Compensanción equitativa por copia privada, chámanlle os moi ladinos. Así, eu que teño a manía de mercar música e filmes orixinais, estou pagando esa preciosa compensación equitativa porque lle sae dos perendengues, por gardar as miñas fotos da miña recente viaxe a Portugal.
CEDRO, como xa adiantei, cobra unha porcentaxe sobre cada fotocopia que se realiza, independentemente de que o obxecto fotocopiado sexa ou non de autoría suxeita a dereitos. E reparte o recadado SÓ entre os seus asociados. Esto si que ten delicto.
En fin. Iste espich non está suxeito a dereitos de autor, pero o ordenador no que o escribín, e probablemente iste no que o estás a ler xa pagou o canon. Así que, amiguiños, se presumen que todos somos piratas, parvo o último.
Nenhum comentário:
Postar um comentário