segunda-feira, 4 de agosto de 2008

O meu reino por un cabalo

Xa falei máis abaixo do que creo que son as prioridades do País en canto ó sistema ferroviario. Sei que non gosta moito a miña opinión no círculo en que me movo, porque arestora estamos na campaña do paxaro, e nada máis que do paxaro. Tamén sei que, individualmente, hai moita máis xente que pensa coma mín. O verdadeiro aproveitamento do carril de ferro na nosa Terra pasa pola construcción de dobre vía en tódolos traxectos e a revitalización de todos os apeadoiros. Na Galiza, dadas as nosas condicións xeográficas e de espallamento da poboación, o tren debera converterse nun metropolitano que cubrise todo o territorio. Nun momento de crise enerxética, no que se está pedindo ó público que se implique no aforro, non ten sentido que se sigan a desmantelar, por se non estaban abondo, os medios de transporte públicos.

RENFE di que ten na Galiza moitos traxectos que non son rentables. Mais pregúntome se non deixarán de ser rentables porque non cumpren uns horarios nos que á xente lle conveña desprazarse. Non semella moi lóxico que entre dúas cidades que deberan conformar un eixo poboacional e industrial, como son Ourense e Vigo, haxa só catro rutas diarias. Evidentemente, coas actuais infraestructuras que obrigan a buscar un apartadoiro abondo amplo para que se crucen dous trens que circulan en direccións opostas, non serían posibles moitas máis rutas. Compre, pois, facer inversións que melloren as vías existentes e constrúan novas vías paralelas. Debe ser un gasto astronómico, pero non máis que o do paxaro. Quizais a diferencia, nunha vida política que cada día se asemella máis á de fai un século, con relevos de poder entre dous partidos que na práctica xa parecen irmáns xemeos, estea en que a rendibilización electoral do paxaro é moito máis inmediata.

Ven a conto porque acabo de retornar dunha viaxe a Portugal e, onde antes podía mercar un billete para Porto no propio Ourense, agora teño que facelo no comboio portugués, no momento de cruzar a fronteira. Onde vai aquil tan sonado Eixo Atlántico? Marchou todo en paparotadas dos politicallos de turno? Probablemente.

3 comentários:

Anônimo disse...

Carallo meu! puxeches ó día o blo!
Eu son un deses individuos que penso no ferrocarril doutra maneira ven distinta á do paxaro.
Mirache o problema que tivemos ao sufrir unha suba dos combustibeis e logo unha folga do transporte?
Dependemos demasiado dos camións e turismos, e tal como están as cousas no asunto do petroleo é unha loucura non facer nada para non depender tanto dese ouro negro.
Trens de mercadorías, trens de pasaxeiros, iso é o que nos fai falla, que meus viciños queren o pasaro? pois adiante!, pero a dobre vía é moi, pero que moi urxente e necesaria.
Xa vemos os resultados que vai a traer o AV, eliminar apeadeiros e liñas na Galiza, é iso o que necesitamos? Axo que non.
Saúdos.

Henrique disse...

E se, inda por enriba, lle engadimos que as empresas -privadas- de transporte de viaxeiros por estrada, están a desmantelar liñas que tamén, segundo iles, non lle son rendibles, o panorama ponse negro, negro.

Anônimo disse...

E como van ser rendibéis? normal...
Esas empresas de transporte son as que mediante convenios coa Xunta cambian ao seu antollo o horario do comezo das clases dos nosos pequenos para poder atender no día co mesmo autobús a dous ou máis colexos, ao mesmo tempo que levan pasaxeiros canda os nenos...
Pareceche que necesitan máis liñas de transporte ao día?
A eles tampouco llo parece, por iso eliminan a liña da mañán cando os pícaros collen vacacións.
Un negocio redondo vamos, o mesmo transporte é pagado pola Consellería e polos usuarios non-escolarizados, caralludo!
Con tan pouca imbersión e tantos beneficios, para que máis?