domingo, 31 de agosto de 2008

Manifiesto

Hoxe tocaba, xa tocaba, que leva esto quince días parado, cousas de outras obrigas, facer algo de autocrítica, en palabras dun bo amigo. Debinlle retrucar que todo, todiño o blo é autocrítica, pero ben, os consellos positivos e benintencionados acéptoos sempre. Mais, vai ser que non, que hoxe -nantronte xa, que o maquinillo púxose parvo e non me deixou postealo aquil día- que teño algo de tempo son outros os temas que ocupan o centro do meu sentido particular, que é o meu sentido común propio.

É que ven de me mandar un outro amigo un correo no que se sinala a adhesión de Tele5 ó Manifiesto por la lengua común e convócase un apagón televisivo á dita cadea.

Non son moi dado a tirarme á piscina sen mirar se hai auga, así que craveille no google o de Manifiesto etcétera, pensando que o tal non podía ser tan terrible, por moito que o leven asinado unha boa meda de impresentables. Pero sí, amigos, entre outras cousas, o manifesto propugna que:

A lingua do imperio pequeno é a única que se lle supón, igual que os ovos na antiga mili, ós cidadáns españois. Polo tanto, como galego non me podo gabar precisamente de coñecer a lingua de Jorge Manrique, que o parece pero non é un cantante de boleros, porque se a descoñecese por completo, iste panfleto deixaríame fóra da categoría de español.

A educación ten que ser en castelán, e se queres dar galego, pois dalo coma lingua estranxeira, e xa vas polas viñas.

Que se queres ser atendido en galego nun organismo público, vas máis ben dado. Igual ías consultarte de osos e pel ó SERGAS e o único que está dispoñible que fale galego é o otorrinolaringólogo, que para a cousa da fala xa vai ben.

Que se o teu enderezo é Rúa dos Biosbardos e só hai sitio para un letreiro, vas máis ben dado, porque como ten que ser en castelán, vives na Calle Yoguresceltasdedanone.

Que nos vaiamos acostumando a ESCUCHAR ós nosos políticos no Parlamento galego, porque co urbanitas que se están volvendo, escoitar xa só escoitaremos a ises rojos folloneros do Bloque.

En fin, que declaro o boicot a Tele5 e a toda obra relacionada cos asinantes do Manifiesto por la lengua incorrupta de Franco, entre iles, por máis coñecidos, o excritor experuano Mario Vargas Llosa, o exactor excatalán Albert Boadella, o quensabesefilósofo charramangueiro Fernando Savater e o recentemente adscrito Arturo Pérez-Reverte, que non ten moito cariño ós galegos dende que non conseguiu meterlle o que il quería á Anxela Rodicio, cando estaban os dous alá nos Balcáns. Basta ver como a trata o imbécil e escuro este no Territorio comanche. Pantasma. Ó Arturiño só lle gostamos os galegos cando nos cae unha desgracia das gordas, pero igual que lle caen ben os bangladesinos, de lonxe. E outra, que estou vingativo vindicativo total, falta que escriba a súa segunda novela, que lida unha, lidas todas.

E a vindeira semana, faremos autocrítica.

2 comentários:

Anônimo disse...

Eih carballeira! ghaiteiro carallo!
Afirmo, reafirmo e firmo todo o aquí dito.
E todo é tan verdade coma grande é tamén a catedral de Compostela, mecagonos escuros señores do mal do nabo, inquisidores de meio patacón, que xa me da ata noxo só ver o 'ñ' de señores, señores de que? mais ben chusma des-ilustrada.
Saúdos dende este país extranxeiro verde e azul, de ríos, rías e montes, que quen lle dera a algúns deses firmantes poder decir que son d'aquí, desta Galiza que por non ser de todo súa odian e aldraxan a diario.

Anônimo disse...

(é que son têmido)

jo...macho!
para tí tódolos días son feiras... agás os domingos!!!!
cagonodemo!!!!!

e polo que se ve, parece que se che da mellor o de facer crítica que auto-crítica. entendo que non debe ser nada doado.
aínda así, voltarei a mirarche a semana que ven...e a seguinte...

bikos do binito.